Non existe un modelo de monte ideal de frondosas ao que converxer, aínda que si existen referentes: os bosques centroeuropeos tratados desde hai séculos para obter madeira de calidade. Desde a perspectiva do enxeñeiro de montes Froilán Sevilla, especialista no manexo de masas de frondosas, en “España a penas se iniciou ese camiño coas frondosas, case non hai formación. Poderíase dicir que onde máis se aplica é en Galicia”. Sevilla defende que unha boa silvicultura é precisa non só para obter madeira de calidade, senón tamén para mellorar a prevención de incendios.
“O que fixen eu foi copiar a xestión dos mellores bosques centroeuropeos para aplicala ao norte de Burgos, onde traballo”, indicou o enxeñeiro nunha charla sobre frondosas que tivo lugar en Oleiros. Froilán explica que a silvicultura que aplica pasa por seguir árbore por árbore desde que son pequenas.
“Hai que facer intervencións relativamente suaves e cada pouco tempo, deste xeito a matogueira non invadirá o terreo e isto, de cara aos incendios ten unha importancia enorme”, sinala. A finalidade, segundo apunta, debería ser sempre chegar á excelencia, aínda que tamén hai que ser “modestos” e marcarse uns obxectivos en base ás opcións que ofrecen os bosques.
Aplicación en terreos pequenos
Durante a charla expuxo un exemplo dun propietario de Francia que tiña unhas 400 hectáreas de frondosas. “Tiña claro o que buscaba e en lugar de meter un madeirista, decidiu empezar a anelar as árbores”, explicou Froilán. “O que fai este señor resume o concepto clave da silvicultura”, subliñou.
O proceso de anelado consiste en facer un corte cilíndrico e superficial, que afecta á casca e ós primeiros milímetros de tronco, dos individuos seleccionados. O obxectivo é interrumpir o fluxo de savia bruta e savia elaborada cara a raíz, sen afectar á estabilidade da árbore. O corte, que se fai nunha franxa de anchura variable, simula a morte natural do exemplar e contribúe a xerar madeira grosa en pé. Sevilla considera que se trata dun elemento fundamental para o manexo das repoboacións forestais de frondosas caducifolias.
No exemplo francés, Sevilla explicou que o propietario anelaba as árbores cun machete e unha machada. Desde a súa primeira visita, hai 21 anos, até agora, “as árbores medraron e xa saca cartos”. Con este caso puxo de manifesto que se pode facer algo similar en Galicia, chegando a propiedades pequenas das que sacar rendibilidade.
“Este tipo de xestión pódea facer un propietario privado pequeno”, insistiu, e aclarou que “é necesario que haxa unidades de xestión un pouco grandes (20 hectáreas) se se quere sacar un aproveitamento rendible. Loxicamente traballarase co que se poida, pero o máis importante é o nivel de capacitación dos actores”, valorou.
Incendios, un grave problema
O tema dos incendios debe ser “unha prioridade” na xestión e a silvicultura “podería mellorar bastante a relación cos incendios, cambiando algúns factores”. Froilán indica que non é bo ter os macizos forestais con monocultivos e que é necesario buscar zonas estratéxicas.
O enxeñeiro explica que non hai solución para loitar contra os incendios, porque cando hai condicións extremas, como as temperaturas dos últimos veráns, “dá igual o que se plantase”. Así mesmo, incidiu na importancia de que os lumes non entren nas carballeiras, porque se é así, pérdese a calidade na parte baixa das árbores, que é onde se ven as feridas do lume”.
Fronte ás voces que consideran as frondosas unha ferramenta contra os incendios, o investigador valora que “a solución non é repoboar de frondosas”. Para demostralo, amosou exemplos onde as plantacións de frondosas son un maior risco para os incendios incluso que algunhas plantacións de coníferas. A clave, para el, é o manexo silvícola das masas.
Un exemplo de xestión en Labio
Sobre o alto peso dos aproveitamentos forestais galegos no conxunto do Estado, que representan arredor do 50% das cortas, Sevilla considera que os datos de extracción galegos están “trucados” porque en España as cortas concéntranse en catro especies: piñeiro do país, piñeiro radiata, eucalipto e chopo.
As frondosas caducifolias en Galicia, de xeito similar ao resto do Estado, a penas representan un 3% das cortas con destino industrial, ó que hai que sumar as cortas para leñas domésticas. En comparación con outras comunidades, o rasgo diferencial de Galicia é o escaso peso do chopo.
“Galicia ten unha porcentaxe moi alta das cortas de España porque ten gran número de árbores das especies comerciais”, valora. Pero tamén puxo de manifesto a gran cantidade de hectáreas de frondosas que hai na comunidade, máis de 611.000 hectáreas (carballos, rebolos, castiñeiros, bidueiros,etc.): “É un gran patrimonio e non podedes vivir de costas a el”, aconsellou, para apuntar a continuación que “en Galicia hai un bo material xenético”.
Así mesmo, o enxeñeiro mostrouse fascinado pola visita que realizou a un bosque en Labio (Lugo). “Miraba aos carballos que había alí e pensaba “crecen máis que en Alemaña”, pero, que falta? Xestión”, expuxo durante a sesión.
Froilán destacou o traballo que se fixo nese monte galego e os resultados que obtiveron en tan pouco tempo. Explicou que as masas se deben abrir de forma suave e sempre “buscando os bos exemplares para axudalos”.
Isto mesmo foi o que fixeron en Labio “unha execución moito máis pura da que eu fago”. Explica que nas súas tarefas sempre tratan de axudar ao bo, pero tamén cortan parte do malo que hai no monte, “o que fan aquí é simplemente axudar aos bos”.
Para finalizar a súa exposición, concluíu afirmando: “Eu se teño estes carballos non tería présa en darlle paso á seguinte xeración. Co que hai pódese traballar e obter un bo produto, e aquí hai un gran potencial”.