Experiencias de tres granxas galegas de vacún de leite con sistemas de monitorización do gando

Tres explotacións galegas, Grille Sociedade Cooperativa, Granxa Pazos SL e Granxa Xustás SL, contaron nas últimas xornadas técnicas organizadas por Seragro as melloras na eficiencia produtiva acadadas grazas á análise dos datos obtidos

Pablo Suárez, Marcos Alvite e Jesús Blanco durante a mesa redonda sobre dixitalización nas xornadas de vacún de leite de Seragro

Pablo Suárez, Marcos Alvite e Jesús Blanco durante a mesa redonda nas xornadas de vacún de leite de Seragro

As granxas leiteiras galegas levan anos apostando pola modernización das súas instalacións e pola implementación das novas tecnoloxías como ferramenta de apoio na toma de decisións. Pablo Suárez, de Grille Sociedade Cooperativa; Marcos Alvite, de Granxa Pazos SL; e Jesús Blanco, de Granxa Xustás SL, contaron nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro en que axudan os sistemas de monitorización ao día a día das súas explotacións.

Nos tres casos trátase de ganderías que medraron en número de animais nos últimos anos e que empregan os datos que lles proporcionan os sistemas de muxido cos que contan e os colares instalados ao gando para a mellora en aspectos como o reprodutivo, que ten incidencia directa na rendibilidade económica da explotación.

Unha vez dixitalizadas as granxas, o seguinte paso é implementar nas fincas de cultivo a agricultura de precisión

Pero unha vez vista a utilidade da dixitalización aplicada á cabana gandeira, o seu seguinte obxectivo é tamén mellorar nas labores agrícolas axudados por maquinaria e software de última xeración, capaz de tomar datos de colleita e xerar mapas de cultivo, fertilización ou aplicación de fitosanitarios en base aos rendementos acadados.

“O futuro das explotacións leiteiras pasa por usar toda a potencialidade dos sistemas de monitorización para ser máis eficientes”

Nave de produción de Grille Sociedade Cooperativa, na parroquia de Antes, en Mazaricos

Nave de produción de Grille Sociedade Cooperativa, na parroquia de Antes, en Mazaricos

Pablo Suárez forma parte do equipo de dirección de Grille Sociedade Cooperativa Galega, que naceu no ano 1968 da unión de 9 familias desta parroquia do concello de Mazaricos, na comarca do Xallas.

A granxa pasou por distintas etapas na súa historia: construción do establo inicial e silos cubertos no ano 1968, sala de muxido no ano 1974, remodelación no ano 2000, construción de novas naves nos anos 2003 e 2012, novas instalacións para recría lactante no 2017 e finalmente construción doutra nave gandeira para 380 vacas e fosa de purín no 2019.

“A filosofía de Grille baséase no crecemento constante, a evolución das instalacións e o incremento de litros por vaca e traballador”, explica Pablo, que asegura que “estes obxectivos non terían sido posible sen o apoio da CUMA Xallas e Barcala, creada no 2002; do centro de alimentación Forxabar no 2009; así como de Ganxabar, xurdida no 2006 para a recría en conxunto.

Todo o que podemos medir ou interpretar en base a datos non vai dar pé a confusións nin dúbidas das decisións a tomar

Nas vacas en produción, a toma de decisións baséase na información recibida dos podómetros e da sala de muxido, que está informatizada. “É unha fonte de información imprescindible no noso día a día. Todo o que podemos medir ou interpretar en base a datos non vai dar pé a confusións nin dúbidas das decisións a tomar”, asegura Pablo.

Retrasamos a primeira inseminación para reducir a produción no momento do secado e facer as lactacións máis rendibles; estabamos perdendo leite

“O noso futuro a curto prazo pasa por usar toda a potencialidade destes sistemas de monitorización para ser máis eficientes”, afirma. E pon un exemplo: “Fomos retrasando a primeira inseminación para reducir a produción ao secado, facendo as xovencas moito máis rendibles, porque estábamos perdendo de vender leite. Estabamos en 75 días e hoxe estamos en 95 días”, explica.

Ter que volver facer a recría na casa

Xunto a outras granxas da zona, Grille optou no ano 2006 por externalizar a recría a través da cooperativa Ganxabar para centrarse na produción de leite e liberar espazo para medrar no número de cabezas. Pero o crecemento de todas as ganderías socias acabou por superar a capacidade do centro de recría conxunto.

