Galicia é líder en España na produción de pensos de vacún, con 1,4 millóns de toneladas ao ano

Na comunidade autónoma operan 95 empresas cun total de 106 fábricas, segundo reflicte o último estudo sobre o sector realizado en Galicia. O sector xera un total de 3.000 empregos directos e indirectos

Galicia é líder en España na produción de pensos de vacún, con 1,4 millóns de toneladas ao ano

Galicia é a primeira comunidade autónoma en produción de pensos para vacún, con máis de 1,4 millóns de toneladas ao ano, segundo se desprende do “Estudo do Sector da Alimentación en Galicia”, realizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) en colaboración coa Xunta de Galicia.

O informe ofrece unha completa radiografía do sector a través de enquisas realizadas nas 95 empresas -cun total de 106 fábricas- que operan na comunidade autónoma e pon de manifesto que Galicia é unha potencia na elaboración de pensos compostos para vacún, ocupando o primeiro lugar do ranking cunha produción media de máis de 1,4 millóns de toneladas, o 17,9% do que se fabrica en España. Hai que ter en conta que a cabana de vacún de leite de Galicia representa ao redor do 40% do total español.

Por outra banda, a comunidade galega tamén se sitúa nos primeiros lugares en alimentación para aves, con máis de 810.000 toneladas, e ocupa a oitava posición en porcino, con 843.000 toneladas (4,7%).

Respecto ao perfil empresarial, o informe destaca a presenza de grandes grupos como Coren, con catro fábricas -dúas en Lugo e dúas en Ourense-, De Heus Nutrición Animal, con dúas plantas na Coruña, unha en Lugo e outra en Pontevedra- ou Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), con dúas factorías na Coruña e dúas en Lugo, así como a cooperativa AIRA.

Respecto ao tipo de animais ao que se dirixe a produción, o gando vacún é o principal destinatario dos pensos elaborados en Galicia, xa que os datos reflicten que o 44% do producido destínanse a alimentar a esta especie; o 25% á avicultura e porcino, respectivamente, mentres que o 6% restante se reserva a outras especies (coellos, cabalos, gando ovino ou cabrún).

En canto ás materias primas máis utilizadas na elaboración dos pensos galegos, os cereais, os seus produtos e subproductos son os ingredientes máis comúns (63% do total). Pola súa banda, as sementes de oleaxinosas, froitos oleaginosos, produtos e subproductos aglutinan o 27% e os minerais o 3%.

Máis de 900 millóns de euros en facturación no 2020, coa provincia da Coruña á cabeza

O estudo tamén se detén na facturación dos centros de produción e, neste sentido, as fábricas coruñesas, con 348.798.568 euros no ano 2020, representaron o 38% da facturación total. Séguenlle os centros de Lugo cun 26% (236.658.741 €); os de Pontevedra, cun 19% e 178.541.051, e as fábricas de Ourense, cun 17% e 152.280.000 € facturados.

Outro dos parámetros analizados no estudo sectorial é o emprego. Neste sentido, o sector da alimentación animal en Galicia xera uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos e só entre as empresas enquisadas concéntranse máis dun milleiro de traballadores. Así mesmo, a metade destas compañías contan con persoais de máis de 15 persoas e o 71% dos traballadores teñen entre 41 e 50 anos.

Galis, garantía de calidade

O “Estudo do Sector da Alimentación en Galicia” valora ademais o grao de satisfacción das fábricas con Galis (o sistema sectorial de control que realiza mostraxes en barcos e almacéns). Neste sentido, todos os centros de produción consultados manifestaron un grao de satisfacción elevado, cun sete sobre dez.

Deste xeito, o 100% cualificou de “útil” o sistema de alerta rápido de Galis, que ofrece a posibilidade de actuar de forma inmediata ante posibles perigos derivados da contaminación das materias primas.

Por outra banda, destaca o feito de que o 61% das fábricas enquisadas conte con laboratorio propio de análise fronte á situación que había en 2001, cando só o tiñan oito empresas. Respecto ao sistema de recollida de mostras, o 84% recólleas de forma manual e só o 16% dispón de sistemas de recollida automáticos.

Máis competitivos e sustentables

A incapacidade para negociar os prezos das materias primas, o elevado número de referencias e as limitacións tecnolóxicas son, a xuízo das empresas, as súas principais desvantaxes para ser máis competitivas no sector.

Porén, a maioría é partidaria de estratexias para reducir custos potenciando o agrupamento de fabricantes mediante integracións ou concentracións, impulsando servizos de comercialización dos produtos gandeiros baixo denominacións comúns (algunhas xa en marcha como Ternera Gallega ou Porco Celta) e a través de axudas públicas que contribúan a unha maior automatización e modernización dos centros de produción.

O sector considera que un dos seus principais retos nos próximos anos é a sustentabilidade. Así, xa se iniciou a transición cara a modelos produtivos máis coidadosos co medioambiente e o benestar animal. No seu camiño cara a unha industria máis sustentable, apostan pola consecución de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Neste aspecto, o 79% das empresas desenvolve estratexias nutricionais para unha alimentación máis eficiente e sustentable en condicións de benestar animal.

A posta en marcha de medidas a favor do cambio climático ou que permitan a adaptación aos seus efectos, como a redución de emisións, e o respaldo a programas de redución do uso de antibióticos (o 64% das empresas xa non produce pensos medicados e o 36% usa alternativas nutricionais para reducilos) ou iniciativas como “Da granxa á mesa” son outros dos seus avances nesta materia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información