Eleccións a Consellos Reguladores: Unións gaña na DO. Ribeiro e o Sindicato Labrego e os independentes na DO. Rías Baixas

Publicidade
Eleccións a Consellos Reguladores: Unións gaña na DO. Ribeiro e o Sindicato Labrego e os independentes na DO. Rías Baixas

Hoxe celebráronse sen incidencias as eleccións para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agrolimentario galego, convocadas mediante a orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Foron votar máis de 3.600 electores e a participación oscilou entre o 92,3 % na denominación de orixe (DO) Monterrei e o 26,6 % na DO Ribeiro.

Ademáis dos resultados xa publicados por Campo Galeg dos comicios na IXP Carne de Vacún de Galicia e DO Valdeorras, os dos outros Consellos Reguladores foron os seguintes, segundo a información publicada pola Consellería do Medio Rural:

Consello Regulador da DO Monterrei:

Tan só houbo votacións no censo de adegas de menos de 30.000 litros dentro do sector industrial e a lista máis votada foi a da Federación Rural Galega (Fruga). Nesta DO, a participación electoral foi do 92,3 %.

Consello Regulador da DO Rías Baixas:

Nesta DO a participación foi do 83 %. Só se votou en tres censos. Dentro do sector produtor, no censo de viticultores de máis de dúas hectáreas do Condado de Tea e Soutomaior a lista máis votada foi a do Sindicato Labrego Galego e no mesmo censo da subzonas do Val do Salnés e da Ribeira do Ulla, a lista máis votada foi a da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas. Dentro do sector industrial, só houbo votación no censo correspondente a adegas de menos de 100.000 litros. Neste caso, a lista máis votada foi a da Asociación Agraria de Galicia (Asaga).

Consello Regulador da DO Ribeiro:

Só houbo votacións no censo de viticultores e nese caso a lista con máis apoios foi a de Unións Agrarias. A participación foi do 26,6 %.

Consello Regulador da IXP Mel de Galicia:

Só se votou no censo de apicultores con máis de 400 colmeas. A lista máis votada foi a de Erica Mel SCG. Nesta IXP a participación situouse no 75 %.

O proceso electoral continuará a vindeira semana, concretamente o martes día 21, coa proclamación por parte da xunta electoral dos vogais resultantes do proceso de votacións que se realizou hoxe. Cómpre lembrar que naqueles censos nos que se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías ou -logo dalgunha renuncia- quedou unha única candidatura en liza, o proceso de eleccións deuse xa por rematado. Isto é o que sucedeu no caso dos consellos reguladores da denominación de orixe Ribeira Sacra, das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, das denominacións de orixe protexidas Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa, das IXP Pataca de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia e no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información