O mercado da madeira vive unha fase de incertidumes este outono. O eucalipto arrastra desde setembro unha baixada de prezos, afectada pola caída da cotización internacional da pasta de papel, e descoñécese se ao longo das próximas semanas pode haber novas caídas de prezo. En piñeiro, os prezos mantéñense estables, pero na zona demarcada polo nematodo (sur de Pontevedra), unha das principais áreas produtoras de coníferas na comunidade, detéctase unha ralentización da demanda, polo que o sector está expectante da evolución que segue o mercado os próximos meses, segundo se analiza desde a Asociación Forestal de Galicia.
Se en eucalipto, en madeira certificada e en lotes grandes, falábase hai uns meses de prezos medios no entorno dos 32-33 euros sen Iva, en madeira en pé de globulus con casca, agora os prezos rondan os 29-30 euros en globulus e un mínimo de 6 euros menos en nitens. Ence aplicou unha baixada de tres euros desde setembro pola caída da cotización internacional da pasta de papel, unha situación que afecta a boa parte dos propietarios e madeireiros de Galicia.
Desde a Asociación Forestal de Galicia esperan que nos próximos meses se aclare o mercado tanto para piñeiro como para eucalipto
Desde a Asociación Forestal de Galicia, o responsable de comercialización de madeira, Xosé Covelo, recoñece que o sector mantense á espera da evolución dos próximos meses, pois hai incertidume. “Vimos de ano e medio de prezos interesantes do eucalipto, pero coa baixada aplicada por Ence volvemos á situación que tiñamos no 2017”, valora Covelo.
Polo de agora, outras industrias, como Navigator, non aplicaron baixadas de prezo nas compras, segundo sinala Óscar Piñón, madeirista e secretario de Promagal, se ben espéranse tamén reduccións de prezo no resto de pasteiras.
En piñeiro, o mercado mantense estable, aínda que detéctase unha certa ralentización das compras na zona demarcada polo nematodo, no sur de Pontevedra, que é unha das principais áreas produtoras de coníferas da comunidade e onde o piñeiro logra tradicionalmente mellores prezos. “Pensamos que o sector do aserrado está operando con prudencia polas restriccións ó movemento de madeira que hai na zona demarcada. Os lotes mellores teñen saída, pero quizais haxa lotes con menos demanda”, sinala Covelo, que lembra que no periodo abril – outubro, época de voo do insecto vector da praga, os troncos non poden saír da zona demarcada cara as tradicionais industrias consumidoras de piñeiro, como Finsa.
En prezos, as coníferas manteñen a estabilidade do último ano, con lotes que no sur de Pontevedra poden rondar os 30-36 euros, en tanto no resto de Galicia móvense nos 25-30 euros de media, sempre falando de lotes con madeira para serra e trituración.
En madeira de calidade, a gran novidade dos últimos meses chegou da man de Finsa, que anunciou esta primavera prezos de 100 euros por tonelada para madeira posta en fábrica cun mínimo de 40 centímetros de diámetro, sen nós e recta. Esa tarifa, que se espera que se propague entre o resto do sector do aserrado, pode xerar un alto atractivo para as plantacións do piñeiro, sobre todo se se prolongase o ciclo de prezos á baixa no eucalipto.
Demanda de eucalipto de diámetros grandes
A demanda de eucalipto de diámetros grandes, maiores a 70 centímetros, mantense tanto por parte de Ence como pola madeireira china que iniciou este ano compras en Galicia. Ence fixo unha campaña na primeira metade do ano na que primaba en 7 euros tonelada os lotes que incluísen un 10% de pés maiores a 70 centímetros de diámetro. Esa campaña está tendo unha continuación na segunda metade do ano, pero a prima baixou á metade, situándose agora en 3,5 euros, segundo explican desde a Asociación Forestal de Galicia.
Exportación a China
Entre tanto, a firma china que anunciou esta primavera o seu interese en madeira de eucalipto para chapa, Cheng Ji Wood, e que opera na comunidade a través da sociedade Exportaciones Forestales Wang, xa fixo dous primeiros envíos de arredor de 200 toneladas a través dos portos de Marín e de Gijón.
A súa perspectiva é a de proseguir con envíos mensuais en ambos portos. O responsable da empresa explica que lle están pagando ós madeireiros prezos medios de 80 euros / tonelada en cargadoiro, se ben é unha cifra que depende da calidade e cantidade de madeira. “Estamos traballando con eucaliptos que teñan un mínimo de 80 centímetros de diámetro á altura da cabeza, pois iso permítenos aproveitar as dúas primeiras toradas e nalgún caso ata tres”, explica Florencio González, responsable da empresa.
Un dos atrancos que se están atopando radica na calidade da madeira que se lles ofrece, pois non todo eucalipto de gran diámetro é válido para chapa. “Necesitamos que o tronco teña unha forma redonda, non ovalada, e que non teña fendas no interior nin nós”, explica.
De cara ó futuro, a empresa valora traballar con eucalipto de diámetros menores, pero é unha cuestión aínda sen concretar. Tamén é posible que comece a traballar con outras especies, como carballos, se ben precisa que só estaría interesada nunha primeira torada de madeira para chapa, “e atopámonos o problema de que o resto da árbore non ten uso na industria forestal daquí”.