Desenvolvemento rural

‘Vive a reserva’: relatorios, obradoiros e outras actividades a partir deste domingo en Allariz

Unha vintena de mulleres relacionadas co rural expoñerán as súas experiencias a través de 8 actividades gratuítas entre este mes de setembro e outubro en distintas localidades da Reserva da Biosfera Área de Allariz. Para participar é necesario inscribirse no 664 52 44 86

Campo Galego 23/09/2023 8:35 a.m.

Este domingo, 24 de setembro, arranca o programa 'Vive a reserva', incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, no que se inclúen oito actividades diferentes que se desenvolverán durante os meses de setembro e outubro en distintos puntos da Reserva da Biosfera Área de Allariz. Tratase dunhas xornadas abertas a todo o público interesado e de carácter gratuíto. Para asistir é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86.

‘Vive a reserva’ terá como protagonistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización. A través das súas experiencias intentarán impulsar unha solución aos principais problemas de hoxe en día, como son a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética ou a adaptación e mitigación ao cambio climático. 

A primeira destas actividades será este domingo, 24 de setembro, en San Mamede de Urrós, en Allariz a partir das 10:30 horas. 'Domingos labregos. Fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra' é o título da primeira experiencia que chegará da man de Uxía García de Buciños e Novoa, quen dará a coñecer o concepto de Domingo Labrego e Agricultura Sostida pola Comunidade (ASC), ademáis de afondar sobre a horta ecolóxica e botar unha man en diferentes labores labregas. Nesta sesión será necesario levar luvas, prato e vaso porque remata cun xantar para todas/os as/os asistentes que terá lugar en A Torre, nº 12  de Allariz.

Programa de actividades

A continuación, expóñense todas as citas de ‘Vive a Reserva’:

Etiquetado
Ir a la portada