Traballadores en activo de empresas do sector forestal reciben esta semana formación en aplicacións para o traballo en monte, así como en ofimática avanzada a través dun curso da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga). O curso, de 20 horas de duración, oriéntase a afondar no uso das tecnoloxías móbiles aplicadas ao sector, en tarefas como a localización de parcelas e a medición forestal.
Mediante a análise de aplicacións como Google Maps, Oruxmaps ou Sidcat, os asistentes practicarán con diferentes ferramentas dixitais para a localización e xeolocalización de parcelas.
No tocante á medición forestal, explicaranse aplicacións móbiles como Smart Measure ou Timbeter, que axudarán aos traballadores do sector a medir a través dos seus teléfonos móbiles diferentes parámetros dos troncos de madeira para poder realizar un inventario en liña e xestionar os datos obtidos de maneira dixital. O obxectivo destas ferramentas é axilizar, automatizar e xestionar dixitalmente a obtención de información.
O curso compleméntase con formación avanzada en ofimática. Desta forma preténdese mellorar a xestión no ordenador de ámbitos como os recursos humanos ou a produtividade de procesos internos das empresas, ademais de practicar trucos avanzados para axilizar o traballo en programas ofimáticos.
O Plan de formación sectorial de Fearmaga desenvólvese coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Fearmaga é a organización patronal que representa e defende os intereses dos serradoiros e dos rematantes galegos, os profesionais que se ocupan da corta en monte.