“Hoxe vémonos obrigados a facer o 50% da recría de novo na explotación pola saturación do centro de recría de Ganxabar”, explica Pablo. Iso supuxo ter que facer fronte a unha serie de problemas dos que antes non se tiñan que preocupar.

“Ti mandas unha becerra ao centro de recría e esquéceste dese animal ata que regresa para parir. Por iso, volver a ter recría na granxa unha vez que a tiveche fóra é un golpe de realidade. Vímonos na obriga de acoller as xatas e xovencas sen instalación nin coñecemento; tivemos que actualizarnos e adaptarnos en moi pouco tempo ás necesidades que require hoxe a recría”, recoñece.

Tiñamos unha fertilidade moi baixa na recría; foi algo que resolvemos cos colares

A primeira cuestión foi facerse cunha nave axeitada onde ter a eses animais, dado que nas instalacións de produción non había sitio. “A recría témola a un quilómetro de distancia. Tiñamos unha fertilidade moi baixa a celo visto (37%), por iso apostamos por poñer colares e fomos capaces de pasar a máis dun 80%”, destaca.

Con esa mellora, froito da tecnoloxía, o aforro económico foi notable. “O custo só de alimentación é de 60€ por animal cada 21 días”, detalla. Ao mesmo tempo, lograron adiantar a idade ao primeiro parto das xovencas e, polo tanto, facer que o seu retorno económico en forma de litros de leite se produza antes.

Visto o problema que vai vir para a utilización de hormonas decidimos baixar a porcentaxe de celos inducidos

A mellora reprodutiva xeral do rabaño tamén se notou nos lotes de vacas adultas. “Tiñamos un 25% de celos inducidos, cun índice de fertilidade dun 41%. Decidimos darlle unha volta, visto o problema que vai vir para a utilización de hormonas, e hoxe só o 20% é celo inducido, o 80% celo visto, cun 43% de índice de preñez”, conta.

Estrés por calor

Pablo recoñece que os sistemas actuais de monitorización facilitan o traballo, pero afirma que “o importante é recoller datos  e analizalos e moitas veces non fai falta outra tecnoloxía máis que unha libreta ou unha simple folla de excell”. “A decisión de mercar o sistema de refrixeración para a outra metade da nave foi anotar a cantidade de comida que deixaban de comer as vacas os días de calor”, exemplifica.

A decisión de mercar o sistema de refrixeración tomámola despois de anotar a cantidade de comida que deixaban de comer as vacas os días de calor

Grille dispón de dous sistemas distintos para refrescar as vacas: as primeirizas son enfriadas por ventiladores e aspersores colocados sobre a liña do pesebre, mentres que no novo establo teñen instalado un sistema de cooling. “É un ventilador que mete aire frío e o consumo de auga é moito menor”, aclara.

A nave de 192 primeirizas consume 18.000 litros diarios de auga para refrixeralas, mentres que as 390 vacas adultas consumen unicamente 3.000 litros diarios de auga no seu arrefriamento, que é máis eficiente e duradeiro. “Na nave das multíparas logramos unha humidade relativa moito menor que na das primíparas”, recoñece.

Podoloxía

Pablo defendeu nas xornadas de Seragro que todas as decisións que se tomen nunha explotación leiteira deberían estar sustentadas en datos, para o que se mostrou partidario de analizar tamén datos de fontes externas á propia gandería.

“Cando modificamos as revisións de podoloxía e pasamos de facer dúas revisións, ao secado e aos 150 días en leite, a tan só unha cada 9 meses, a severidade nas lesións graves de podoloxía das vacas que entraron ao potro pasou do 76% ao 98%. Ao ver que aumentaban os problemas pasamos a facer as revisións aos 6 meses e baixamos a severidade das lesións ao 54%”, conta.

Agricultura de precisión

Vistos os resultados do uso de novas tecnoloxías na mellora produtiva dentro do establo, nesta explotación optaron por estender o uso deste tipo de ferramentas de precisión ás distintas labores nas terras de cultivo. “Logo de monitorizar o gando decidimos tamén monitorizar a agricultura. Nos anos 2021 e 2022 fixemos un forte investimento en tecnoloxía e maquinaria 4.0. coa que poder facer mapas de sementeira variable ou prescrición de abonos e fitosanitarios. Dixitalizar o campo permitiunos ser máis respectuosos co medio ambiente e adiantarnos ás novas normativas”, di Pablo.

