A negativa inicial da Consellería do Medio Rural tanto a manter o funcionamento dos mercados de gando como a permitir a utilización das instalacións das feiras para facer o reagrupamento dos animais por parte dos tratantes está a mudar, á vista do devir dos acontecementos e das consecuencias que estas dúas decisións están a ter no sector.
Se a semana pasada o propio conselleiro José González solicitaba oficialmente ao Ministerio de Agricultura a volta á celebración dos mercados de gando, reclamado tamén por diversas asociacións e organizacións agrarias, hoxe mesmo autorizaba habilitar un pavillón do recinto feiral de Silleda para efectuar tres concentracións privadas de gando por parte de tres operadores distintos.
A remolque da situación, a Xunta está a modificar os seus criterios en función das consecuencias que tiveron as súas decisións iniciais
A suspensión sine die dos mercados de Silleda, Amio e Castro Riberas de Lea, que o conselleiro do Medio Rural se apresurou a defender no inicio da pandemia, sumado ao peche tanto da hostalaría como do turismo, acabaron xerando problemas para a saída do gando das explotacións, sobre todo de becerros pintos procedentes das gandarías de leite, que están sendo levados en ocasións mesmo sen prezo, e das vacas de desvelle, para as que practicamente non hai demanda.
Do mesmo xeito, a perda das canles habituais establecidas para o movemento do gando a través dos mercados semanais trasladou a concentración dos becerros lactantes -para a súa clasificación nos distintos lotes por tipoloxía e características, condición necesaria para o envío aos cebadeiros- á casa daqueles tratantes que contaban con instalacións autorizadas para este fin, trasladando tamén con elas as aglomeracións de persoas e vehículos a estas explotacións de trato, fóra do control das autoridades, como xa advertiran algunhas voces autorizadas.
A concentración do gando nas cuadras de trato provocou queixas
O peche do mercado de Silleda derivou a concentración dos becerros cara a dúas cuadras de trato existentes nas proximidades do recinto feiral da Semana Verde, ocasionando aglomeracións e problemas, ao non estaren habilitadas para acoller o aumento de demanda.
De feito, os propios veciños denunciaron nas últimas semanas o movimento masivo de camións cara estas explotacións de trato privadas e o propio alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, chegou a poñer esta situación en coñecemento da Xunta de Galicia, pedindo á Consellaría do Medio Rural que permitise a habilitación dos pavillóns do recinto da Feira Internacional de Galicia para levar a cabo a reunión do gando e a distribución en lotes, de cara ao seu transporte, no caso dos xatos con destino aos distintos cebadeiros.
O alcalde de Silleda remitiulle unha carta ao conselleiro denunciando “labores de trasego de gando procedente de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades, con asistencia mesmo de persoal veterinario da Xunta”
Cuiña remitiulle o venres 24 de abril unha carta ao conselleiro José González mostrando a súa preocupación porque como consecuencia do peche das feiras de gando estaban a producirse “labores de trasego de gando vacún procedente de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades” cara a unha explotación de trato ubicada no lugar de Vilanova, na parroquia de Margaride, “con asistencia mesmo de persoal veterinario da Xunta”, denunciaba o alcalde, segundo publicou o ‘Faro de Vigo’.
A preseza dos funcionarios tiña a finalidade de axilizar as guías necesarias para o transporte do gando, tal como se comprometera o conselleiro cos tratantes, para que estes comezaran a operar de novo tralo decreto do estado de alarma e a mover, polo tanto, o gando das explotacións.
Solución de carácter temporal e limitada a Silleda
Xa que logo, este martes volveron os xatos a Silleda aínda sen haber mercado, pois habilitouse o pavillón onde habitualmente se realizan as feiras para que os tratantes poidan facer alí a concentración. Esta solución, descartada nun principio por Medio Rural, xa fora adoptada no ano 2001 durante os meses que estiveran pechados os mercados por mor da febre aftosa.
Esta mañá en Silleda tres operadores diferentes reuniron 800, 400 e 300 cabezas respectivamente. Os operadores encargados de subministrar aos cebadeiros recibiron o gando aportado por diferentes tratantes, xuntaron os becerros no recinto e, unha vez distribuidos por lotes, cargáronos para envío, tendo acordado todo previamente cos transportistas.
