Finsa, a empresa de referencia na cadea do piñeiro en Galicia, reactivou á volta da Semana Santa as súas catro plantas en Galicia (Santiago, Rábade, Padrón e San Cibrao das Viñas) e ten operativas as súas liñas de fabricación. A empresa, que cesara a actividade a mediados de marzo, nos primeiros días da crise do coronavirus, retomou a actividade esta semana cun 50 – 65% do seu persoal total.
A empresa está producindo para atender os pedidos que lle foron chegando nas últimas semanas, se ben como é lóxico, son pedidos moi inferiores ós habituais, dada a menor actividade da cadea industrial e comercial. Coa reanudación de actividade das plantas de Finsa, reabríronse tamén os parques de madeira das plantas, que están asumindo madeira na medida en que lle poden dar saída, en todo caso cun ritmo de entrada que ronda nas distintas plantas un 50-80% do habitual. De toda a madeira que está mercando a empresa, arredor dun 90% é de piñeiro.
A produción de Finsa irá adaptándose á evolución da pandemia e dos distintos mercados nos que opera, pois hai que ter en conta que polo momento hai países con menor impacto da epidemia e que manteñen unha maior demanda. A empresa ten pactado cos seus traballadores un Erte ata o 30 de abril, que é un instrumento flexible que permite que os traballadores que sexan precisos para as liñas de produción se poidan ir reincorporando.