Dixitalizar o campo permitiunos ser máis respectuosos co medio ambiente e adiantarnos ás novas normativas

A día de hoxe en Grille traballan 15 persoas, 11 traballadores e 4 socios, entre eles José, o encargado das tarefas agrícolas da explotación,  que se centran na sementeira do millo e da herba, no abonado e na aplicación dos tratamentos fitosanitarios aos cultivos. Do resto ocúpase Forxabar.  

Da totalidade dos traballadores, 9 persoas están só para muxir e atender ás becerras lactantes. En canto a un posible cambio de sistema de muxido, pensando en reducir a carga de traballo que requiren estas tarefas, dependería das posibilidades de mellora a lograr, di.  

Os números din que necesitas un 10% de produción a maiores para chegar a rendibilizar ese investimento que require a robotización do muxido

“Instalar robots de muxido nunha granxa deste tamaño está en función do punto de partida, porque necesitas un incremento de produción para amortizar o sobrecusto que ten o muxido robotizado a respecto dunha sala de muxido. Se partes de 30 litros e aumentas aos 38 seguramente sexa rendible, pero nós estamos en 42 litros, teriamos que poñernos en 48 litros de media. Penso que non somos tan bos como para manter a media de todos os animais neses niveis. E os números din que necesitas un 10% de produción a maiores para chegar a rendibilizar ese investimento”, asegura.

“Canto nos custa que un animal non empreñe ou non o faga ao seu debido tempo?”

Granxa Pazos mercou unha abonadora de precisión coa que logrou reducir as doses de fertilizante químico

Granxa Pazos mercou unha abonadora de precisión coa que logrou reducir as doses de fertilizante químico

Marcos Alvite é socio e xerente de Granxa Pazos SL, unha explotación do concello de Mazaricos que se constituíu no ano 2016 pola unión de tres familias. Despois dun ano de obras, a granxa comezou a súa actividade no 2017, cunha ampliación no 2020 e a incorporación dun novo socio no 2021.

Están a muxir neste momento 260 vacas nunhas instalacións con capacidade para 275, deixando un 5% das camas libres. Venden o leite a Entrepinares coa condición de entregar 10.000 litros diarios. A produción media por vaca no 2022 foi de 11.626 litros, cun 4,06% de graxa e un 3,44% de proteína e 104.000 células somáticas. A media de días en leite é de 170 e o intervalo entre partos de 397 días. 

“A tecnoloxía na nosa granxa usámola para o control da saúde e a reprodución”, explica Marcos. A detección de celos é do 83% e a fertilidade sitúase no 40,6%, conta. Sobre o custo de instalar sistemas de monitorización nas explotacións leiteiras fai a seguinte reflexión: “Canto nos custa un animal que non empreñe ou non o faga ao seu debido tempo?”.

Optamos por retrasar a inseminación das primeirizas para facela coincidir co pico de lactación

En base aos datos que obteñen dos colares e a sala de muxido, decidiron retrasar a inseminación en primíparas, que representan o 38,45%, ata o momento no que chegan ao pico de lactación. “Ao inseminar a 60 ou 70 días cortábaslles o pico de lactación; é lóxica pura, pero despois hai que conseguir que empreñen para que non se alonguen moito no tempo no final da lactación”, engade.

Ter as vacas monitorizadas deulles seguridade á hora de tomar esta decisión de retrasar a primeira dose porque saben o momento exacto para inseminar e precisan de menos intentos para que a vaca quede preñada. “Movémonos entre 18 e 24 horas desde o punto de inicio do celo que nos marca o programa para realizar a inseminación. Ese é o criterio que temos e non nos vai mal de momento”, indica.

“Nas xatas viamos os celos, pero non sabiamos cando lle empezara”

A recría (210 animais neste momento) téñena separada nunha nave alugada a un dos socios que se atopa a 500 metros da nave de produción. “Tiñamos unha detección de celos aceptable pero non sabíamos cando empezara ese celo, polo que tiñamos unha mala fertilidade e non acadabamos a ter suficiente recría para medrar, iso levábanos a frustración e a ter que mercar vacas para poder medrar”, explica.

Decidimos poñer os colares na recría no 2019, non sei por que tardamos tanto

Por iso, optaron por monitorizar as xatas a inseminar, co obxectivo de mellorar os índices reprodutivos. “Decidimos poñer os colares no 2019, non sei por que tardamos tanto. O desastre da recría cuns simples colares soluciónase. É un gasto, pero resólveche moitos disgustos. Penso que foi unha cousa moi positiva”, afirma.

Grazas á instalación dos colares, sacan máis partido ao investimento en xenética, di. “Ao traballar con datos fiables podes mercar seme máis caro, de touros mellores, porque vas máis sobre seguro e sabes que os índices de preñez van ser mellores”, afirma. “Na recría estamos no 85% na detección de celos, superamos a porcentaxe das vacas, cunha fertilidade do 40%”, detalla.

Seme sexado e probas xenómicas

No 2019 xenotiparon todos os animais que estaban sen parir, desde xatas pequenas a xovencas preñadas e a mellora xenética da granxa desde entón foi notable. “No 2019 a media era +321 a leite, +11 a graxa, +14 a proteína; mentres no 2023 a media foi xa +871 a leite, +49 a graxa e +37 a proteína”, explica.

En canto aos obxectivos que perseguen salienta: “Queremos que a graxa siga subindo en paralelo á produción de leite, para que a porcentaxe de sólidos no leite non caia. A min gústanme as vacas bonitas, como a todo o mundo, pero priorizo todo o resto. Para min o resto é que sexan vacas prácticas e que funcionen e despois se saen bonitas, pois mellor”, argumenta Marcos.

Ao traballar con datos fiables e ter mellores índices de preñez podes mercar seme máis caro; nós agora estamos poñendo todo sexado

Ao tempo que decidiron instalar os colares nas xatas para detectar celos e axustar o momento óptimo da inseminación, apostar pola xenómica “tamén foi unha decisión acertada”, asegura. “Agora poñemos todo seme sexado e xenotipamos todos os animais, porque a recría que nos saía antes non melloraba en nada as nais que xa tiñamos. Ao xenotipar lévaste unhas sorpresas enormes; o pedigee ten un 20% de acerto, coa xenómica a porcentaxe de acerto é do 70%”, asegura.

Maior control de enfermidades

A monitorización do gando facilita o traballo diario de Granxa Pazos. “O dos celos a min afórrame moitas dores de cabeza; é recomendable ao 100%”, reitera Marcos. Pero ter o gando controlado permanentemente tamén permite detectar problemas de manexo, enfermidades ou coxeiras.

“As vacas coxas comen doutra maneira, comen basicamente cando as vas levantar para muxirse, porque de paso que vai para a sala pasa polo comedeiro e come, pero a inxesta non é tan repartida como no caso dunha vaca que non está coxa, que se levanta máis veces”, explica.

Marcos defende a utilidade dos datos de monitorización da actividade e a rumia dos animais para a detección temperá de enfermidades. “As vacas cando están mal están deitadas máis do normal. É bo que descansen, pero non tanto”, argumenta.

Temos dous grupos de traballo, un de mañá e outro de tarde, e a monitorización do gando permite tamén detectar problemas no traballo diario ou no manexo

As alarmas de problemas de saúde que o sistema lles proporciona acostuman ser normalmente no grupo de postparto, pero tamén se dan noutros lotes, como por exemplo no das vacas secas, formado por uns 30 animais. “Eu chámolle o grupo esquecido, porque a non ser que sexa moi grave a cousa, non a detectas”, recoñece.

“Limpar a casa” e investir en maquinaria de precisión

Despois de aumentar de maneira moi rápida no número de animais desde o 2016, agora o obxectivo de Granxa Pazos é estabilizar a explotación e incrementar a produción por vaca. “Temos unha taxa de reposición alta neste momento, do 40%, porque estamos seleccionando moito o rabaño para quedarnos cos animais que realmente nos interesan. Tiñamos esa necesidade de seleccionar, igual que se peneira a fariña”, compara.

“Até agora a prioridade era medrar en número de cabezas, pero agora estamos varrendo, e seguirémolo facéndoo até que quede a casa limpa”, di Marcos, porque “vemos que vendendo vacas temos un retorno en cartos e as que quedan producen máis; en 4 ou 5 días recuperas a produción que tiñas”, asegura.

“Unha vaca de 5 partos que está ben igual pode chegar aos 8 partos, pero dá uns bos chuletóns que pagan a xata que queda no seu sitio e evitámonos problemas futuros que esa vaca de 5 partos nos pode traer”, xustifica.