No ano 2001 e cos mercados de gando tamén pechados pola febre aftosa, xa se adoptara esta alternativa en distintos puntos de Galicia
A Feira Internacional de Silleda habilitou un pavillón para estas labores a petición de Medio Rural que, inicialmente rexeitou esta alternativa confiando o movimento de gando aos tratantes nas súas propias instalacións, pero finalmente e ante os problemas ocasionados, decidiu habilitar esta solución con carácter temporal mentres dure o estado de emerxencia sanitaria decretado pola Xunta e o estado de alarma fixado polo Goberno central.
Non se autorizou ningunha operación de compra-venda in situ, senón simplemente a descarga do gando por parte dos tratantes da zona para a súa reunión, confección de lotes e carga cara a destino. As descargas programáronse de xeito escalonado para evitar aglomeracións, mantendo as distancias de seguridade e cos operadores, na maioría dos casos, equipados con medidas de protección como luvas e máscaras.
A Xunta descarta extender este sistema ás instalacións de Amio ou Castro Riberas de Lea xa que “púxose en marcha para dar solución a un problema puntual e non hai constancia de ningún outro en toda a comunidade”
Pero a Xunta descarta extender este sistema ao resto de instalacións onde se celebran mercados de gando en Galicia. “A apertura do recinto feiral da Semana Verde de Galicia foi para dar solución a un problema puntual que había nesa zona. Esta medida manterase ata que se poidan reabrir os mercados gandeiros. Cómpre sinalar que non hai constancia de ningún outro problema en toda a comunidade en canto á posibilidade de dar saída a estes animais, sempre a través dos tratantes”, argumentan desde a Consellería.
Á espera da autorización para a reapertura, as feiras preparan medidas de distanciamento e hixiene para a celebración dos mercados
Co paso das semanas coas feiras de gando pechadas, a Xunta pasou de firme defensor da súa suspensión a pedir formalmente a súa reapertura. O pasado xoves, o propio conselleiro José González realizou unha consulta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a posibilidade de reabrir os mercados gandeiros, argumentando que o proceso de desescalada en marcha debería permitir esta actividade, ao igual que desde este luns se volven celebrar mercados agroalimentarios, advertindo de que a apertura das feiras de gando é demandada polo sector e considerándoa necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións. “Polo de agora non tivemos resposta”, aclaran desde Medio Rural.
Será necesaria a adaptación dos distintos recintos e instalacións e do propio funcionamento dos mercados para cumprir coas novas esixencias, que previsiblemente se fixarán para a súa reapertura
Mentras non finaliza o estado de alarma a competencia sobre a apertura dos mercados gandeiros está no Goberno central, polo que sería o Ministerio o encargado de autorizar a súa celebración durante este tempo. Por contra, se rematase, o que suporía a volta das competencias á Xunta, sería a Consellería do Medio Rural a responsable de establecer as condicións de reapertura.
Tanto nun escenario coma no outro, o que semella claro é que a autorización de reapertura das feiras nesta nova fase de desescalada estará condicionada ao cumprimento dunha serie de medidas de seguridade e hixiene que obrigarían a unha adaptación dos recintos feirais e do seu funcionamento habitual.
Silleda xa traballa na adaptación das instalacións
“Non temos confirmación nin comunicación algunha sobre cando se podería proceder á reapartura, pero xa estamos traballando na adaptación, tanto do programa informático necesario para facer a subasta totalmente telemática como noutra serie de medidas para que non existan grandes concentracións de público no recinto, estamos estudando e valorando como facelo para estar listos no menor tempo posible para que unha vez se autorice a celebración, poder comezar a facer de novo as feiras”, explica Julio Pérez Filloi, responsable da Central Agropecuaria de Galicia.
As principais liñas nas que están a traballar no recinto feiral de Silleda pasarían por establecer unha preinscrición previa dos animais que van ser levados á feira desde algúns días antes, por exemplo desde o venres, para deste xeito ter unha previsión de asistencia. Esta decisión sería tamén útil como método de regular a oferta e a demanda, pois permitiría “saber con antelación o número de animais que se van subastar e prever que non haxa unha oferta desmesurada nas primeiras feiras que levase a unha debacle nos prezos”, indica Julio.
