A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Plantas de biogás adaptadas a Galicia, posibilidades no agro

Analizamos con Norvento as posibilidades de empregar xurros gandeiros para a produción de electricidade e calor

Plantas de biogás adaptadas a Galicia, posibilidades no agro

Instalación de biogás de Norvento en Granxa Xustás, en Cospeito. / Arquivo.

A produción de biogás para o autoconsumo enerxético das granxas, así como para a venda dos excedentes, é unha opción viable en Galicia. O proceso baséase na degradación de materia orgánica nun dixestor (depósito hermético), no que se obtén un biogás composto principalmente por metano e dióxido de carbono. A enerxía contida nese biogás pódese aproveitar de múltiples maneiras, as máis comúns en forma de enerxía eléctrica e/ou térmica. “Sempre vai haber suficiente biogás para o consumo enerxético da granxa e os excedentes de electricidade pódense vender á rede”, explican Javier Taibo e Iago Jove, técnicos de Norvento.

Norvento, unha empresa do sector das enerxías renovables, con produción de enerxía e tecnoloxía asociada a solucións para enerxía distribuida, instalou hai unha década a que foi a segunda planta de biogás nunha gandería galega, en Granxa Xustás, en Cospeito. A partir da súa experiencia, analizamos cos técnicos de Norvento as posibilidades do biogás no agro.

Materia prima para a planta
Unha primeira cuestión a ter en conta é a dispoñibilidade de materia prima para a planta. O dixestor precisa de xurro, pero tamén dun substrato complementario, que pode ter orixes diversas (esterco, restos de ensilado, cortes de limpeza de prados, residuos dunha industria agroalimentaria próxima ou outros residuos orgánicos).

“Captar residuos complementarios ós xurros é fundamental para que un proxecto non fracase”, subliña Javier Taibo. De cara ó futuro, como complemento ós xurros, unha alternativa pode pasar polo uso de residuos orgánicos municipais, o chamado quinto contedor, que por exemplo xa está amplamente implantado na provincia de Pontevedra.

“Sempre que cheguen correctamente separados, os residuos orgánicos son unha boa opción, que ademais permitiría que as granxas percibisen un ingreso extra pola súa xestión, como xa sucede noutros países, caso de Suíza”, valoran os técnicos de Norvento.

Para a mestura de xurro e substrato no dixestor, faise un estudo inicial, valorando o tempo de retención e a carga diaria precisa. Esa carga faise polo bombeo do xurro e por un sistema de alimentación adicional para os substratos sólidos.

Produción de enerxía
O volume de produción de biogás obtido en granxas de vacún é considerado alto polos técnicos de Norvento. “Hai outras granxas e industrias agroalimentarias que poden producir máis biogás, por iso ás veces se di que as granxas de vacún, en comparación, producen pouco, pero sempre falamos de producións altas, suficientes para o autoconsumo e para a venda de enerxía”, explican en Norvento.

Si cómpre ter en conta que unha planta de biogás para granxas de vacún pode ter encaixe a partir dunha dimensión mínima da gandería, no entorno das 150 vacas. Desde Norvento recomendan mesmo pensar en proxectos de biogás asociativos e ambiciosos, ben dun grupo de ganderías próximas, dunha cooperativa ou en colaboración cunha industria agroalimentaria.

“O escalado do proxecto reduce os custos. Pensemos que unha planta para unha granxa de 110 vacas pode roldar os 240.000 euros, pero unha instalación para unha gandería de 200 vacas ten un custo moi similar, 250.000 euros”, explican.

Dificultades prácticas, area e auga nos xurros
A instalación de biogás da granxa Xustás permitiulle a Norvento enfrontarse a algúns dos problemas prácticos que se poden dar nas granxas. Un deles é o das camas de area do gando. En Xustás, a instalación comezou a funcionar cando a granxa empregaba camas de palla, pero hai uns 4 anos cambiou a camas de area. “A area, se non se prevén a súa entrada no sistema de alimentación, pode rematar desgastando os equipos e acumulándose no dixestor. En calquera caso son circunstancias evitables cun deseño correcto e en ningún caso afecta á produción de biogás”, valoran.

En canto á auga da chuvia, en fosas de xurro non cubertas, comprobaron que é un problema superable. “Baixas o rendemento de biogás por tonelada e tes un certo impacto no tempo de retención da materia prima no dixestor, pero non é un impedimento”, sopesan.

Destino da enerxía
Outra clave a ter en conta é o destino da enerxía, pois un proxecto que permita valorizar tanto a electricidade como a enerxía térmica multiplica a súa viabilidade.

