O aumento de temperaturas derivado do cambio climático está a cambiar o escenario de xogo no monte galego. É unha situación que pode xerar maior afección de pragas e enfermidades, a parte dun maior estrés hídrico. Para encarar tal escenario, a liña de traballo máis importante pasa pola mellora xenética das principais especies produtivas. No caso do eucalipto, unha tendencia de mellora na que están a traballar as compañías pasteiras líderes na Península é a dos eucaliptos híbridos.
A hibridación consiste en combinar dúas especies nunha única planta co obxectivo de beneficiarse de vantaxes adaptativas. É por exemplo a solución que se atopou no seu día no castiñeiro para reducir o impacto da enfermidade da tinta, que diezmou os soutos galegos nos séculos XVIII e XIX. A partir dos anos 40 do pasado século, co Centro de Investigación Forestal de Lourizán como protagonista, optouse pola combinación nun híbrido do castiñeiro europeo (‘Castanea sativa’) co castiñeiro xaponés (‘Castanea creata’), que era resistente á tinta, lográndose así a resistencia dos novos pés á tinta.
En eucalipto, Galicia encarou ata o de agora os principais retos cunha adaptación de especies e procedencias. Cando a praga do gorgullo se convertiu nun problema serio, popularizouse progresivamente o eucalipto nitens, que tiña menor defoliación. E nos últimos anos, cando o nitens se viu afectado de cheo nalgunhas comarcas por enfermidades fúnxicas, como a ‘Mycosphaerella’, a selección dos viveiros orientouse a plantas de nitens con procedencias que presentan resistencias a esta enfermidade. É unha liña de traballo que polo de agora está a dar resultado e na que confían tanto os principais viveiros como as empresas pasteiras.
Con todo, de cara ó futuro, as compañías pasteiras valoran a opción dos híbridos en Galicia como unha solución fronte ós novos desafíos. Nalgúns dos países que son referentes mundiais na produción de eucalipto, como Chile ou Brasil, os híbridos de eucalipto están xa plenamente popularizados. No caso chileno, cos glonis, combinación de eucalipto globulus e nitens, e en Brasil co urograndis, combinación do eucalipto urophylla e do eucalipto grandis.
“En Chile, pola súa característica montañosa, buscouse un híbrido que combinase as boas características industriais do eucalipto globulus coa resistencia ó frío do nitens. O gloni hoxe en día é un híbrido extendido que empregan as principais compañías pasteiras do país” -repasa Federico Ruiz, responsable de I+D Forestal de Ence-. “Unha situación similar dáse en Brasil co eucalipto urograndis, que supuxo un avance en resistencia a enfermidades, produtividade e densidade da madeira. O caso do urograndis é singular porque descubriuse por medio dunha hibridación natural que se detectou nun arboreto”, apunta Ruiz.
O experto sinala así como a hibridación de eucaliptos que proban as compañías pasteiras imita a un proceso que xa se dá na práctica na natureza. “En Galicia, en monte podemos atopar eucaliptos híbridos, resultado dunha hibridación natural entre distintas especies de eucalipto, que temos tanto en arboretos como en plantacións”, apunta.
I+D Forestal
Poden ser os eucaliptos híbridos unha solución para os retos da especie en Galicia?. O desafío que encaran as plantacións de eucalipto en Galicia sitúao Ruiz no aumento de temperaturas, acompañado de humidade. “Pasaremos dun clima tépedo – frío a un clima tépedo – subtropical, con máis pragas e enfermidades”, pronostica.
Ante esa perspectiva, Ruiz apunta que un híbrido que podería ter potencial en Galicia é unha combinación do eucalipto urophylla con globulus ou nitens. “O urophylla é o eucalipto que presenta en xeral unha maior resistencia a enfermidades”. Outra especie á que lle ve interese para hibridación é ó eucalipto saligna, pois é o que presenta menor apetencia para a praga do gorgullo do eucalipto.
Polo de agora, Ence non ten ningún híbrido operativo en plantacións forestais, se ben a lusa Navigator xa está a manexar tres clons híbridos nas súas plantacións en Galicia e en Portugal. Un dos híbridos que está a empregar é unha combinación de E. saligna x E rudis, o clon H1205, que se caracteriza pola súa escasa susceptibilidade á praga do gorgullo. Tanto en Portugal como en Galicia úsase en zonas con risco forte ou moi forte de ataque do gorgullo, substituíndo neses casos ó eucalipto globulus.
Navigator tamén traballa con híbridos de E. nitens x E. globulus e está a probar igualmente clons doutras especies, pois considera que a medio prazo poden achegar solucións para complementar o uso xeneralizado de E. nitens, así como para diversificar as plantacións forestais en termos xenéticos e de resiliencia.
A empresa lusa ten unha ducia de ensaios ou pequenas plantacións experimentais en marcha en Galicia e Asturias, coa esperanza de identificar outras solucións xenéticas interesantes e operativamente utilizables, aínda que admite que E. nitens debería ser a especie principal nestes contextos, do mesmo xeito que E. globulus é crave en Portugal.