Habería unha preinscrición previa dos animais uns días antes da subasta e a poxa pasaría a ser totalmente telemática
Outra posible medida pasaría por restrinxir a entrada do gando unicamente ao luns, o día anterior á celebración do mercado. “Non recolleriamos animais o martes pola mañá, como até agora, para que o martes soamente houbese compradores dentro das naves, e limitar deste xeito ao mínimo a presenza de persoas ao mesmo tempo nas instalacións”, avanza.
Para facer tamén que a estancia na feira se reduza ao imprescindible, acurtaríase o tempo que duran as subastas, e que moitas veces agora se alongaban durante horas, para que o tempo de permanencia e contacto entre vendedores, compradores, operarios e veterinarios sexa o menor posible.
Do mesmo xeito, a subasta en si deixaría de ser presencial, pasando a comunicar a compradores e vendedores a través dunha app ou de comunicacións vía whatsapp. “Queremos que non veña a xente á feira e que poidamos comunicar ao vendedor o resultado da subasta, os prezos e as posibles incidencias veterinarias se as houbese, así como recibir de volta a súa resposta sobre a decisión de aceptación ou rexeitamento da oferta. E os compradores igual, queremos que non existan as puxas en papel e que puxen telemáticamente, do mesmo xeito que o papeleo sobre facturación ou transferencias tamén sería online”, explica.
“Vai ser difícil que Amio volva funcionar en maio”
Tampouco en Amio dispoñen dunha data aproximada para volver a operar. O Concello de Santiago, titular das instalacións, “está mantendo reunións diarias coa comunidade autónoma para ir avanzando pero nin a Xunta nin o Concello poden facer nada aínda polo de agora, xa que a competencia para autorizar as feiras gandeiras segue no Goberno central e de momento non é posible aventurar unha data para a reapertura. Pero aínda que o Goberno autorizase estes días que se poidan volver facer as feiras de gando, tampouco sería algo inmediato. O mercado da semana que vén non sería posible porque non daría tempo a organizalo e no que resta de mes de maio véxoo difícil porque habería que adaptarse ás novas circunstancias”, admite Carmen Méndez Naya, xerente do mercado santiagués.
No que resta de mes de maio vexo difícil poder retomar a actividade porque habería que adaptarse ás novas circunstancias. A reapertura non vai ser nas mesmas condicións
“A apertura non se vai producir nas mesmas condicións: serán necesarios equipos de protección individual, probablemente turnos de persoal e usuarios para evitar aglomeracións, medidas de hixiene especiais, etc. Teñen que fixarse esas medidas por parte das autoridades sanitarias e ten que haber un acordo da Xunta de Goberno do Concello de Santiago para establecer esas condicións de apertura, igual que houbo un acordo para decretar o peche. Logo sería a empresa adxudicataria da concesión e da xestión das instalacións, Monfobus, a encargada de adoptar todas estas medidas de seguridade e hixiene que se establezan”, explican no Mercado Nacional de Amio.
Mesas de prezos virtuais para fixar as cotizacións
A Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda, mantivo neste tempo as mesas de cotizacións para porcino, ovino e coello, que seguirán funcionando de xeito telemático para fixar os prezos de referencia mentres non se reabran os mercados e mesmo poderían adoptar este funcionamento unha vez se permita de novo a realización de feiras de gando.
A Central Agropecuaria de Galicia retomou o 24 de marzo, dúas semanas despois de que a actividade nos mercados de gando galego quedara paralizada polo coronavirus, as mesas de prezos do porcino polo interese mostrado por parte do sector para seguir fixando o prezo semanal de animais cebados e leitóns, que nas primeiras mesas cotizaron á baixa.
A activación das mesas fíxose de xeito telemático, de maneira que a persoa responsable das mesas na Central contactou telefonicamente e a través de medios informáticos cos representantes da produción e a distribución que participan de forma habitual para fixar as cotizacións.
Tamén o Mercado Nacional de Amio celebrou unha sesión telemática o pasado 1 de abril (a anterior en celebrarse fora o 11 de marzo) da súa Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, na que se acordou tamén unha baixada xeralizada das cotizacións en todas as categorías, tanto Suprema como Tenreira. Pola contra, a mesa de prezos do gando de abasto non se convocou desde o peche do mercado habitual dos mércores no recinto feiral de Santiago.