Galicia colidera o programa de CONAFE de saúde podal

O Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa acolleu este fin de semana as IV Xornadas de Unificación de Criterios entre Podólogos I-SAP 2015. A incidencia das enfermidades de patas e pezuñas en Galicia é menor que a media española.

Galicia colidera o programa de CONAFE de saúde podal

Sesión práctica da xornada

O Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), acolleu desde o venres e ata este domingo a IV Xornada de Unificación de Criterios de I-SAP e un curso de podoloxía organizados pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE).

A IV Xornada convocou aos podólogos que están a colaborar con CONAFE no programa de saúde podal I-SAP, no que a nivel español participan a cooperativa galega de servizos gandeiros SERAGRO e ANKA, unha empresa de podoloxía navarra, así como podólogos independentes.

O programa internacional de saúde podal I-SAP foi implementado por CONAFE en España no ano 2012. Mediante unha sinxela aplicación informática, que non require traballar online, os podólogos que colaboran co programa recollen datos de seis tipos de lesións podales: Dermatite, úlcera de sola, liña branca, hiperplasia, flemón e laminite crónica.

Segundo explica Sofía Alday, directora xerente de CONAFE, “toda esta información recíbea CONAFE para, en último termo, realizar unhas avaliacións xenéticas de saúde podal, así como proporcionar ao podólogo e ao gandeiro unha ferramenta para xestionar mellor as súas explotacións en canto a saúde podal”.

Neste sentido, “o que pretenden estas xornadas é que haxa unha unificación de criterios na recollida de información para que todos os podólogos que participan en I-SAP recollan información seguindo os mesmos criterios”, explica Sofía Alday.

As xornadas tamén contaron con sesións de relatorios, entre as que destacaron as do profesor Javier Branco Murcia, Xefe do Servizo de Clinica de Rumiantes do Hospital Clínico Veterinario da Universidade Complutente. O profesor abordou os últimos avances en tratamento e diagnóstico de patoloxías da pezuña.

Atlas internacional de Saúde Podal

Outra das novidades que se expuxo nestas xornadas foi o Atlas de Saúde Podal, que foi compendiado por ICAR, o organismo internacional de control de rendementos, e no cal traballaron profesionais da podoloxía a nivel internacional. Este atlas realiza unha tipificación das enfermidades de saúde podal, asignándolles unhas características para o seu diagnóstico así como fotografías.

Por último, as xornadas organizadas por CONAFE en Coristanco tamén incluíron un curso de podoloxía, con visitas a seis explotacións lácteas da comarca de Bergantiños ao longo dos tres días. Sofía Alday explica que “o obxectivo foi achegar a profesión da podoloxía a estudantes de grao superior de formación agraria, a veterinarios pero tamén a gandeiros e para podólogos en xeral”.

Galicia está por encima da media española en saúde podal

Dentro do ciclo de relatorios, Noureddine Charfeddine, técnico de CONAFE, expuxo os resultados de saúde podal obtidos en España a partir do programa I-SAP desde o ano 2012.

Sesión de ponencias

Sesión de ponencias

Así, o 85% das lesións móstranse nas patas traseiras. A incidencia media das lesións podales nas ganderías que están controladas polo programa I-SAP é do 32%, sendo o 28,2% leves e un 3,8% graves. As patoloxías podales con maior incidencia son a úlcera de sola, con máis do 50% dos casos, seguida pola dermatite, con máis do 20% dos casos e a Liña Branca, con preto do 20%.

En Galicia a prevalencia de lesións podales é menor que a media estatal: un 29 %, unha porcentaxe que na provincia da Coruña baixa ao 27,4%.

Outro dos datos que se expuxo na xornada é a importancia do recorte funcional, xa que nas ganderías nas que se aplica este coidado hai un 6% menos de probabilidade de que a lesión sexa severa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información