A Xunta acaba de chegar a un acordo coa compañía portuguesa Altri para o proxecto de fabricación de fibras textiles a partir de madeira. A pasteira lusa convertirase na inversora e tecnóloga deste proxecto, pendente de fondos europeos Next Generation, e co que prevén unha fabricación de 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles sostibles.
Segundo transcendeu hoxe por medio dunha nota de prensa difundida aos medios, o grupo industrial comprométese a costear o deseño e desenvolver a iniciativa co fin de pilotar as seguintes fases do proxecto para transformar madeira en fibra téxtil. Ademais, o proxecto pretende ir máis aló e busca explotar alianzas con toda a cadea de valor do sector galego.
Tal e como apuntaron dende Impulsa Galicia, a sociedade creada pola Xunta para fomentar proxectos que capten fondos europeos de reconstrución, neste proxecto agárdase un desembolso de 800 millóns de euros. A proposta comprende a execución dunha fábrica de lyocell, un tipo de fibra sostible que se comercializará para fío, corte e confección. Sería fabricada a partir de madeira e de reciclaxe téxtil.
Prevén que o proxecto poida supoñer uns 1.500 empregos directos e ata 6.500 indirectos. Mentres, na construción da fábrica estiman que se empregarían uns 1.700 profesionais. Polo momento, tampoco transcendeu cales son as localizacións que se barallan para a instalación desta nova fábrica.
Dende Impulsa Galicia, sociedade integrada pola Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%) agardan que o proxecto se converta nun motor para o sector forestal e nunha aposta do uso de madeira certificada como de tecnoloxías ambientalmente esixentes. “Estamos nos primeiros chanzos dun proxecto inclusivo, aberto no seu desenvolvemento á colaboración de todo o sector forestal galego, pensando especialmente nas pemes e en toda a cadea de valor, que ademais, como o proceso en si mesmo, estará dixitalizado e aplicará os principios da mobilidade sostible”, asegura Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia no comunicado realizado ós medios.
Altri, a compañía portuguesa que entraría no proxecto, é a segunda pasteira do país veciño, tras Navigator, e xa viña mercando de xeito habitual madeira de eucalito en Galicia. Tras Ence e a propia Navigator, Altri era un dos compradores de referencia en Galicia.