No caso dunha granxa de 200 vacas, que produza 5.000 toneladas / ano de xurro e que conte cun substrato sólido adicional de 750 toneladas, a produción eléctrica nun sistema de 45 kW pode roldar os 356.000 kWh / ano. Un 10% da produción gastaríase na propia planta, en tanto o restante 90% quedaría dispoñible para autoconsumo e para a venda á rede eléctrica. “Entre o aforro do autoconsumo e a produción vendida á rede, podemos estar falando de arredor 17.000 – 20.000 euros /ano”, calculan en Norvento.

A esa enerxía eléctrica, hai que unir o potencial da enerxía térmica. Parte da enerxía térmica cubre as necesidades da explotación e do propio dixestor, que precisa manterse a unha temperatura duns 37º, pero poden quedar arredor de 240.000 kWh de enerxía térmica dispoñible, o que representa máis de 25.000 euros en gasto equivalente en gasóleo.

“O uso da enerxía é clave para rendibilizar un proxecto e para que sexa viable”, valoran en Norvento. Como exemplo, citan o caso dunha planta de biogás dunha granxa suíza que subministraba calor para os procesos dun serradoiro próximo. “Outra opción podería pasar por crear unha rede de calor para vivendas próximas”, apuntan. “Se a enerxía térmica sobrante se desaproveita, baixa a rendibilidade do proxecto”, conclúen.

Amortización
Cando toda a enerxía producida pola planta se aproveita, o prazo de amortización dunha instalación pode baixar ata os 7 anos, tendo en conta investimento inicial e custos de mantemento. “O mantemento é sinxelo, podemos calculalo nunha hora de traballo diaria dun operario para operacións rutineiras de revisión e mantemento”, explican.

“O enfoque dun proxecto debería partir dos problemas ou necesidades que temos, para valorar a continuación en que nos pode axudar o biogás”, subliña Javier Taibo.

Residuos
Pode o biogás contribuír a solucionar problemas puntuais de excedentes de xurros?. “A lexislación é cada vez máis restritiva en cuestións como as emisións de gases das granxas, a fertilización ou o coidado das augas. Nesa liña, o biogás pode ser parte da solución. Pensemos, por exemplo, que ó queimar o metano, reducimos en máis de 20 veces a súa capacidade contaminante, a efecto dos gases de efecto invernadoiro”, destaca Javier Taibo.

O dixestato, o residuo que queda trala produción de biogás, sen embargo, seguirá mantendo unha cantidade similar de nutrientes ós xurros e substratos orixinais. As principais vantaxes do dixestato son as seguintes: o volume total redúcese entre un 10 e un 15%, o material é máis homoxéneo, hixienízase o abono, elimínanse olores e os nutrientes están máis dispoñibles para os cultivos, limitándose as perdas por lixiviación. Poderase ademais facer unha separación sólido – líquido que facilite a xestión do dixestato. Nese caso, hai que ter en conta que a fracción líquida levará arredor do 80% do nitróxeno e a sólida o 80% do fósforo.

Axudas
O marco regulamentario e de apoio financeiro ás enerxías renovables será tamén decisivo para o despegue do biogás no agro. “Esperamos apoios do Plan de Recuperación (fondos Next Generation) para o biogás para os vindeiros anos. En particular, neste ano 2022 lanzaranse unha liña de axudas estatais enfocada a proxectos singulares de biogás, incluíndo tamén as liñas de tratamento do dixestato”, valoran.

Desde Norvento subliñan que lle prestan un servizo integral ás empresas e granxas que están interesadas nunha instalación de biogás, desde estudo inicial e a xestión de permisos ata a busca de financiación, a construción, posta en marcha e operación.

O biometano, unha opción de futuro?

O biogás producido nas granxas é unha mestura de gases que, aproximadamente, contén arredor dun 60% de metano e en torno a un 40% de dióxido de carbono, ademais doutros gases que aparecen en menores porcentaxes. En comparación, o gas natural ten arredor dun 95-98% de metano. Unha posibilidade sería converter o biogás en biometano, eliminando o dióxido de carbono e as impurezas.

É un proceso denominado ‘upgrading’ que permitiría inxectar o biometano na rede de gas natural ou empregalo como combustible en vehículos e maquinaria agrícola. “Trátase dunha tecnoloxía cara e que na actualidade non é viable para pequenas plantas, pero nun futuro podería chegar a selo”, valoran en Norvento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *