Galicia mantén altas importacións de leite en plena crise do sector

A entrada de lácteos de Portugal e Francia na comunidade supera as 125.000 toneladas nos primeiros sete meses do ano, só un dous por cento menos que no 2014. As exportacións caen un 12 por cento

Galicia mantén altas importacións de leite en plena crise do sector

A entrada de leite de fóra xera malestar no sector produtor.

A balanza de importación e exportación de produtos lácteos indica que España inicia un tímido proceso de recuperación do seu mercado interior. Caen as importacións de lácteos nos primeiros sete meses do ano, en tanto as exportacións aumentan. Distinto é o caso particular de Galicia, que mantén altas entradas de leite foránea en plena crise do sector, en tanto as exportacións das industrias radicadas na comunidade caen un 12 por cento entre xaneiro e xullo.

Máis da metade das importacións de leite e nata sen concentrar que recibe España van parar a Galicia, segundo os datos estatais de comercio exterior. Os principais países dos que se reciben produtos lácteos na comunidade son Portugal, do que se traen máis de 100.000 toneladas -92.000 de leite e nata sen concentrar-, e Francia, con máis de 20.000 toneladas.

Máis da metade do leite e nata sen concentrar importado por España vai parar a Galicia

A presenza en Galicia dunha industria lusa, Lactogal, propietaria de Leche Celta, e de varias firmas francesas, caso de Lactalis – Puleva, adoitan xerar suspicacias entre os gandeiros, que critican a entrada de produción exterior en pleno contexto de crise do sector. Cómpre lembrar que durante as recentes tractoradas, gandeiros do sur de Lugo bloquearon en Euroserum Ibérica cinco camións que se supoñían cargados de lácteos franceses.

As cifras confirman os temores do sector. En Galicia, nos primeiros sete meses do ano, as importacións de lácteos a penas baixaron un 2,3 por cento, pasando de 128.000 a 125.000 toneladas de produto. Durante ese mesmo periodo, as exportacións caíron un 12 por cento, pasando de 63.000 a 55.000 toneladas.

Desde as asociacións de consumidores, como a Ucgal, lembran que só o leite certificado co selo Galega 100% ten garantías de ser leite producido en Galicia.

Contexto español
O escenario de Galicia contrasta co do conxunto de España, onde nos primeiros sete meses do 2015 as importacións de leite e derivados reducíronse en 100.000 toneladas, quedando en 559.000 toneladas; en tanto que as exportacións aumentaron en 18.000, quedando en 293.000 toneladas.

Os aumentos na produción de leite en España. tras o fin das cotas conducen ó sector a gañar peso no mercado interno. Co sistema de cotas, a produción no Estado só abastecía arredor do 70% do consumo interior, en tanto o resto procedía de importacións.

O desafío pasa agora por facerse con parte do mercado propio, se ben a competencia foránea en produtos elaborados como queixos de tipo industrial, nos que as industrias de Centroeuropa acumulan un extenso saber facer e uns prezos competitivos, dificultan o proceso de recuperación de mercado, segundo as valoracións dos expertos do sector.

Os datos de comercio exterior dos primeiros sete meses do ano revelan, de feito, que a importación de queixos caiu só en 2.000 toneladas, situándose en 142.000 toneladas (arredor dun millón de toneladas de leite equivalente). O maior retroceso nas importacións produciuse no leite e nata sen concentrar, que pasaron de 260.000 toneladas nos primeiros sete meses do 2014 a 210.000 no 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información