A Finca Marco da Curra é unha estación experimental dependente do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Ubicada en Monfero (A Coruña), conta cunha extensión de 180 hectáreas en media montaña nas que investiga sobre liñas de manexo coa gandería extensiva. Entre os últimos proxectos levados a cabo, está un sobre control da matorralización do monte con diferentes tipos de gando, así como outro sobre a defensa do gando contra o lobo.
“Estamos ante un solo característico de montaña, con moitas pendentes, pedregoso e difícil de traballar. Por isto, introducimos especies coma o cabalo, dos cales hai 60 exemplares de Pura raza galega, cruzados e hispano bretóns, mentres que nas zonas máis pastables, hai unhas 70 cabezas de vaca rubia galega, 250 ovellas, e nun número máis reducido, cabras de raza autóctona Cabra galega”, detalla Abelardo Nimo, director do CIAM.
O mantemento de toda a superficie lévano 7 persoas que están contratadas para atender “o manexo dos animais, o control das cercas e as necesidades dos proxectos de investigación, entre outras cuestións”.
Liñas de investigación
A finais do ano 2021 finalizouse un proxecto de investigación que consistiu no desenvolvemento de experimentos enfocados a evitar a matorralización do territorio, “que é un problema que se estende por todo o norte peninsular”, afirma Santiago Crecente, técnico do CIAM.
“Aquí un dos experimentos que fixemos centrouse en observar a eficiencia dos cabalos e das cabras para o control de diversas especies de mato. O que observamos foi que, despois de 3 anos de pastorear unha superficie inicialmente dominada por matogueira e que foi desbrozada, a superficie cuberta mantívose nun 20%, mentres que nas parcelas de control que non foron pastoreadas a porcentaxe aumentaba ata o 80%”, amplía.
“Nas superficies con cabalos e cabras, a porcentaxe de mato mantívose nun 20%, mentres que nas parcelas non pastoreadas alcanzaba o 80%”(Santiago Crecente)
“Estes experimentos permitíronnos determinar que o pastoreo con estas especies pode ser unha medida eficaz na redución do risco de incendios e na súa intensidade”, avanza Crecente. Así mesmo, o técnico do CIAM engade que “esta investigación foi levada a cabo entre o CIAM de Mabegondo en colaboración co Centro de Investigación e Formación Agrarias de Cantabria, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario de Asturias, e o Centro Tecnolóxico da Carne”.
O proxecto determinou que tanto cabalos como cabras foron eficaces na redución de matogueiras, pero desde o CIAM observaron diferencias na vexetación nos terreos controlados con cabalos fronte aos das cabras. “Por exemplo, o gando caprino foi moi eficiente no control da silva e no rebrote de árbores e arbustos, mentres que o equino demostrou maior eficiencia no toxo”, explica Santiago Crecente.
Cercas fronte ó lobo
Por outra banda, a Estación Experimental Marco da Curra está participando noutro proxecto sobre “a eficacia de distintos tipos de cercados na protección contra o lobo”, afirma Crecente. “Para isto deseñamos tres cercados experimentais, e de cada un, fixemos 10 repeticións en diferentes ganderías de Galicia”, avanza.
Cómpre engadir que anos atrás, Marco da Curra tivo ataques de lobo recorrentes, unha cuestión que os levou á introdución de cans de defensa. “Aquí houbo fortes ataques, pero coa entrada de mastíns criados correctamente, cunha adecuada fase de socialización, vimos reducidos amplamente os danos; aínda así, o ideal sería facer unha mestura das dúas medidas de prevención, isto é, unha correcta construción dos peches e dispoñer de cans de garda co gando”, aconsella Santiago Crecente.