España reduce un 22% o déficit da súa balanza comercial láctea

Durante o último ano, aumentaron as exportacións e baixaron as importacións. Europa aumenta as súas vendas extracomunitarias de manteiga e queixos e diminúe as de leite en po

España reduce un 22% o déficit da súa balanza comercial láctea

Evolución da balanza comercial láctea nos últimos 12 meses con datos. / Fonte: Ministerio de Agricultura.

España é un país deficitario en leite, polo que importa cada ano máis produtos lácteos dos que exporta. O fin do sistema de cotas, o 31 de marzo do 2015, abriu a porta a que a gandería española incrementase a súa produción, de cara a recuperar mercado interno e aumentar presenza en mercados exteriores. Os primeiros meses sen cotas saldáronse cun escaso éxito en ambas misións, pero a tendencia está cambiando.

Durante os últimos 12 meses con datos (outubro 2015 – setembro 2016), España reduciu o déficit da súa balanza comercial láctea nun 22%, segundo os datos recopilados polo Ministerio de Agricultura.

A nata líquida a granel é a principal baza nas exportacións españolas de lácteos. Representa o 37% das súas vendas ó exterior

As exportacións nese periodo, en relación ó mesmo periodo anterior (outubro 2014-setembro 2015), aumentaron en 200.000 toneladas (en leite equivalente), pasando de 2,14 a 2,34 millóns de toneladas.

En canto ás importacións, reducíronse, pasando de 3,63 millóns de toneladas a 3,50 millóns. A diferenza entre importacións e exportacións deixa a balanza negativa en 1.159.000 toneladas, fronte as 1.491.000 toneladas do periodo anterior.

Cos datos globais do 2016, no ano natural, poderase facer unha comparativa con maiores perspectivas. O 2014 pechouse cun déficit de 1.570.000 toneladas. No 2015 a penas se reduciu o déficit, quedando en 1.551.000 toneladas, pero este ano os números apuntan a unha significativa recuperación do mercado para os lácteos españoles.

Importacións e exportacións
Os principais produtos exportados por España foron nata líquida a granel (37%), queixos (24%) e manteiga (19%). Os destinos máis importante son países do entorno, como Francia, Portugal ou outros da UE, caso de Países Baixos e Italia. No mercado extracomunitario, destacan as vendas de queixos a Estados Unidos.

As principais importacións españolas corresponden ós queixos, que copan o 45% das compras ó exterior

En canto ás importacións, os queixos centran boa parte das compras ó exterior, cun 45% do total, seguidos do leite en po (18%) e da manteiga (13%). A orixe das importacións é principalmente comunitaria, destacando Francia, Alemania, Portugal e Países Baixos.

Vendas intracomunitarias
Nos primeiros oito meses do ano (xaneiro-agosto), o mercado intracomunitario de produtos lácteos experimentou crecementos en relación ó mesmo periodo do ano anterior. Houbo un aumento do 6% nos intercambios de manteiga, do 5% en queixos e do 3% en leite desnatada en po,.

Comercio extracomunitario
As vendas exteriores da UE tamén experimentaron melloras nos primeiros nove meses do ano (xaneiro-setembro) en relación ó mesmo periodo do 2015. As exportacións a terceiros países aumentaron para a manteiga (+ 36%), con Arabia Saudí e Estados Unidos como principais destinos; e para os queixos (+14%), con Estados Unidos e Xapón como compradores máis destacados.

Pola contra, descenderon as exportacións de leite en po (-19%), con Arxelia e China como principais clientes.

En canto ás importacións europeas, caíron en manteiga (-37%), con Nova Zelanda como principal vendedor, e aumentaron para queixos (+19%), sendo Suiza o primeiro país exportador á UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información