Forestal Cando (San Sadurniño, A Coruña) é unha empresa adicada á compra e corta de madeira que opera principalmente na provincia da Coruña e na zona norte e centro de Lugo. Creada no 2001, a empresa enfocouse en darlle un servizo integral ó propietario forestal, desde a corta da madeira á posterior plantación e rozas. Na actualidade, entre traballadores directos e empresas subcontratadas, move un equipo que supera as 80 persoas.
“Somos unha empresa familiar que fomos medrando cos anos, pero que mantemos a mesma relación co propietario. Dámoslle un trato cercano e persoal. O propietario sabe con quen fala e quen lle pode solucionar calquera problema que apareza”, explica Rubén Pena, terceira xeración da familia.
A orixe de Forestal Cando remóntase ó seu avó, Vicente Pena, que traballaba co nome de ‘Maderas Pena’. Cando se creou no 2001 Forestal Cando, xa estaban ao fronte os fillos de Vicente, Alfonso e Saturnino, e na actualidade, son xa os netos, Rubén e Raquel, os que están ó mando da empresa.
Esta época, marcada pola alta demanda de madeira, tanto de eucalipto como de piñeiro, é considerada por Rubén como moi positiva para os propietarios. “Hai máis demanda de madeira que oferta, polo que eu diría que é o mellor momento para o propietario forestal. Non tanto para as empresas, que moitas veces imos moi xustas porque non hai madeira suficiente á venda e a competencia é alta”, matiza.
Servizo integral
En Forestal Cando traballan tanto na corta de eucalipto para pasta de papel como en piñeiro para serra, chapa e taboleiro. Teñen ademais un servizo de leñas para calefacción, con entrega a domicilio. A empresa conta con procesadoras e taladoras, así como con equipos de tala manual, “para zonas con moito minifundio”, e con maquinaria para plantacións (retros, rippers, trituradoras, etc.).
“Temos clientes de sempre, ós que normalmente lles prestamos un servizo máis integral, asesorámolos e xestionámoslles plantacións e desbroces; e despois temos o cliente que simplemente quere prezo para a madeira” -explica Rubén Pena-. “Cada propietario pídenos os servizos que precisa. Nós podemos encargarnos de todo o que sexa necesario no monte, incluíndo xestión da certificación forestal ou permisos necesarios. Gústanos dicir que coidamos do monte do propietario como se fose noso”, conclúe.
A empresa incide na rendibilidade que o monte ofrece para os propietarios, así como na creación de emprego que xera na contorna, todo elo acompañado de servizos ambientais para o conxunto da sociedade. “Somos un sector de gran importancia, ó que habería que facilitarlle o traballo, con menos trabas e restriccións”, defenden.
Máis información