Os viños da ribeira do Navia avanzan un chanzo máis no seu recoñecemento oficial

A Xunta de Galicia dá luz verde á nova IXP Terras do Navia e dá traslado da documentación ao Ministerio de Agricultura para proceder á inscrición no Rexistro comunitario das denominacións de orixe. O DOG publica o prego de condicións definitivo e o documento único

Publicidade

vendima Negueira Manuel Cancio adega PanchinO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que se adopta a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia. Deste xeito, apróbase a remisión da resolución, xunto coa documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para proceder á inscrición desta nova IXP no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas.

Ao tempo, dáse publicidade tanto o seu prego de condicións como ao documento único, tamén dispoñibles para a súa descarga na páxina web da Consellería do Medio Rural. Trátase de viños brancos e tintos frescos e suaves, con aromas florais e de froitas, caracterizados polas súas graduacións alcohólicas moderadas e pola súa boa e equilibrada acedume. Esta indicación xeográfica protexida amparará concretamente os viños producidos en 12 parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna, así como na totalidade da localidade de Negueira de Muñiz.

A IXP foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia e amparará os viños producidos en 12 parroquias da Fonsagrada e Navia de Suarna e na totalidade do concello de Negueira de Muñiz

Solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a IXP Terras do Navia amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada (Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña), noutras seis de Navia de Suarna (A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira) e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.

Ademais dos requisitos de produción e comercialización, a orde que publica este venres o DOG establece que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, será a encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións da IXP Terras do Navia.

Variedades de uva permitidas

A variedade branca lexítima destaca na elaboración de viños brancos nesta zona

A variedade branca lexítima destaca na elaboración de viños brancos nesta zona

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano. Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio.

Nesa liña, os viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.

O val do Navia é o lugar de orixe da Branca lexítima, unha variedade autóctona extendida tamén por outras zonas vitivinícolas de Galicia 

Os viñedos deben estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente. O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 quilogramos de uva e as producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas, e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

Canto ás propiedades dos viños, distínguense por ser frescos e suaves en boca, limpos, brillantes, con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Mentres, os tintos posúen unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

Unha zona de produción diferenciada para uns viños brancos e tintos únicos

Negueira de Muñiz río Navia

A IXP abrangue o municipio de Negueira de Muñiz e 12 parroquias de Navia de Suarna e A Fonsagrada

En relación coa zona de produción, a ribeira do río Navia presenta un clima que se pode clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 21 graos, mentres o máis frío é xaneiro, cun valor medio de 7,5 graos.

Dentro desa zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acebo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.

A superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase entre os 200 e os 500 metros de altitude, encaixada entre montañas e protexida dos ventos do norte

A produción ancestral de viño nesta zona fora perdendo presenza a partir de 1950 debido á emigración e o abandono agrario pero mantívose grazas á elaboración nas casas de viño para autoconsumo e venda a granel de excedentes. Xa neste século, o interese e esforzo por recuperar a produción e as castes autóctonas da zona permitiu a creación en Negueira de Muñiz de dúas iniciativas, Adega Panchín e Adega Sidrón, que deron o paso a embotellar e comercializar viño equiquetado. Ao calor da nova IXP estanse a impulsar tamén novos proxectos en concellos como o de Navia de Suarna

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210611/AnuncioG0426-030621-0004_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información