Archives

Como repercutirá o acordo de Capsa e Mercadona nas granxas de leite?

Planta de Larsa en Outeiro de Rei, onde se envasa leite Hacendado para Mercadona Os produtores de leite galegos acollen con “preocupación” o feito de que Central Lechera Asturiana -propietaria de Capsa ó 80%-, comece a envasar na planta de Outeiro de Rei leite Hacendado para Mercadona. A noticia, adiantada por Campo Galego, supón un acordo estratéxico entre unha das marcas de fabricante máis vendidas en España e a principal cadea de supermercados, polo que os gandeiros temen que esta “alianza” reduza competencia na compra de leite. Organizacións agrarias e asociacións poñen o foco no feito de que Mercadona, a través de industrias subministradoras como Naturleite, Entrepinares e agora Larsa, pase a controlar unha parte importante do leite que se produce na comunidade, e lembran que tanto Central Lechera Asturiana como COVAP están a pagar menos o litro de leite en Galicia, en comparación a Asturias, Castela e León ou Andalucía . Movementos en cadea Está por ver como o acordo entre CAPSA e a empresa de Joan Roig afecta ao resto de industrias provedoras da cadea de supermercados. En Galicia tamén compra e envasa leite para Mercadona Naturleite, propiedade da cooperativa andaluza COVAP, até agora a principal subministradora da cadea xunto coa cooperativa vasca Iparlat, coa que opera ao 50% en Lactiber.
Coa suma de Central Lechera Asturiana, as principais cooperativas españolas estarían neste momento envasando leite Hacendado
Pero a planta Trobajo del Cerecedo (León) atópase por debaixo da súa capacidade produtiva polo peche de explotacións e a caída de produción láctea que se está a dar en Castela e León. Procesa neste momento uns 140 millóns de litros anuais, procedentes dunhas 50 ganderías, a metade ubicadas na provincia de León e o resto en Palencia, Zamora e Salamanca. Galicia, garantía de subministro A caída da produción de leite noutras comunidades está precisamente detrás da aterraxe nos últimos anos de empresas como CAPSA ou COVAP en Galicia, onde se atopa a despensa de leite española e onde a produción segue a medrar.
O sector considera que a caída de produción en Castela afecta á capacidade de subministro de Mercadona a través da planta que Lactiber ten en León
Na planta de Naturleite en Meira envásanse uns 110 millóns de litros anuais, insuficientes para cubrir a demanda de Mercadona, que se está a ver beneficiada polo incremento de cota de mercado da marca branca en detrimento do leite de primeiras marcas, como Central Lechera Asturiana. Ese stock de leite da súa marca emblema na fábrica de Oviedo sería o que CAPSA estaría trasladando á planta de Larsa en Outeiro de Rei para envasar nos bricks Hacendado. De solución puntual a colaboración estable Mercadona busca asegurar con este acordo o subministro de leite, para evitar situacións como as vividas en outubro de 2022, cando os liñais da cadea de supermercados en varias zonas de España quedaron baleiros de leite. COVAP recibiu entón o encargo de buscar leite como fose e mesmo Entrepinares tería desviado de xeito puntual cisternas de leite á planta de Naturleite en Meira para suplir a escaseza de bricks nos liñais. Pero todo iso foi insuficiente. Naquel momento, en plena escaseza de materia prima e suba de prezos en orixe, Mercadona chegou a un acordo con CAPSA e o leite coa marca Central Lechera Asturiana substituíu a marca Hacendado en supermercados de parte do país. A cadea propiedade de Joan Roig aludía a “faltas de subministro por parte do provedor”, en referencia a Iparlat, con planta de envasado en Santander, para xustificar aquela solución de urxencia. Pero daquela situación de necesidade puntual pásase agora a este acordo estable de subministro de leite, xa non en botellas de Central Lechera Asturiana, senón en cartóns Hacendado. Posible entendemento entre COVAP e CAPSA Dúas das principais cooperativas españolas, a andaluza COVAP e a vasco-navarra Iparlat, manteñen vínculos desde fai anos, propiciados polo feito de seren as dúas provedoras de Mercadona, unha colaboración á que se podería sumar agora tamén CLAS nunha alianza a tres.
Mercadona está a propiciar unha alianza entre as principais cooperativas lácteas españolas
De feito, ao igual que COVAP e Iparlat operan en conxunto a fábrica de León, algo semellante acontece xa a día de hoxe coa de Vidreres (Girona), neste caso entre COVAP e CAPSA. No verán de 2017 a cooperativa andaluza entrou no accionariado da planta catalana, participada por CAPSA, que envasa nela o leite que comercializa en Cataluña coa marca ATO, e onde Làctia, participada á súa vez por COVAP e a cooperativa catalana Lletera de Campllong, envasa pola súa banda o leite Hacendado para os supermercados Mercadona de Cataluña.
Un acordo tácito entre COVAP e Larsa en Galicia reduciría competencia na compra do leite
CAPSA nunca deixou de facer marca branca, por exemplo para El Corte Inglés, e Mercadona tiña xa a Central Lechera Asturiana como marca invitada nos seus supermercados, pero a decisión de converterse na súa provedora directa é un salto cualitativo importante. De Iberleche a Mercadona Trala experiencia de Iberleche, una alianza con Leche Celta e Clun para o envasado de marca de distribución que se veu abaixo pola saída da cooperativa galega e da asturiana, CAPSA decidiu cesar a competencia directa con Mercadona e convertir á cadea de supermercados en cliente.
Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado, valórase no sector
“Comeza a darse unha situación de oligopolio, onde Mercadona cada vez vai acoutando máis o mercado e onde cada vez quedan menos actores de importancia fóra. Na marca de distribución, Lidl vén pegando tamén moi duro e erosionando o mercado, pero quen marca o paso é Mercadona”, recoñecen fontes do sector.
José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla

“Mercadona estase a facer co monopolio da compra, o envasado e a venda o leite en España; cada vez ten máis poder para fixar prezos en orixe”

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, mostra a súa “preocupación” polo feito de que unha única cadea de supermercados vaia ter, na práctica, “o monopolio da compra, envasado e venda de leite en España” e sexa capaz de fixar os prezos en orixe. “Mercadona xa os está marcando, pero cada vez con máis poder”, advirte.
Todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro, tarde ou cedo repercutirá en nós
“Todas as empresas, incluída CAPSA, están para gañar cartos. Se dan este paso de servir leite a Mercadona é porque lles convén economicamente ou porque non son capaces de defender a súa marca no mercado e teñen excedente de leite. Pero todos os movementos empresariais que se fan nunca é pensando no gandeiro; tarde ou cedo repercutirá en nós”, teme o presidente de Agromuralla.
Sempre se puxo como desculpa para pagarnos menos polo leite en Galicia os custos de transporte e agora traen o leite de Asturias
O feito de que estea a vir leite en cisternas de Asturias a envasarse á planta de Larsa desmonta para José Luis “os argumentos empregados polas industrias para pagar menos o leite en Galicia”. “Sempre se nos dixo que o leite aquí valía menos polo maior custo de transporte, pero traer a envasar a Outeiro de Rei leite comprado a un prezo máis caro en Asturias contradí claramente esa desculpa porque se duplican os custos de transporte”, evidencia.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias

“É un cambio de estratexia de CAPSA polos malos resultados do último exercicio económico”

Para Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, a decisión de CAPSA de envasar leite de marca branca para Mercadona “cambia o discurso de valor engadido e produto diferencial que fan nas campañas de publicidade de Central Lechera Asturiana”. Segundo Unións Agrarias (UU.AA), “o cambio de estratexia vén motivado polos malos resultados do último exercicio económico”. “Central Lechera Asturiana entra a substituír con Mercadona o acordo que tiña no seu momento con Celta a través de Iberleche; buscan unha nova alianza estratéxica”, opina Roberto. “Todo parece indicar que hai algo máis detrás de que Mercadona abrira a Central Lechera Asturiana a posibilidade de envasar leite sen ser interprovedora e debería ser explicado, sobre todo se iso vai afectar aos produtores e a distorsionar o mercado”, considera.
CAPSA recolle xa máis da metade do leite en Galicia; a solución natural sería integrar como socios de Central aos gandeiros galegos
“É unha decisión dun conselleiro delegado para resolver un problema cos números na conta de resultados, pero ten pouco que ver cunha decisión estratéxica de futuro, porque se o abastecemento futuro de CAPSA vai estar en Galicia, onde xa recolle máis da metade do leite, a solución natural sería integrar aos produtores galegos como socios na cooperativa e non ternos como meros abastecedores penalizados con 5 céntimos de diferenza”, argumenta. Roberto García denuncia a “pasividade da Xunta de Galicia”, xa que “CAPSA disfruta de axudas publicas e sen embargo marxina no prezo o leite galego”. “Os cinco céntimos menos que paga en Galicia representan o 95% da marxe de beneficio das granxas”, di. “Se o graneiro do leite e a posibilidade de crecemento está aquí, non ten sentido que sexa onde menos se paga polo leite; iso a economía de mercado non o dá explicado”, asegura.
Os 5 céntimos menos que se pagan polo leite en Galicia equivalen ao 95% da marxe de beneficio das granxas
En Asturias, CAPSA mete o reparto de beneficios aos socios no prezo do leite, como un xeito de beneficiar aos socios con entregas, uns 800, fronte aos 5.000 pasivos cos que conta a cooperativa, o que supón, a xuízo de UUAA “competencia desleal en Asturias cara o resto de industrias”. Ademais, en Galicia aplica un contrato co 30% do prezo do leite baseado no valor dos produtos industriais, que non aplica en Asturias.
Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG)

“Que avance a marca branca é sempre unha mala noticia”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, considera que o feito de que “avance” a marca branca “é sempre unha mala noticia”. “Que haxa unha porcentaxe crecente do leite que se envasa como marca branca coloca o futuro desa produción nunha situación de vulnerabilidade, porque esa cadea que hoxe decide envasar nunha industria mañá pode decidir facelo noutra”, argumenta. O SLG aposta por que haxa transformación e industria asentada en Galicia “que teña capacidade de chegar ao consumidor final con produto galego”. “O óptimo sería que o consumidor identifique con Galicia o leite que consume, pero iso non o permite a marca branca, na que non hai vínculo coa orixe nin co modelo de produción”, recoñece. Isabel aposta por produtos de maior valor engadido aínda que admite que “mellor que o leite saia en brick antes que que saia en cisterna”.
O ideal sería que a industria asentada en Galicia tivese posibilidade de chegar directamente ao consumidor con produto galego
Desde o punto de vista de CAPSA, Isabel asegura que “é malo para unha industria deixar de ter fidelizado ao cliente coa súa propia marca” e chama a atención sobre o feito de que “a estratexia histórica de Mercadona sempre foi contar con distribuidores que traballaran en exclusiva para ela, con condicións moi duras que mesmo poñen en risco a rendibilidade do proxecto da empresa subministradora”.
A estratexia de Mercadona sempre foi impoñer condicións moi duras aos seus provedores
Para o SLG, ademais, é “preocupante” que se concentre “cada vez máis” a distribución do leite en menos operadores. “O sector convértese en máis dependente das decisións que tome ese grande operador, que neste caso ten unha posición de dominio do mercado”, advirte en relación a Mercadona.

Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

A compañía asturiana Capsa, propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, comezou a envasar leite para Mercadona coa marca de distribución Hacendado, líder de consumo en España. O movemento vén dado polo aumento das vendas experimentado por Hacendado no último ano e medio, o que obrigou a Mercadona a garantirse o abastecemento cunha ampliación dos seus tradicionais proveedores de leite líquido, que ata agora eran principalmente a andaluza Covap e a vasca Iparlat. Capsa xa iniciou o envasado de leite Hacendado na súa planta de Outeiro de Rei (Lugo), segundo detallan fontes de sector. Consultada sobre esta circunstancia, Capsa limítase a sinalar que “Mercadona é un cliente máis” e elude proporcionar información adicional por motivos de confidencialidade. A compañía asturiana, igual que o resto de industrias, xa viña envasando habitualmente marcas brancas para outras cadeas de supermercados, pero a súa entrada en Mercadona supón un fito, pois representa unha alianza entre a cadea de supermercados líder e unha das industrias lácteas cunha marca de fabricante máis forte.
A entrada de Capsa en Mercadona representa un fito, pois a cadea de supermercados consolídase así como a principal referencia para o sector lácteo español
Capsa é unha das empresas lácteas líderes en España a nivel de facturación, xunto con Lactalis e Danone. As marcas de fabricante da firma asturiana (Clas e Larsa) destacan polo seu bo posicionamento no mercado. De feito, Central Lechera Asturiana (Clas) sitúase como o leite preferido polos consumidores en 7 comunidades autónomas, segundo a última enquisa de DataCentric. Trasvase de consumidores ás marcas de distribución Con todo, o encarecemento que experimentaron os prezos do leite no supermercado no último ano e medio impactaron de xeito forte nas marcas de fabricante -incluída Clas-, que perderon cota de mercado en favor das marcas da distribución, tamén coñecidas como marcas brancas. O escenario de perda de vendas das súas marcas de fabricante explica o o movemento de Capsa con Mercadona, pois a través de Hacendado ten a posibilidade de darlle saída ós excedentes.
O encarecemento do leite no último ano e medio provocou unha forte perda de vendas nas marcas de fabricante, o que aupou aínda máis a Hacendado
Larsa, a marca galega de Capsa, mesmo lle comunicara recentemente a algunhas das súas granxas proveedoras que ía reducir a recollida a partir da próxima primavera, precisamente por esa perda de vendas, que no seu caso afecta tanto ós queixos coma ó leite líquido. Queda agora por ver a dimensión que acada o abastecemento de leite de Mercadona a través de Capsa. No sector sinálase que Capsa xa está a enviar excedentes de leite de Asturias para envasar na planta de Outeiro de Rei (Lugo) para Mercadona e especúlase incluso con que a planta de Outeiro de Rei comece a traballar a tres turnos, a fin de cubrir as necesidades da cadea de supermercados. Estabilidade de suministro para Mercadona A outra lectura do acordo é o interese de Mercadona por contar cun proveedor da dimensión de Capsa, que lle asegura estabilidade no abastecemento. ¿Repercutirá o acordo de Mercadona e Capsa nos volumes de leite que a cadea de supermercados lle contrata ós seus tradicionais proveedores, Covap e Iparlat?. No sector non hai unanimidade ao respecto, se ben tanto Covap como Iparlat manifestan traballar con normalidade. No caso de Iparlat, a firma vasca explica que para este 2024 incluso prevé aumentar o leite comercializado a través da marca Hacendado, pois subliñan que existe “boa sintonía” con Mercadona. Consultada de xeito reiterado Mercadona por Campo Galego sobre a incorporación de Capsa como proveedor de leite líquido e sobre a situación do resto de proveedores, a cadea de supermercados non contestou. Coa entrada de Capsa, a lista de proveedores de leite líquido de Mercadona queda conformada por Covap, Iparlat, Naturleite -a sociedade de Covap en Galicia-, Lactiber -cunha planta en León que xestionan ó 50% Covap e Iparlat-, Lactia en Cataluña -sociedade de Covap e dunha cooperativa catalana-, Lactazor (Murcia) e Capsa.

A cooperativa láctea andaluza Covap reforza a súa presenza en Galicia coa compra dunha fábrica de pensos

A industria láctea Naturleite, con sede en Meira (Lugo), e filial da Cooperativa Ganadera del Valle de Los Pedroches (Covap), adquiriu a fábrica de pensos Cereles Rego, tamén na mesma localidade lucense, co obxectivo de reforzar os servizos que ofrece ás gandarías de Galicia. Con iso, a firma agrogandeira do norte da provincia de Córdoba, que en 2022 facturou 905 millóns, un 31% máis, reforza a súa posición no mercado galego, potenciando sinerxías coas súas gandarías provedoras. A planta de Cereais Rego está destinada á produción, almacenamento e distribución de pensos para as especies bovina, porcina, e aviaria, adscrita ao sistema de Calidade Galicia Alimentos Seguros (Galis) de AGAFAC. De acordo á información facilitada por Naturleite nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, «o acordo alcanzado non só garante os actuais postos de traballo, senón que confirma a aposta de Naturleite por Galicia desde a súa chegada en 2019». Está por ver como repercute este acordo coas gandarías provedoras de Naturleite, en canto a descontos no penso ou primas no prezo do leite.

Crecemento sostido dunha planta provedora de leite parea Mercadona

«Desde entón, a compañía non deixou de medrar, pechando 2022 cunha produción de 130 millóns de litros procedentes de 11.000 vacas en muxido, todas elas en Galicia: para facelo posible, conta cun persoal de 84 persoas, cuxo esforzo e implicación permitiron fortalecer, en apenas catro anos, un proxecto que, xunto a Mercadona, e baixo a marca Hacendado, distribúe a toda España unha ampla gama de produtos de calidade, como leite fresco e UHT», engade. Para Ricardo Delgado Vizcaíno, presidente de Naturleite, «a compra de Cereales Rego pon de manifesto o compromiso que desde o inicio mantivemos con Galicia e co seu sector primario, un dos factores chave do noso modelo; con esta adquisición reforzamos o servizo que podemos ofrecer ás gandarías galegas, neste caso na área da elaboración de pensos non só para gando vacún leiteiro, senón tamén para vacún de carne, porcino ou aviario, incorporando unha actividade que tradicionalmente estivo moi vinculada a Covap, con centros de alimentación animal en Andalucía e recentemente tamén en Estremadura, abarcando toda a cadea alimentaria, desde a orixe». Do seu lado, Raúl Pedro Rego Fernández, propietario desta empresa familiar desde hai máis de 30 anos, sinalou: «Teño a crenza de que Cereles Rego, o equipo e a atención a clientes incorpóranse a un proxecto co que me identifico polos valores e modelo que compartimos, centrado en achegar valor á gandaría galega». Naturleite é a empresa galega do Grupo Covap dedicada á produción, transformación e comercialización de produtos lácteos. Situada en Meira, en 2022 facturou 108 millóns de euros, contando cun persoal de 84 persoas.