Galicia exporta a Asturias o seu modelo de seguridade en pensos para o gando

Galicia exporta a Asturias o seu modelo de seguridade en pensos para o gando

Galicia exportou a Asturias o seu modelo de seguridade en pensos compostos para animais grazas aos acordos que alcanzou a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) con dous fabricantes desta comunidade autónoma: Corvera Sociedad Cooperativa Asturiana e Piensos Vigil. En virtude de senllos convenios ambos os fabricantes entran a formar parte de Galis, o sistema de control de materias primas desenvolvido no ano 2005 por Agafac ao que xa están adheridas a maioría das fábricas galegas.

Piensos Vigil, situada no municipio de Sariego, é un fabricante e distribuidor que opera con máis de 500 gandarías do Principado de Asturias, mentres que Corvera Sociedad Cooperativa Asturiana constitúese a partir da antiga Hermandad de Labradores del Concejo de Corvera.

Con estas dúas novas incorporacións, Galis inicia a súa incursión no Principado de Asturias dentro da estratexia de Agafac de ampliar o seu ámbito de acción a todo o norte de España e prodúcese un ano e medio despois doutro fito importante: a adhesión ao de AgroCantabria, unha das grandes cooperativas do sector agroalimentario da comunidade cántabra, ao modelo de control alimentario galego.

“Estes acordos permitirán reforzar os controis de seguridade dos pensos e tamén pór a disposición de Corvera e Vigil toda a infraestrutura e as últimas tecnoloxías en seguridade alimentaria que utiliza Galis. Non só será beneficioso para os fabricantes, senón tamén para o consumidor final”, explica o xerente de Galis e director de Agafac, Bruno Beade.

Sobre Galis

O sistema Galis foi creado no ano 2005 baixo o amparo da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) e ten o seu laboratorio no porto da Coruña. É un sistema de autocontrol pioneiro en España e todo un referente no sector e as súas análises, que contan co respaldo das distintas administracións, axudan a detectar posibles contaminacións nas materias primas, millo, trigo, soia….etc. a través de inspeccións baseadas en puntos de control críticos das diversas fábricas e empresas adheridas ao programa.

Na actualidade, o sistema Galis engloba a un total de 58 fábricas, das cales, 55 están en Galicia -que representan o 96% da produción do penso galego-, unha en Cantabria e dúas en Asturias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información