Coa abonadora nova eliminamos os solapes e aforramos entre un 7 e u 9% de fertilizante por hectárea

A nivel agrícola, están tamén a pasarse á maquinaria 4.0. “Fixemos un investimento nunha abonadora nova con sistema Isobus 2020. Permite un aforro de entre un 7 e un 9% de abono por hectárea, cun aforro total de 12 toneladas de abono en 4 aplicacións, elevando ademais o rendemento do traballo da maquinaria a 9 ou 10 hectáreas/hora”, explica.

“A xestión do rabaño apoiada en datos para nós é algo fundamental”

Nave para vacas secas e xovencas próximas ao parto construído por Granxa Xustás no 2023 para mellorar o seu confort

Nave para vacas secas e xovencas próximas construída por Granxa Xustás no 2023 para mellorar o seu confort

Jesús Blanco é socio de Granxa Xustás SL, en Cospeito, o exemplo dunha SAT que co paso dos anos retornou á estrutura dunha granxa familiar e apostou pola eficiencia baixo o lema de “con menos intentar conseguir máis”.

A orixe da explotación sitúase en 1999, cando tres matrimonios (6 socios) da parroquia de Xustás crean unha SAT con 100 vacas. Esta gandería sempre apostou pola modernización e no 2010 decidiron poñer en marcha unha das primeiras plantas de biogás instalada nunha explotación galega, creada pola empresa Norvento.

Logo da saída da SAT no ano 2003 dunha das tres familias socias e de que no 2018 outro dos matrimonios fundadores, por atopárense próximos á xubilación e sen relevo, expuxeran a súa intención de vender o seu 50%, Jesús decide mercar esa parte e facerse coa totalidade da propiedade.  

Instalamos robots de muxido para liberar man de obra e para contar cunha ferramenta de xestión da granxa en base aos datos que nos proporcionan eses robots

“Nese momento perdemos dous socios que eran tamén dous traballadores, polo que tivemos que optimizar a man de obra para gañar en eficiencia e para iso vimos necesaria a instalación de robots de muxido”, explica.

Con esta decisión perseguían varios obxectivos: “Buscabamos unha ferramenta que nos permitira liberar man de obra nas labores de muxido e gañar produción incorporando o terceiro muxido e, ao mesmo tempo, que nos permitira contar cunha ferramenta de xestión da granxa. Tiñamos claro que queriamos xestionar a nosa explotación a través dos datos e a información que o robot de muxido nos fose proporcionando”, salienta.

O noso futuro pasa pola instalación do cuarto robot, co que imos superar os 3 millóns de kilos de leite, superando a ratio dun millón de kilos de leite por UTA

No 2021 ampliaron a nave de produción, instalando un terceiro robot de muxido. Na actualidade contan con entre 160 e 170 vacas en produción e están medrando en recría para instalar un cuarto robot este ano, co obxectivo de superar os 3 millóns de kilos de leite.

A produción por vaca é de 14.002 litros a 305 días, cun 3,69% de graxa e un 3,21% de proteína e unha media de 202.000 células somáticas. Os días en leite móvense entre 170 e 190 e a media entre partos é de 417 días. A explotación é atendida por 3 traballadores, 2 deles socios e 1 empregado.

Unificar os datos nun único informe diario

“A xestión do rabaño apoiada en datos para nós é algo fundamental e consideramos que as novas tecnoloxías son independentes do tipo de granxa e orientación produtiva, porque en todas elas permiten gañar en eficiencia”, razoa Jesús.   

Sempre intento que o que facemos sexa moi simple, co obxectivo de que ao ser simple poidamos convertelo nunha rutina

“Cando traballas con varios programas informáticos obtés información moi densa e tediosa de analizar”, recoñece, e “por iso vin a necesidade de condensar toda a información nun único informe do rabaño”, di. “Con ese informe, que nós chamamos de revisión diaria, a persoa que chega pola mañá á explotación é capaz en 5 minutos de ter unha idea de cómo está a granxa antes de meterse no medio das vacas. Así cando poñemos as botas xa imos a tiro fixo a ver os animais nos que detectamos algunha incidencia”, conta.

