Estratexias das adegas para superar a crise do Covid-19

Dende elaborar viños de garda ou espumosos, a incrementar as exportacións ou a venda online ou reducir as compras de uva para a vindeira vendima. As adegas empezan a notar un moi tímido repunte das vendas e cada unha intenta superar a situación con distintas medidas

Publicidade
Estratexias das adegas para superar a crise do Covid-19

O sector do viño está a ser un dos máis afectados pola crise do coronavirus Covid-19 debido, principalmente, ao peche do canal HORECA (hoteis, restaurantes, bares e cafeterías) que antes da crise representaba arredor do 60% das súas vendas. Unha situación aínda máis grave para as algo máis de 400 adegas galegas, a maioría de pequeno ou mediano tamaño, e por tanto sen capacidade suficiente para acceder á canle alimentación (supermercados e hipermercados).

Coa tímida reapertura da restauración nestas últimas semanas os pedidos empezan a volver pero a un ritmo moi paulatino. Analizamos con distintas adegas como aguantaron durante estes meses e que estratexias puxeron en marcha para superar esta crise. A todas elas lles preocupan tres problemas: a gran incerteza sanitaria e económica, a falta de liquidez na tesourería e como afrontarán a próxima vendima cunhas adegas que aínda gardarán moito viño da última anada.

Terra de Asorei S.L. (Rías Baixas) : “Estamos a elaborar viños de garda e espumoso e potenciamos a venda online e a exportación”

Terra de Asorei S.L é unha adega do Salnés, na Denominación de Orixe Rías Baixas, que conta cunhas 60 hectáreas de viñedo das seis adegas socias que se uniron para formar esta empresa.

Cunhas vendas orientadas sobre todo ao canal HORECA o decreto de estado de alarma paralizou prácticamente a súa actividade dende mediados de marzo. “No noso caso solicitamos un ERTE para os traballadores, e xunto coas facilidades para solicitar financiamento, si que axuda a adaptarnos a que os pedidos de viño volvan á normalidade”, recoñece Xosé Ramón Durán, conselleiro delegado da adega.

Nas últimas semanas en Terra de Asorei notaron unha recuperación da actividade, sobre todo grazas ao mercado internacional. “As exportacións foron as que nos mantiveron con actividade dende hai un mes. O mercado galego segue parado, ao igual que o enoturismo, e dende o mercado español empeza a haber algo de pedidos”, explica.

En canto á estratexia da adega para saír desta crise, Xosé Ramón Durán explica que pasa por tres eixos: máis exportación, ampliar a gama con viños de garda e potenciar a venda online.

“Queremos retomar dous importantes acordos internacionais que estabamos a piques de asinar en marzo; imos asinar un acordo para vender o noso viño nun importante portal online a nivel internacional, así como mellorar a nosa páxina web, e vamos ampliar a nosa gama con elaboracións especiais en barrica de carballo e elaborar un albariño espumoso para Nadal”, explica o conselleiro delegado da adega. “Non nos queda outra que ser imaxinativos e poñer todo o noso esforzo para superar esta situación”, conclúe.

Ramón do Casar (Ribeiro): “Temos máis confianza no mercado internacional”

Javier González Sabucedo, un dos propietarios da adega Ramón do Casar, na DO. Ribeiro, afirma que “dende comezos de mes notouse certo movemento nos pedidos en Galicia, e estamos agardando a que Madrid e Barcelona tamén cambien de fase, pois son dous importantes mercados para a nosa adega, que realiza o 95% das vendas no canal HORECA”.

Esa dependencia da restauración levounos a diversificar as canles de comercialización e este mes empezarán a vender os seus viños tamén nos centros de Carrefour en Galicia.

Pero onde teñen máis postas as súas esperanzas para superar esta crise é no mercado exterior: “Exportamos un 30% da nosa producción o pasado 2019, sobre todo a Centroeuropa e países nórdicos e agardamos manter esa porcentaxe. Por agora é un mercado que non se viu moi afectado, gracias a que temos moitos distribuidores. Vimos tamén de abrir un canal importante para vender en China e no Reino Unido e creo as que vendas ao exterior van axudarnos moito a saír desta crise”, recoñece Javier González Sabucedo.

