Fibras téxtiles forestais, un mercado en ascenso a nivel mundial

Os tecidos elaborados a partir da madeira representan xa arredor dun 7% do total do sector. As perspectivas apuntan a un crecemento progresivo no seu uso, na liña dunha moda máis sustentable e elaborada con materiais de calidade

Fibras téxtiles forestais, un mercado en ascenso a nivel mundial

Unha colección elaborada con materiais con fibras forestais da Téxtil Santanderina e deseñada por María Lafuente.

As fibras téxtiles de orixe forestal son xa unha realidade no sector da moda e unha tendencia cunha crecente demanda nos últimos anos. O segredo deste auxe parece radicar non só na calidade que ofrecen as pezas confeccionadas con elas, senón tamén en que estas fibras son un camiño cara á sustentabilidade para un sector, o téxtil, que arrastra un elevado impacto ambiental.

Estes foron dous dos argumentos que se presentaron sobre as fibras celulósicas na xornada telemática ‘Moda en madeira para un consumo responsable‘, organizada pola Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal – PEFC Galicia e cofinanciada por XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

A produción de tecidos de orixe forestal consome un terzo da enerxía e 60 veces menos cantidade de auga que a mesma produción de tecidos de algodón

As fibras celulósicas preséntanse como unha oportunidade para o sector téxtil, que busca unha produción máis sustentable. Este tipo de fibras obtidas de árbores, principalmente do eucalipto, permiten reducir o impacto ambiental de maneira considerable. “A produción de tecidos de orixe forestal consome un terzo da enerxía e 60 veces menos cantidade de auga que a mesma produción de tecidos de algodón”, apuntou Ana Belén Noriega Bravo, secretaria xeral de PEFC España, unha das relatoras da xornada.

As cifras

Nos últimos anos notouse un notable incremento da demanda e presenza destas fibras no mercado. Os datos manexados polo Sistema de Certificación Forestal PEFC apuntan a que en 2019, a produción global de fibras celulósicas no sector téxtil representaba un 6,4% dos 111 millóns de mega toneladas que manexan.

A viscosa forestal é sen dúbida a fibra con maior implantación, xa que representa un 79% da produción de fibras celulósicas do sector téxtil. O acetate ocupa a segunda posición (13%); mentres outras alternativas como o lyocell (4.3%), o modal (2,8%) ou cupro (con menos do 1% ) son aínda moi minoritarias, a pesar de que teñen un menor impacto ambiental e son máis sustentables.

Produccion mundial de fibras forestales_ Datos PEFC 

Nos últimos dous anos, o uso e a demanda de fibras forestais incrementouse e espérase que esta tendencia se manteña no 2022. Así, mentres que no 2019 a produción de fibras forestais téxtiles situábase en 7,1 millóns de mega toneladas, en 2021 acadaranse os 8 millóns e agárdase que no 2022 se chegue aos 8,5 millóns.

Evolucion produccion de fibras celulosicas en el mundo _Fuente PEFC

Evolución da produción de fibras celulósicas no mundo.// Fonte PEFC

A maiores de ser máis sostibles que outras materias primas, as fibras forestais pódense acompañar dun selo de certificación forestal, de maneira que aqueles tecidos que incorporan por exemplo o selo PEFC aseguran ademais unha xestión sustentable na obtención da súa materia prima. Neste sentido, a nivel mundial na actualidade hai 50 empresas dos distintos elos do sector téxtil que contan coa certificación PEFC. Na súa maioría, 26 delas, trátase de empresas especializadas no desenvolvemento da pasta celulósica, aínda que tamén comeza a haber firmas centradas na produción de téxtiles, fibra ou fíos.

Empresas que trabajan con fibras celulosicas con certificado PEFC

Empresas que traballan con fibras celulósicas con certificado PEFC.

“A cadea de custodia é un mecanismo que garante a trazabilidade dos téxtiles e outros produtos forestais ao longo da cadea de subministración, até o cliente final. Queremos que desde o bosque até a peza haxa unha cadea de custodia certificada”, reivindica Noriega Bravo, sobre a importancia da certificación forestal PEFC no sector téxtil.