Nese informe global inclúense distintos parámetros: datos identificativos do animal e do seu estado de lactación, como por exemplo os días en leite;  aspectos produtivos como a produción nas últimas 24 horas; aspectos de saúde, como a rumia ou a condutividade; e aspectos reprodutivos, como o estado de xestación do animal ou o inicio de celos.

Ferramentas como o plan de rabaño permítenos planificar mes a mes con antelación como vai estar o noso rabaño a nivel de lactación a futuro

Ademais de considerala imprescindible para o día a día, Jesús pensa que a recopilación de datos é fundamental tamén para a planificación a futuro. “Ferramentas como o plan de rabaño permítenos prever mes a mes con antelación como vai estar o noso rabaño a nivel de lactación. O ano pasado tivemos un problema cun millo que ensilamos moi seco e con baixa dixestibilidade e coa información que tiñamos do plan de rabaño buscamos o momento axeitado para abrir ese silo e que nos afectase o menos posible tanto á produción como á reprodución, cando tiñamos un maior número de animais no último terzo de lactación, é dicir, un maior número de vacas xa preñadas e en cola de lactación”, explica.

Recría externalizada

No ano 2006, co obxectivo de mellorar a calidade do rabaño, optaron pola externalización da recría no Rancho Las Nieves e na actualidade manteñen xovencas tanto neste centro de recría privado de Zaragoza como no creado nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. “Grazas a esta decisión de apostar por unha recría de calidade, hoxe temos un rabaño homoxéneo, lonxevo e produtivo”, salienta Jesús.

Contan con entre 90 e 100 xatas repartidas en dous centros de recría, Rancho Las Nieves e Recría Castro

“A taxa de reposición da nosa granxa, que está en crecemento, é inferior á dunha granxa que non medre. Temos bastantes vacas de 7, 8 e 9 partos dando leite. A nosa taxa de reposición actual sitúase no 29%, cunha taxa de baixas involuntarias do 19%, pero cando deixemos de medrar queremos estabilizar a nosa taxa de reposición no 20%. Iso permitiranos tamén vender recría”, destaca.

“O primeiro dos méritos teno Mónica, que é a que se encarga de encalostar os xatos, pero o segundo dos méritos téñeno Rancho Las Nieves e Centro Recría Castro, que son capaces de retornarnos unhas xovencas fortes e produtivas”, afirma.  

“Para ter leite hai que ter partos”

Un dos usos principais que nesta explotación dan á monitorización ten que ver coa detección de celos. “Os que nos adicamos á produción láctea sabemos que para ter leite temos que ter partos, e que para ter partos temos que ter vacas preñadas, para que queden preñadas hai que inseminalas e para inseminalas hai que detectar celos. Parece unha perogrullada pero é así”, evidencia Jesús.  

“Antes do 2017, antes de instalarmos os colares de rumia e celos, tiñamos moitos problemas para ver os celos nas nosas vacas. Detectabamos só un 50%, cando agora estamos un 70%, e a taxa de preñez pasou dun 16% en 2017 a un 28% hoxe”, explica.

A media de inseminacións de Granxa Xustás é de 2,85 doses por vaca xestante

“Hai estudos que din que un incremento positivo dun punto na taxa de preñez supón entre 15 e 20€ por vaca e ano. No noso caso, ese incremento de 12 puntos son 240 euros de ganancia anual por vaca. Iso no noso rabaño de 200 vacas son 40.000 euros ao ano”, calcula.

Prestar atención ao lote de vacas secas

“Durante un tempo rexistramos os minutos medios de rumia e puxémolo en relación ao número de animais. Vimos que a medida que aumentaba o número de animais no lote de secas remoían moito menos e despois de parir a curva de lactación deses animais nunca chegaba á esperada”, conta.

No 2023 construíron unha nave para albergar o lote de vacas secas e xovencas próximas ao parto retornadas dos centros de recría

“Foi así como despois de analizar os datos da rumia no lote de vacas secas démonos conta de que tiñamos que construír un novo establo que dera máis confort ás nosas vacas secas”, recoñece Jesús.

En Granxa Xustás o lote de vacas secas está formado por vacas secas máis as xovencas retornadas dos centros de recría antes do parto. En total son uns 30 animais os que habitualmente forman parte dese lote.

“Para nós o lote de vacas secas é o lote máis importante que temos na granxa. A vaca seca hai que coidala e mimala. É o lote que máis hai atención hai que dar. Se fas iso os postpartos son invisibles”, razoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información