En que momento é máis susceptible o viñedo ao mildio?

O grupo operativo Viticast desenvolveu un modelo de predición para identificar as épocas de maior risco de afeccións como mildio e oídio. Coñecemos máis detalles sobre os seus avances

Publicidade
En que momento é máis susceptible o viñedo ao mildio?

Sistemas de medición das condicións meteorolóxicas nunha parcela na Denominación de Orixe Valdeorras. // Foto Viticast.

Humidade e elevadas temperaturas resultan unha mestura explosiva no viñedo. Son a combinación perfecta para que aparezan mildio, oídio e botrite, que levan anos sendo o cabalo de batalla da viticultura en Galicia, tanto polos danos que xeran na colleita como polo incremento de custos e traballo que supón atallar estas enfermidades fúnxicas.

Se a meteoroloxía funciona como detonante e aliado tamén podería ser a clave para atallar a incidencia destas enfermidades. Esta é unha das premisas coas que traballa o grupo de operativo supra-autonómico Viticast. Botaron man da intelixencia artificial para desenvolver modelos predictivos da aparición destas afeccións, xa que en todas estas enfermidades fúnxicas a prevención é clave para evitar unha expansión e reducir os danos.

Desenvolveron modelos predictivos que combinan coa observación en campo para determinar os momentos de maior risco de mildio e oídio nos viñedos

Os primeiros resultados destes traballos arroxan claves para coñecer mellor os momentos de maior riscos para os viñedos. “A finalidade do grupo Viticast é achegar solucións innovadoras na predición de enfermidades fúnxicas no viñedo”, explican os seus promotores.

Polo momento, xa conseguiron identificar os momentos propicios de infección tanto de mildio como de oídio en base ás condicións meteorolóxicas e mesmo desenvolven modelos nos que tamén teñen moi en conta o estado fenolóxico do viñedo. “A intelixencia artificial permitiunos desenvolver modelos meteorolóxicos, fenolóxicos e de concentración de esporas que, sumados ás observacións sobre os terreos de síntomas nas vides, permitirán emitir avisos de risco de infección”, detallan desde o grupo Viticast.

Parcela-San-Marcos-de-la-EFA-DO-Rias-Baixas_

Sistemas de medicións meteorolóxicas instalados nunha parcela da Estación Fitopatolóxica de Areeiro nas Rías Baixas.

Esta ferramenta busca permitir un uso máis eficaza e eficiente dos produtos fitosanitarios ó empregar a cantidade necesaria no momento óptimo. “Tratase de lograr unha viticultura máis sostible e un produto de maior calidade”, reivindican.

Os seus traballos de campo están a desenvolverse en parcelas situadas nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira do Douro. Recollemos os avances que lograron durante a campaña de 2020.

Risco de mildiu

No caso do mildio, o control da oospora de inverno, tamén coñecida como ovo de inverno, resultou clave para establecer modelos que axuden a coñecer as épocas de maior risco para o viñedo. En concreto, o grupo Viticast iniciou a campaña calculando as condicións para a maduración da oospora.

Foi un traballo que realizaron tanto de forma individualizada, en cada unha das parcelas mediante os captadores de esporas instalados, como a través do aviso emitido pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, en Pontevedra. “Tamén calculamos a data na que se comprobou a maduración da oospora por métodos físicos”, explican responsables do proxecto.

A maduración da oospora de inverno resulta fundamental para establecer os momentos de maior risco de mildio

Cando a oospora de inverno madurou empezan a calcular as condicións meteorolóxicas para que se produza a primeira infección primaria, trala que se produce un proceso de incubación antes das primeiras manchas. Ao tratarse dun proceso cíclico que se que repite ao longo da campaña, ter controlados os seus tempos permite adiantarse e que os tratamentos resulten máis efectivos.

Así, nunha das zonas de estudo situada en Rías Baixas-Salnés, a maduración de oospora máis temperá produciuse o 1 de marzo e a primeira infección primaria completouse o día 5 de marzo. Tras iso, o proceso de incubación asociado completouse o día 18 de marzo e as primeiras manchas na zona detectáronse o 20 de marzo.

infecions-e-incubacions-primarias-de-mildio-en-Rias-Baixas-

Infeccións e incubacións primarias de mildio en Rías Baixas.

“Unha vez que chega ao 100% a primeira incubación primaria, empézanse a calcular as condicións para que se produzan as esporulacións”, detalla o persoal técnico involucrado no proxecto. “Ó que a primeira esporulación conclúe, empézanse a calcular as condicións para que se produzan as infeccións secundarias e as súas incubacións asociadas”, concretan.

Esporulacion-infeccions-e-incubacions-secundarias-de-mildio-_Viticast-

Esporulación, infeccións e incubacións secundarias de mildio.

Dous modelos para predicir a incidencia de oídio

No caso do oídio, outra das enfermidades con maior incidencia no viñedo en Galicia, Viticast estableceu dous modelos de predición. O primeiro deles calcula a presión de oídio en función das condicións meteorolóxicas, e o segundo modelo ten en conta, ademais das condicións meteorolóxicas, o estado fenolóxico no que se atopa a planta. “O obxectivo deste segundo modelo é ponderar o risco de oídio en función dos momentos nos que o acio é máis susceptible á infección, de forma que se centra na protección do acio, non da planta completa”, detallan desde Viticast.

comparativa-de-modelos-de-oidio-Viticast-

Comparativa de modelos de oídio.

Ter en conta tamén o estado do acio permite optimizar aínda máis a aplicación de tratamentos. A modo de exemplo, o día 29 de xuño as condicións meteorolóxicas en Galicia resultaban propicias para que se incrementase a presión de oídio. Así, o primeiro modelo que utilizaban, detectaba que o risco era alto. Con todo, o segundo modelo, que ten en conta tamén a fenoloxía, proporciona un risco baixo, en torno á 18,27% fronte ao 100% que detaballa a previsión inicial. Esta diferenza débese a que nesa data, o acio non é aínda susceptible de infección por oídio.

Os socios do proxecto

No grupo operativo Viticast, que leva en marcha desde 2019, participan como socios a empresa galega Monet Tecnoloxía e Innovación S.L., a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a adega Viña Costeira S.C.G., situada na Denominación de Orixe Ribeiro, as adegas Facenda Mosteiro e adega Matarromera S.L. (DO Ribeira do Douro), ademais da Estación Fitopatolóxica Areeiro, pertencente á Deputación Pontevedra. Pola súa banda, desde a Universidade de Vigo tamén forma parte destes traballos o grupo de investigación de Planta, Solo e Aproveitamento de subproductos e como entidade subcontratada inclúese o grupo de Cromatografía e Quimiometría da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, o proxecto conta con entidades colaboradoras como a Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), a Asociación Galega de Vicitulcutura (AGV) e a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro (ACER).

A iniciativa manexa un orzamento de 615.249,11 euros e recibiu unha subvención de 599.957,11 euros cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco das axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información