As cortas de piñeiro fréanse tras parar Finsa, pero mantense o mercado de eucalipto

Como medida de prevención polo coronavirus, Finsa para a súa actividade ata finais de mes, cando comezará a retomala de xeito progresivo. Ence, en cambio, decidiu manter a súa actividade normal

As cortas de piñeiro fréanse tras parar Finsa, pero mantense o mercado de eucalipto

Madeira de piñeiro aserrada en Finsa. / Arquivo.

O sector da madeira en Galicia está a sufrir as primeiras consecuencias da crise do coronavirus. Finsa, a principal industria consumidora de piñeiro na comunidade, decidiu reducir ó mínimo a súa actividade ata o día 25 de marzo, cando espera retomala de xeito progresivo. Entre tanto, a empresa mantén paralizada a compra de madeira dos operadores e aserradoiros cos que traballa.

A decisión de Finsa supón unha ralentización importante do mercado de piñeiro, se ben a gran maioría dos aserradoiros e dos rematantes, que cortan as árbores en monte, están mantendo polo de agora a actividade. Ence, o outro gran ‘tractor’ da cadea forestal galega, continúa funcionando a pleno rendemento, o que leva ás empresas a priorizar estes días as cortas de eucalipto.

“O sector da madeira está traballando con normalidade. Como é lóxico houbo uns primeiros días de incertidume, pero tanto aserradoiros como rematantes continúan operando, máis alá da decisión particular dunha empresa de restrinxir a actividade”, apunta Ana Oróns, a secretaria xeral da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga).

Actualización 24-III-2020: Trala prórroga do estado de alarma ata o 11 de abril, Finsa acordou cos sindicatos cursar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego ata o 30 de abril para 1.600 traballadores, do total de 2.130 que operan nas plantas galegas da firma. O persoal que se mantén en activo é ou ben de oficinas -e continúa activo por teletraballo- ou de mantemento. Toda a cadea de madeira está a reducir a súa actividade pola baixada da demanda e espéranse máis ERTEs para próximos días.

Incertidume
Desde a Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo confirman tamén que a maioría dos aserradoiros e rematantes segue traballando polo de agora, salvo decisións puntuais de parar. “Estes días houbo un desconcerto xeneralizado e hai preocupación e incertidume. As empresas continúan operando, pero non se sabe que vai pasar nos próximos días, pois se as grandes fábricas se paran, deixarán de recoller madeira”, valora Nuria Rodríguez, secretaria xeral da Asociación.

Finsa manterá pechado o seu parque de madeira ata o día 30 de marzo, salvo para subprodutos de reciclaxe dos que os aserradoiros se teñan que desfacer por falta de capacidade. A boa noticia para o sector é que o mercado de eucalipto continúa operando con normalidade.

Desde Fearmaga recoñecen tamén as incertidumes: “O Estado de Alarma vaise prorrogar máis alá dos 14 días iniciais, segundo avanzou onte o Goberno, e hoxe publicouse un decreto con medidas de apoio á economía. As empresas analizarán a situación e tomarán as súas decisións”, valora Ana Oróns.

Situación nas empresas
Como están vivindo os madeiristas a crise do coronavirus?. No Deza, unha das empresas forestais que opera na comarca e no sur da provincia de Lugo, Maderas Fernández, cambiou por completo as súas rutinas de traballo por mor das restricións do coronavirus. “Estamos baixo mínimos logo de que a principal fábrica á que lle subministrábamos limitara a produción”, concreta Manuel Ángel Fernández, responsable, xunto co seu pai, da empresa.

“Deixamos a corta de piñeiro e estámonos centrando no eucalipto e nas leñas de carballo” (Manuel Ángel Fernández)

O cese de actividade por parte de Finsa fixo que deixaran de lado o corte en pé da madeira de piñeiro. Polo momento, seguen coa corta de eucalipto, outra das principais madeiras que traballan, xa que a industria do papel continúa a demandala.

Tamén se están centrando noutras actividades que nesta época do ano non adoitan realizar, como é a corta de leña de carballo, que acostuman facer durante o inverno, cando resulta máis difícil traballar no monte polas malas condicións meteorolóxicas. “Permítenos seguir traballando, gardando as distancias de seguridade para ter o menor contacto posible entre os traballadores”, explica Manuel Ángel.

Catro operarios están centrados neste traballo de leñas, mentres que os 7 restantes están no monte coas cortas en pé, manténdose aínda todos os traballadores en activo.

A paralización da actividade chega nunha das épocas fortes de traballo no monte, xa que co bo tempo tamén se apuran os traballos de corta para poder realizar as plantacións. “Ó igual que as empresas da madeira imos deixar de facturar, os propietarios tamén van ter dificultades para poder plantar na primavera, que é cando se realizan as plantacións”, opina o madeireiro.

Eucalipto
Distinta é a situación das empresas que operan principalmente no eucalipto, como Maderas Freire, na comarca do Morrazo (Pontevedra), que mantén a actividade normal coas lóxicas precaucións, coma o desprazamento individual en veículos ata o monte.

“En eucalipto o mercado segue moi activo. Ence continúa a pleno rendemento e a demanda medra. Do eucalipto saen mascarillas e papel hixiénico”, lembra Manuel Freire

“En eucalipto, que é practicamente a única especie que se traballa na comarca a nivel de madeira, o mercado segue moi activo. De feito, Ence manterá aberta a recepción de madeira incluso este xoves, que é día festivo”, sinala Manuel Freire.

Ence, de común acordo co comité de empresa, decidiu a plena actividade das factorias de Navia e de Pontevedra, aplicando protocolos de seguridade para reducir os riscos de contaxio.

Desde o sector albíscanse boas perspectivas para o mercado de celulosa, pois aínda que os prezos son actualmente baixos, a demanda semella garantida. “A crise do coronavirus está fortalecendo a demanda de celulosa de eucalipto, pois é precisa para materiais como as mascarillas, equipos de limpeza ou papel hixiénico”, lembra Manuel Freire.

Medidas de seguridade en monte e nos aserradoiros

Fearmaga está mandándolle estes días circulares diarias ós seus asociados para informalos das novidades e dos protocolos de traballo que recomenda. “Nas cuadrillas que traballan en monte, a principal novidade é que se aconsella desprazar unha soa persoa por veículo. Recomendámoslle ás empresas que poñan un punto de encontro, xa no acceso ó monte, e desde alí que os traballadores vaian andando ata o aproveitamento ou, se é imprescindible, compartindo veículo co mínimo número de persoas xuntas”, explica a secretaria xeral de Fearmaga.

“Polo demais, ó tratarse a corta de árbores dunha actividade ó aire libre na que os traballadores xa viñan mantendo as lóxicas distancias de seguridade nas operacións, os riscos son escasos”, valora Ana Oróns, que lembra que os traballadores forestais contan con equipos de protección individual que reducen posibles riscos de contaxio.

En canto ós aserradoiros, Fearmaga incide nas cuestións xerais a ter en conta, como o mantemento dunha distancia de seguridade entre os traballadores ou evitar que se crucen turnos de entrada e saída, naquelas instalacións con varios turnos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información