O Concello de Sober celebrou os pasados venres, sábado e domingo, a XLIV Feira do Viño de Amandi, coa asistencia de miles de persoas.Na edición deste ano participaron 22 adegas da DOP Ribeira Sacra da subzona de Amandi.
Na xornada do venres, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, participaron na inauguración da feira.
A inauguración correu a cargo da Adega D’Fran, de Vilachá de Doade, en homenaxe ao seu fundador, José María Díaz Vázquez, quen faleceu en decembro aos 95 anos de idade.
A festa seguiu coa actuación da Banda de Música Folk de Ribas de Sil e a Charanga Festicultores Troupe.
O sábado comezou coa precata e cata oficial da XLIV Feira do Viño de Amandi, no Hotel Palacio de Sober.
Pola mañá ofreceu o seu tradicional concerto a Banda de Música de Sober. Xa pola tarde segue a festa con varias actuacións musicais a cargo de Batukada Creativa, a charanga Louband e a actuación de Malenne.
Mañá a xornalista Lucía Rodríguez le o pregón ás 13:00 horas. E de seguido daranse a coñecer os viños gañadores da DOP da subzona de Amandi.
Gañadores das catas
O domingo foi o día grande, coa letura do pregón a cargo de Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión con raíces en Sober. A continuación déronse a coñecer os viños gañadores da DOP da subzona de Amandi nesta edición da Feira:
Tinto xoven (son os tres gañadores):
– Marcelino Mencía 2023 (Adega Marcelino)
– Val da Lenda Mencía 2023 (Adega Val da lenda)
– Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023 (Adega Soutelo)
Mellor branco xoven:
Don Bernardino Godello 2023 (Adega Don Bernardino)
Mellor rosado xoven:
Tareixa 2023 (Adega A Carqueixa)
Mellor tinto barrica:
Garoubas 2021 (Adega A Caqueixa)
Mellor tinto doutras colleitas:
Don Bernardino mencía 2022 (Adega Don Bernardino)
Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o vilalbés Eduardo Pérez Baamonde.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, deulles as grazas aos viticultores e viticultoras por “facer de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo; unha herdanza inigualable que recollemos dos nosos devandeiros; e os que temos responsabilidade debemos salvagardar para futuras xeracións”.
O Concello homenaxeado na Feira deste ano foi o do Pereiro de Aguiar, representado polo seu alcalde, Luis Menor.