Adega Crego e Monaguillo (Monterrei): “Vai ser moi difícil que compremos toda a uva que viñamos adquirindo”

Na adega Crego e Monaguillo, unha das máis representativas da D.O. Monterrei a situación afectálles tanto como vendedores de viño como compradores de uva.

“Se digo que estamos igual que hai tres meses mentiría, pero hai moitísima incerteza e creo que a recuperación das vendas vai ser moi lenta e haberá que ver se todos os bares e restaurantes que pecharon volven abrir”, advirte Ernesto Rodríguez, propietario desta adega familiar.

Os efectos da crise en Crego e Monaguillo son claros: “Nos últimos tres meses deberíamos ter vendidos arredor duns 300.000 litros de viño, pero do 15 de marzo ao 15 de maio as nosas vendas caeron un 96%”.

Cunhas comercialización ata agora só focalizada na canle HORECA, tiveron que diversificar e a apostar pola venda en alimentación. “Entramos en Gadisa, Froiz, Eroski, Carrefour e agora imos vender en Continente. Chamáronnos eles e o que fixemos é posicionar o produto, pero agora a clave é a rotación”, explica.

Neste sentido, recoñece que lle preocupa a guerra de prezos e de promocións que están a realizar as grandes adegas, o que penaliza claramente as pequenas e medianas empresas familiares.

Sobre o incremento da venda online, reduce o seu impacto: “É certo que porcentualmente aumentou bastante, pero segue sendo un canal moi minoritario, que cuantitativamente representa menos do 5% das nosas vendas”.

Como principal reto a medio prazo, para Ernesto Rodríguez “un dos problemas graves que imos ter é que a vendima está á volta do verán e as adegas imos ter moitas dificultades para recoller a uva aos viticultores, porque ao estar os depósitos aínda cheos, nin imos ter capacidade nin liquidez”.

En canto ás axudas ao sector a súa postura é clara: “Se a administración realmente quere axudar ao sector en Galicia, debería haber axudas directas ao viticultor sobre o prezo da uva e dar máis flexibilidade ás adegas no pago da uva, porque nun ano coma este vai ser moi difícil que podamos paga a uva a 30 días e cos prezos de 2019”.

SAT Godeval (Valdeorras): “Esta crise pode provocar que aumente o consumo de viño no fogar”

Araceli Fernández é xerente da adega SAT Godeval, un dos referentes da Denominación de Orixe Valdeorras, e elabora viños exclusivamente a partir de uvas dos seus propios viñedos.

Ao igual que o resto do sector, nesta adega os últimos meses foron de parón das vendas e o futuro que se abre agora está marcado pola incerteza. “Dependemos de que se rehabilite o sector HORECA e a finais de ano é cando poderemos facer balance do descenso que tivemos nas vendas”, asegura.

Respecto das exportacións, a situación do mercado é moi variable pois “depende de como se xestionara a crise do coronavirus en cada país, e no caso de Estados Unidos únese ao problema do incremento de aranceis”.

“Tamén temos que ver se cambian a partir de agora os hábitos de consumo de viño e aumentan as vendas de viño para consumilo no fogar, como é habitual noutros países europeos”, engade.

Por último, sinala que o gran dilema de todas as adegas nun momento no que se prevé que aumenten os stocks de viño “é acertar en canta colleita de uva deberíamos admitir este ano, para nin quedarnos cortos nin adquirir moita máis do viño que demandará o mercado”.

Una idea sobre “Estratexias das adegas para superar a crise do Covid-19

  1. JJ. Marcos

    Dicirvos que para min a mellor estratexia que poden facer has adegas do pais e baixar os prezos, dado que unha familia con a que esta caendo non poden ter o luxo de mercar a diario unha botella de 0,70 l. mais de 6 E. (1000 ptas), e consumila o mesmo dia, dado que o seguinte dia xa non vale. Falo de unha familia que beba un so. E polo tanto isto nos obriga a recorrer os viños doutros lados.

    Eu sigo dicindo que sen baixar a calidade, para min, repito para min penso que él mellor “moitos poucos, que poucos moitos”, pero vos saberedes.

    Un saúdo.

    J. Marcos

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información