Medidas preventivas de ataques ao gando ovino adaptadas ao contexto galego

O proxecto 'Medidas preventivas da depredación do gando para a convivencia co lobo en Galicia' avaliou a efectividade de tres deseños de medidas preventivas para o gando ovino en Galicia entre 2021 e 2023

Medidas preventivas de ataques ao gando ovino adaptadas ao contexto galego

Imaxe dun lobo ao mencer ante un peche gandeiro, tomada por unha cámara de fototrampeo. / Imaxes cedidas. Prohibida a súa reprodución.

A variedade de medidas dispoñibles para reducir a vulnerabilidade do gando aos ataques do lobo é ampla. Con todo, a pesar dun uso tradicional de moitas destas medidas de prevención de ataques, como é o caso de cercados ou cans gardiáns de gando, a cuantificación sobre a súa efectividade é escasa. Como consecuencia, a implementación de medidas de prevención de ataques está fundamentalmente baseada en experiencias particulares e opinións, e menos na evidencia. Ademais, en moitas ocasións, a escasa evidencia susténtase en estudos de casos particulares, ou un número limitado de explotacións, e a súa implementación non está adaptada a cada contexto particular.

A elección da medida de prevención máis apropiada para cada contexto, tipo de gando e manexo, e explotación gandeira, é un factor chave á hora de maximizar a efectividade dos métodos de prevención. De feito, adoptar unha medida que non se axusta a estes condicionantes pode chegar a ter consecuencias negativas, como custos económicos máis elevados de implementación e mantemento, creando novas situacións de conflito e desconfianza.

En Galicia, actualmente, estímase que o lobo se distribúe pola case totalidade do territorio galego (un 91 % do territorio segundo a última estimación de 2021-22), e o estado da poboación, en base ao número estimado de mandas reprodutoras, pódese considerar como estable na última década. A ampla distribución da especie en Galicia implica que a actividade gandeira, en xeral, comparta espazo co lobo en maior ou menor medida. Por tanto, é necesario identificar que medidas de prevención de danos son máis efectivas para reducir o risco de depredación para os diferentes tipos de gando e manexos no contexto galego, adaptando a elección da mellor medida a cada explotación gandeira e contexto en particular.

Peche de dous arames electrificados

Peche fixo de malla gandeira de 140 cm con dous fíos electrificados

Grazas á participación de varias explotacións gandeiras galegas, púidose desenvolver un estudo para avaliar a efectividade de tres deseños de medidas de prevención de danos centradas no uso de cercados, derivados da experiencia acumulada en varias explotacións no manexo de gando ovino en Galicia.

En concreto, utilizouse un deseño experimental de cercado, con 10 repeticións por deseño, repartidas en 20 explotacións gandeiras ao longo do territorio galego, no que se avaliou a efectividade dos seguintes sistemas:

  • Un cercado fixo de malla gandeira de 140 cm con dous fíos electrificados (un fío pola parte superior da malla a 10 cm, e outro fío exterior á malla, a 30 cm do chan).
  • Un cercado fixo de 8 fíos até unha altura de 150 cm, con 4 fíos alternos electrificados.
  • Un cercado móbil de malla electrificada de 105 cm, combinado cun mastín como can de garda do gando.

Os diferentes cercados avaliados tiveron 3 ovellas no seu interior durante 12 meses (24 horas ao día).

Peche de malla fixa con 8 fíos electrificados

Peche de malla fixa de 8 fíos ata unha altura de 150 cm con 4 fíos alternos electrificados

Os tres sistemas probados demostraron unha eficacia de entre o 80 e o 90%

Na maior parte das explotacións gandeiras, os deseños avaliados foron efectivos. É importante destacar que a porcentaxe de efectividade, medida como o número de cercados nos que o lobo non entrou e non houbo ataques durante o período de estudo, foi moi alta para todos os deseños avaliados. A porcentaxe de efectividade no cercado fixo de malla foi do 90 %, no cercado fixo con fíos electrificados do 80%, e no cercado móbil de malla electrificada combinado cun mastín do 80 %. A adopción de calquera das medidas de prevención de danos tivo por tanto un efecto positivo na redución do risco de depredación.

A depredación de gando por parte do lobo é un dos principais elementos de oposición para unha convivencia entre esta especie e o ser humano. De feito, a prevención de danos é un dos eixos fundamentais da maior parte dos plans de xestión e conservación que existen para esta especie ao longo da súa área de distribución.

O risco de depredación para a maior parte de manexos gandeiros, particularmente semi-extensivos e extensivos, non é igual a cero. Pero tanto desde unha perspectiva do benestar e protección dos animais domésticos en explotacións gandeiras, como da conservación do lobo, debemos de reducir ao máximo o risco de depredación.

Os resultados deste estudo mostran que é posible adaptar medidas de prevención para o gando ovino ao contexto galego. É necesario fomentar o desenvolvemento de experiencias similares para outros tipos de gando e manexos gandeiros no territorio galego, así como avaliar a variación na efectividade das medidas ao longo de períodos de tempo máis longos.

Cercado de malla móbil combinado cun mastín como can de garda

Cercado móbil de malla electrificada combinado cun mastín como can de garda

A acumulación de experiencias deste tipo podería permitir elaborar catálogos de boas prácticas de protección do gando adaptados ao contexto de cada zona, con todos os detalles técnicos necesarios, incluíndo metodoloxías, procedementos, sistemas de funcionamento e custos orientativos de implementación e mantemento.

Esta información é relevante non só para xeneralizar o uso de medidas de prevención entre as explotacións, e asesorar a cada explotación dunha maneira máis eficaz, senón que se podería utilizar para optimizar o deseño de axudas públicas destinadas á implementación e mantemento de métodos de prevención de ataques ao gando, adaptadas a cada contexto, facilitando a coexistencia entre grandes carnívoros, como o lobo, e o ser humano.

lobo_noite

*O equipo que realizou o estudo agradece á Consellería de Medio Rural (Xunta de Galicia) o financiamento do proxecto. Así mesmo, agradece a todas as ganderías colaboradoras a súa participación, sen a cal o estudo non podería levarse a cabo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información