“Este vai ser o tiro de gracia para moitas explotacións en ecolóxico”

Unións Agrarias calcula unha perda de renda media por produtor de entre 12.000 e 14.000€ e pide á Xunta que cubra con fondos propios os perto de 2 millóns de euros que faltan na dotación orzamentaria do PDR deste ano

Un momento da rolda de prensa en Lugo de Félix Porto e José Ramón González

Un momento da rolda de prensa en Lugo de José Ramón González e Félix Porto

O sindicato Unións Agrarias sumouse este martes á petición de que se incremente a partida destinada este ano a produción ecolóxica para que ningún produtor quede sen cobrar. “O fundamental é darlles solución ás explotacións que durante o periodo 2015-2021 estiveron dentro de ecolóxico”, matiza sen embargo UUAA.

“Este vai ser o tiro de gracia para moitas explotacións en ecolóxico en caso de que non se solucione este problema. A media do que viñan cobrando está entre 12.000 e 14.000 euros por explotación, que é unha cantidade o suficientemente importante como para supoñer que unha explotación perda a viabilidade e poida seguir subsistindo”, asegurou Félix Porto, coordinador de acción sindical de UUAA, nunha rolda de prensa celebrada en Lugo.

“Un baremo de puntuación mal calibrado vai facer que moitas explotacións que durante os 5 anos anteriores cobraron a axuda neste ano vaian quedar fóra” (Félix Porto)

 “Un baremo de puntuación mal calibrado vai facer que moitas explotacións que durante os 5 anos anteriores cobraron a axuda neste ano vaian quedar fóra. Pedimos que de xeito inmediato a Xunta de Galicia presente unha emenda orzamentaria para garantir o cobro de todas as solicitudes e sobre todo daquelas que levaban xa en ecolóxico todo o período 2015-2021 e que froito da especulación van quedar fóra das axudas deste ano porque iso vai supoñer en moitos casos o seu peche porque eses cartos cobren rendas que non consegue cubrir o valor dos produtos no mercado”, argumentou.

Na modalidade de mantemento, a axuda supón 260€ por hectárea e en conversión pasa a 300€. “Son axudas do segundo pilar da PAC e polo tanto están cofinanciadas entre Bruxelas, o Ministerio e a Xunta”, explicou Félix, que indicou que “o PDR non se pode modificar con carácter retroactivo, polo tanto esa parte hai que cubrila con fondos propios da Xunta de Galicia”, dixo.

O PDR non se pode modificar con carácter retroactivo, polo que os 2 millóns de euros que faltan debe cubrilos a Xunta con fondos propios, argumenta Unións

“É unha rectificación que ten que facer o propio Goberno autonómico nos vindeiros días con dotación orzamentaria propia”, insistiu, para despois, de cara aos vindeiros anos, ao período da PAC 2023-2027, levar a cabo unha modificación do PDR para que todas as explotacións que estean en ecolóxico poidan cobrar a axuda correspondente.

A condición de que manteñan a actividade

UUAA pide á Consellería do Medio Rural que “de xeito inmediato articule un mecanismo para poder pagar”, facendo fronte ao desfase de cartos que hai neste ano 2022 entre o número de solicitudes e os fondos dispoñibles, pero o sindicato propón que a cambio se esixa aos produtores a continuidade en ecolóxico.

“Hai 200 gandeiros que se atopan neste momento nunha situación inxusta, que van ver denegadas as axudas agroambientais de ecolóxico que solicitaron por quedar fóra dun concurso de concorrencia competitiva por falta de puntuación. É necesario buscar unha solución e estas explotacións deben cobrar as axudas sempre e cando manteñan durante os vindeiros 5 anos esa mesma estrutura de produción en ecolóxico”, propoñen.

Xa advertimos no Consello Agrario que esta campaña dun só ano podía incentivar que houbera fraudes

“Estas axudas saíron no 2014 cun período de permanencia de 6 anos e volverán saír no 2023 con permanencia de 5 anos. Pero quedou o ano 2022 descolgado, no que non se pediu permanencia, e aí é onde comeza o problema, porque foi o que ocasionou parte da avalancha de novas solicitudes”, asegurou José Ramón González, responsable de producións extensivas e ecolóxicas de UUAA.

“Nós advertimos á Consellería do Medio Rural no Consello Agrario que esta campaña dun só ano podía incentivar que houbera fraudes por non continuar nos vindeiros anos en ecolóxico, pero a Consellería desoíu o que nós lle trasladamos”, asegurou.

“Este ano especulouse coas axudas”

UUAA criticou a falta de previsión da Consellería do Medio Rural á hora de dotar de orzamento dabondo a partida económica vinculada cando incluso desde a propia Administración se fixeron campañas animando aos produtores a solicitar esta axuda.

“Esa campaña publicitaria e a falta de compromiso de permanencia provocou que houbera un incremento disparatado de solicitudes. Das pouco máis de 7.400 hectáreas e 250 explotacións que había en ecolóxico a finais de 2021 pasamos a 12.400 hectáreas e 450 granxas”, detallou Félix Porto.

“Pero ese incremento substancial non foi acompañado de dotación orzamentaria. Cubrir a totalidade das solicitudes deste ano supón poñer enriba da mesa 5,6 millóns de euros e só hai 3,8 nestes momentos”, indicou.

Cubrir a totalidade das solicitudes deste ano supón poñer enriba da mesa 5,6 millóns de euros e só hai 3,8 nestes momentos

“A propia Consellería do Medio Rural apostou forte para que houbese un incremento de solicitudes”, asegurou o responsable de acción sindical de UUAA, que acusou a outras entidades de aconsellamento de ter “especulado” coas axudas deste ano. “O aumento no número de solicitudes foi incentivado pola propia Consellería e por entidades de aconsellamento que especularon con isto para incrementar a súa fonte de ingresos”, criticou.

“O 40% das axudas agroambientais que se tramitan en Galicia tramitámolas desde UUAA, pero só o 15% desas novas solicitudes que houbo este ano tramitámolas nós, mentres o 50% desas solicitudes proceden da provincia de Lugo”, insistiu.

Devolver os cartos da tramitación en caso de non cobrar

UUAA afirma que as axudas agroambientais para produción ecolóxica “son un ingreso importante na conta de resultados das explotacións”, polo que o sindicato anunciou que “por cuestión de ética, en caso de que finalmente os produtores aos que lles tramitamos a axuda non cobren, todo o que se lles cobrou por esa tramitación váiselles reintegrar, algo que deberían facer tamén o resto de entidades tramitadoras”, dixo Félix Porto, que pediu tamén ao CRAEGA que a cota correspondente a este ano que o Consello Regulador cobra ás explotacións se traslade ao 2023.

Finalmente, insistiu en que “en Galicia estamos neste momento entre o 2,5 e o 2,7% da superficie agraria adicada a cultivos ecolóxicos, cando a UE pretende chegar a 2030 co 25%”, polo tanto, dixo, “coa situación que se está a dar alonxámonos dos obxectivos primados a través da PAC”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información