En marcha a creación do mapa de usos agroforestais de Galicia

Medio Rural destaca que esta información empregarase para ordear os usos da terra, algo que se fará a través dos futuros Catálogos de solos agropecuarios e forestais

En marcha a creación do mapa de usos agroforestais de Galicia

Reunión do Consello de xestión da terra agroforestal, este martes en Sergude.

Medio Rural está dando pasos para unha nova ordenación dos usos da terra, tal e como estaba previsto na Lei de Recuperación da Terra Agraria. A primeira medida é a creación do Mapa de usos agroforestais de Galicia, que suporá a revisión informatizada de algo máis de 11 millóns de parcelas catastrais. Para a súa elaboración tómanse datos do Sixpac, do inventario forestal continuo de Galicia (en elaboración) e do sistema de información sobre a ocupación do solo en España. Tamén se incorporarán datos doutras fontes, como o rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou o rexistro vitivinícola.

Ese mapa de usos actuais da terra será a base para a ordenación posterior, que se acometerá a través da creación de Catálogos de solos agropecuarios e forestais.

A posta en marcha do mapa abordouse este martes na primeria xuntanza do Consello de xestión da terra agroforestal, un órgano consultivo da Administración no que participan os colectivos representativos do sector. A Consellería do Medio Rural destacou no encontro que o mapa servirá de base para a planificación das actuacións públicas en todo o relativo á ordenación e xestión do uso das terras agroforestais.

A elaboración do mapa de usos agroforestais xa se completou en 24 concellos, segundo avanzou a Xunta. Na catalogación de usos actuais, estase tamén incluíndo a catalogación de sistemas agrarios de alto valor natural, nos que a Administración entende que, en paralelo á actividade produtiva, os sistemas agrarios están dándolle soporte á conservación da biodiversidade.

Mapa histórico
Xunto co mapa de usos actuais, Medio Rural está elaborando un mapa de usos históricos da terra a partir do voo cartográfico do ano 1957, complementado de xeito puntual con fotografías dos anos 1946-47. O obxectivo é apreciar a evolución dos usos da terra nos últimos 65 anos. O mapa histórico xa está completado en 85 concellos, segundo apunta a Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información