A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou, este martes, baixadas nos prezos do vacún maior, mentres que nos tenreiros carniceiros e de recría houbo subida en case todas as categorías.
En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe pasaron polo recinto un total de 1.243 animais, dos cales foron adxudicados 1.174; son cifras moi superiores ás da pasada semana.
A organización da poxa lembra que o vindeiro martes, con motivo da Semana Santa, só se celebrará a poxa de cebados e vacas, como xa anunciaron previamente.
Prezos do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 120 euros, é dicir 15 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 147 euros, o que supón 12 euros máis. Os machos de máis de 50 días obtiveron un prezo medio de 184 euros, cunha lixeira suba de 5 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais a tendencia tamén foi á alza. Na categoría dos de 15 a 20 días, o valor medio subiu 2 euros e quedou nos 370 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 431 euros, é dicir, ascendeu 19 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 584 euros, o que supón un incremento de 9 euros.
Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 789 euros, é dicir, 221 euros menos que a semana pasada. Pola contra, os machos de cruces industriais subiron o seu valor 49 euros, ata os 1.068 euros. Mentres, as femias descenderon en 159 euros e quedaron nun valor medio de 717 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Tenreira Galega Suprema descenderon o seu valor 290 euros até conseguir un prezo de referencia de 707 euros.
A tendencia foi á baixa no vacún maior. Así, os animais da categoría extra tiveron un valor medio de 2.194 euros (-8 euros). As vacas de primeira cotizáronse a 1.130 euros, o que mostra un descenso de 46 euros. As vacas de segunda baixaron o seu valor en 8 euros e quedan cun prezo de referencia de 770 euros. Nos animais de desfeito o valor medio foi de 428 euros, polo que baixaron 36 euros con respecto á última feira. Os animais comercializados baixo selo Vaca e Boi de Galicia viron reducido considerablemente o seu valor medio (369 euros) con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.895 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino tiveron un incremento esta semana. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,02, quedando en 1,835 e 1,810 euros, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,351 euros (+0,026). Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 106 euros (cun prezo de 5,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 101 euros e cun prezo por quilo de 5,05 euros. Ambos conseguiron un incremento de 2 euros.
O mercado do ovo volve rexistrar subas en todas as categorías, menos na XL, que mantén o seu prezo en 2,83. Así, os da L subiron 0,02 e quedan nos 2,34 euros; os da M aumentaron 0,05 euros e chegan a un valor de 2,15 euros e, finalmente, os da S subiron 0,03 e alcanzan os 1,85 euros.
O prezo do coello mantense igual e está nos 2,35 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).