Un 18% das parcelas dunha aldea modelo de Cerdedo – Cotobade presenta titularidade descoñecida

Medio Rural iniciou en Mouteira - Parada o primeiro procedemento de investigación da propiedade

Un 18% das parcelas dunha aldea modelo de Cerdedo – Cotobade presenta titularidade descoñecida

Visita do conselleiro do Medio Rural ó proxecto da aldea modelo de Mouteira - Parada. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio do inicio da investigación da titularidade de parcelas da aldea modelo de Mouteira – Parada, en Cotobade – Cerdedo (Pontevedra) Con esta publicación iníciase o primeiro expediente de investigación da titularidade sobre predios de solo rústico cuxa titularidade se descoñece.

En concreto, este primeiro expediente a nivel galego lévase a cabo dentro dos traballos de desenvolvemento da aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Nela estase a traballar nunha superficie de 17 hectáreas distribuída en 427 parcelas de 109 titulares catastrais. Co procedemento que se publica hoxe, vaise clarexar a titularidade de 77 parcelas das que non se ten a certeza da súa titularidade. É dicir, un 18% dos predios son de titularidade descoñecida, unha porcentaxe usual no rural galego polos erros e falta de actualización do Catastro, entre outras cuestións.

Como paso previo ao inicio do expediente de investigación da titularidade, consultouse a información catastral, o rexistro da propiedade e, en colaboración co Concello, recolleuse a documentación aportada polos veciños e titulares dos predios da aldea modelo de Mouteira-Parada.

O inicio do expediente será trasladado ás diferentes administracións para que se difunda o máximo posible e estará exposto durante un prazo de 20 días. A continuación, rematado dito prazo de exposición, as persoas afectadas poderán alegar durante un período dun mes, a maiores. Para facelo, deberán achegar os datos, antecedentes ou documentos que consideren pertinentes para fundar o seu dereito, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A Lei recolle distintas opcións de acreditar e demostrar a titulariades dos predios. O procedemento que se publica hoxe terá que estar instruído e resolto nun prazo máximo de dous anos e ao seu remate darase traslado a Administración Xeral do Estado para a actualización dos datos catastrais.

Procedemento novidoso

O procedemento da investigación da titularidade é unha das grandes novidades da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, na que se regulou un procedemento que atribúe por primeira vez ao Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a facultade para investigar a situación de inmobles existentes en solo rústico ou en solo de núcleo rural dos que non se teña certeza sobre a súa titularidade.

Así, na procura da maior seguridade e rigor nos traballos, empézase a realizar este labor naqueles lugares nos que existen instrumentos de recuperación da terra en avanzado estado de desenvolvemento -caso desta aldea modelo, ou de determinados polígonos agroforestais nos que se vai implementar a partires de agora-.

En todo caso, cómpre engadir que as parcelas suxeitas a este procedemento de investigación son integradas transitoriamente no Banco de Terras para poder poñelas en produción dentro deste instrumento de recuperación de terras. Deste xeito evítase tanto o propio deterioro dos predios como o risco ambiental que supón a súa situación de abandono, ao tempo que se posibilita o seu aproveitamento agrario. Esta integración cautelar non supón a perda de dereitos por parte de posibles titulares, xa que en caso de aparición da persoa titular do predio se lle fará entrega deste e das rendas derivadas polo seu arrendamento.

O anuncio pode consultarse na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural:
https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/investigacion-titularidade/

Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230718/AnuncioO90-030723-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información