O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co Consello de Administración de Ence, que presentou o seu proxecto para crear un Polo de Economía Circular e Biomateriais no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.
En declaracións aos medios ao termo da xuntanza, o vicepresidente económico precisou que a empresa contempla instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú cun investimento en torno aos 330-350M€, segundo estimacións da compañía, e coa previsión de crear máis de 1000 empregos entre directos, indirectos e inducidos. Un proxecto, dixo, que complementa a actividade que a pasteira desenvolve en Pontevedra e que, polo tanto, non implicaría o peche da celulosa pontevedresa, completando a cadea de valor e pecha o ciclo da madeira de eucalipto en Galicia.
Conde salientou que se trata dunha iniciativa absolutamente independente da planta de Lourizán e trasladou “a máxima colaboración da Administración autonómica para acompañar a empresa nas súas necesidades á hora de avaliar a viabilidade técnica, ambiental, financeira e económica deste novo proxecto”.
Pendente das axudas europeas
Do mesmo xeito, manifestou a súa confianza en que conte tamén co apoio do Goberno a través dos fondos europeos, por exemplo, coas axudas previstas nos Pertes de Economía Circular e de Enerxías Renovables; se ben, xa avanzou que a Xunta vai avaliar as posibilidades de integralo no Fondo de Transición Xusta que o Executivo central aínda ten pendente de transferir a Galicia.
Por último, dende a Xunta lembran tamén que Ence ten sobre a mesa un programa de investimentos de 395M€ para mellorar a eficiencia da súa planta da ría de Pontevedra e, ao respecto, o vicepresidente Francisco Conde aludiu á “unidade de acción” que existe entre a propia empresa, a Xunta de Galicia, o cadro de persoal, a industria auxiliar, loxística e de transporte e a Autoridade Portuaria de Marín para que a factoría de Lourizán poida continuar a súa actividade no seu emprazamento actual.