Novidades nas axudas 2024 da Xunta a grupos operativos para a innovación no agro

Novidades nas axudas 2024 da Xunta a grupos operativos para a innovación no agro

O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria das axudas por parte da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), que contarán en 2024 cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O orzamento correspondente ás últimas cinco convocatorias destas axudas supera os 19 millóns de euros.

A finalidade principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) ao sector.

Así, os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores relacionados coa Asociación Europea de Innovación (AEI). O obxectivo último é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.

Poderán beneficiarse destas achegas os agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, centros de investigación ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Liberados de presentar avais

Para facilitar o acceso a estas axudas por parte destes beneficiarios, o Consello da Xunta acordou tamén hoxe exoneralos da obriga de constitución de garantías polas cantidades aboadas a conta.

Deste xeito, quedan liberados da obrigación de presentar avais bancarios para poder cobrar pagamentos parciais. Esta medida adóptase porque os beneficiarios destas subvencións veñen sendo industrias, cooperativas e empresas galegas de pequena dimensión, que na actual situación económica teñen grandes dificultades para que as entidades financeiras lles concedan o aval que deben achegar coa xustificación e solicitude de pagamento parcial.

Xa que logo, a decisión repercutirá positivamente sobre os beneficiarios en particular e, de modo xeral, sobre a aplicación efectiva da innovación dentro do sector agrogandeiro e forestal galego, coa conseguinte mellora para a sociedade no seu conxunto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información