A aposta polas fibras forestais

Unha das firmas do sector da moda en España que fixo unha aposta polo uso de fibras forestais é Textil Santanderina SA, con sede central en Cantabria e delegacións en distintas comunidades autónomas do territorio nacional, entre as que tamén se inclúe Galicia. A empresa, cunha facturación de 60 millóns de euros, 280 traballadores e con case un século de traxectoria, leva tempo centrada en reducir o seu impacto no medio ambiente mediante distintas estratexias.

O Grupo Santanderina vén apostando desde hai máis de 30 anos polo desenvolvemento de produto baseado en fibras celulósicas

Unha das vías para logralo é a aposta polas fibras forestais. “O Grupo Santanderina vén apostando desde hai máis de 30 anos polo desenvolvemento de produto baseado en fibras celulósicas”, indica José Antonio Mazorra, director de compras e Responsabilidade Social da empresa. Santanderina é unha firma cunha estrutura vertical, que abarca desde a recepción da materia prima até a peza final.

“Sempre estivemos preocupados por saber o impacto que xera a nosa actividade empresarial na contorna, para o que incorporamos tecnoloxías para ser capaces de medilo e reducilo”, explica Mazorra. Por este motivo, en Téxtil Santanderina tamén contaron con selos como PEFC para garantir así unha produción máis sustentable desde a obtención da materia prima.

No desenvolvemento de produtos baseados en fibras celulósicas levan máis de 30 anos colaborando co grupo líder Lenzing Group. Este traballo conxunto permitiulles desenvolver produtos elaborados sobre todo con fibras como o Lyocell, máis coñecido como Tencel, e a Viscosa Ecovero, ámbalas dúas obtidas principalmente do eucalipto e con selos de certificación forestal como PEFC e FSC, así como o de neutralidade de carbono. “Debemos ter en conta o baixo impacto ambiental que teñen estas fibras, así como que a celulosa é o polímero natural máis abundante na terra”, sinalan desde Grupo Santanderina.

A firma traballa sobre todo con fibras de Lyocell e Viscosa. Tamén incorporaron a Refibra, unha mistura con algodón reciclado e fibra celulósica

Grupo Santanderina tamén está a apostar pola Refibra, unha solución téxtil desenvolvida por Lenzing con pulpa de tecido de algodón reciclado mesturada con fibra vexetal virxe de eucalipto. “Combina o mellor de ámbolos dous materiais para crear unha das solucións téxtiles máis sustentables e modernas”, reivindican. “Hai que ter presente que estas fibras proporcionan ás pezas unhas características diferenciadas. Non só son unha alternativa sostible”, explica Mazorra.

Neste senso, tamén a deseñadora María Lafuente, que incorporou nos seus deseños as fibras de orixe forestal como o Tencel, reivindica non só a súa elección por ser unha alternativa máis sustentable e comprometida co medio ambiente senón pola súa calidade e confort. “A xente sorpréndese e queda marabillada co tacto suave e a comodidade destas pezas”, comenta.

A suavidade que ofrecen fibras como o Tencel débese a que as fibras de orixe forestal teñen o poro máis pechado, en comparación con outras de orixe vexetal como o algodón. “Ao ter o poro máis pechado son extremadamente suaves e mesmo son fibras indicadas para persoas con problemas na pel”, indica Montserrat Rodríguez Ogea, directora de Innovación da Axencia Galega dá Industria Forestal (Xera).

Ventajas de las fibras forestales

Vistas ó microscopio, as fibras de forestais teñen o poro máis pechado que outras alternativas de orixe vexetal como o algodón. Ademais, teñen menor risco de presencia de bacterias.

Outra das vantaxes destacadas na xornada é que se trata dunha alternativa cun menor risco de presenza de bacterias. Fronte a outros materiais como o poliéster ou o algodón, a presenza de bacterias redúcese á mínima expresión en tecidos elaborados con fibras forestais.

A día de hoxe, a maioría das marcas xa incorporou nas súas coleccións prendas fabricadas con fibras forestais, tal e como coinciden en sinalar os participantes na xornada. Reivindican o uso destes téxtiles sustentables como un cambio necesario no téxtil, xunto a unha aposta por pezas de calidade e máis duradeiras.

A compañía portuguesa Altri, interesada en investir no proxecto galego de fibras téxtiles a partir da madeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información