O monte particular da comarca do Morrazo (Pontevedra) convertiuse nas últimas décadas nun espazo con escasas perspectivas. Hai un minifundio forestal extremo, con parcelas medias que rondan os 700 – 800 metros cadrados, e unha maioría de propietarios que xa non vive da terra e que é incapaz de situar boa parte das súas parcelas. “Moita xente pensa que o monte non vale para nada”, resumen na Asociación de Propietarios do Morrazo, un colectivo que xurdiu no 2015 coa idea de recuperar o monte.
Falamos co presidente da Asociación, Luciano Guimeráns, de Marín, e co vicepresidente do colectivo, José Manuel Carracelas (Bueu), sobre o traballo que están a facer. “Queremos deixar un monte vivo”, enuncia Luciano.
– Como naceu a Asociación, unha iniciativa que é singular a nivel de Galicia?
Luciano: A Asociación naceu por iniciativa dun grupo de propietarios que viamos que a situación do monte era a cada paso de máis abandono. Sentámonos un grupo de xente de Marín e Bueu e decidimos constituír unha asociación para animar ós propietarios a sumarse. O obxectivo era abrir un debate sobre o que facer no monte. A idea inicial era chegar a todo o Morrazo, pero enseguida vimos que era moi complicado, así que finalmente centrámonos en Bueu e Marín.
– Que se pode facer fronte a ese abandono do monte do que falades?
Luciano: Calquera iniciativa tería que pasar por crear zonas agrupadas. No Morrazo, individualmente non fas nada no monte porque está moi dividido, en parcelas moi pequenas.
“Os nosos socios teñen unhas 1.400 parcelas, cunha superficie media duns 700 metros cadrados”
José Manuel: Os nosos socios, que son 160, teñen máis de 1.400 parcelas, cunha media de 700-800 metros por tomada, pero dentro diso, temos parcelas de 50 metros cadrados. O monte aquí está con moito minifundio polas particións que había nas herdanzas. Un propietario pode ter 10 parcelas dispersas e en moitos casos, teñen identificadas algunhas fincas e outras non saben nin por onde están.
– Que resposta atopastes á vosa inquedanza entre os propietarios forestais?
Luciano: Cada vez que facemos unha asemblea nunha parroquia, á xente parécelle moi boa idea a Asociación e está interesada, pero tampouco podemos ofrecer solucións concretas, xa que polo de agora a Xunta non apoia figuras de xestión do monte que sexan acaídas á nosa realidade.
Tamén hai propietarios que din: ‘A min non me interesa porque teño as miñas tomadas limpas e están localizadas’. Igual a el non lle interesa, porque ten por exemplo 60 anos e aínda vai ó monte, pero cando teña 70 ou 75 deixará de ir ó monte e os seus fillos igual non queren saber nada. Entón, temos que buscar remedio e ese remedio ten que ser de xeito agrupado.
– Pensastes en promover unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) para agrupar a xestión das fincas?
José Manuel: Pensouse nunha Sofor, pero non é viable. As dimensións mínimas que se esixen para as Sofor, de 50 hectáreas, están pensadas para outras zonas, non para o Morrazo. Na Estrada, hai unha Sofor de 30 propietarios que suma 50 hectáreas. Aquí 30 propietarios sumamos pouco máis de 4 hectáreas.
“As Sofor non se adaptan a nosa realidade. Apostamos por facer agrupacións de 3 hectáreas en coto redondo, pero a Xunta ten que apoialas”
Luciano: A Sofor é a figura que apoia actualmente a Administración, pero para o Morrazo vémola difícil. Nós apostamos por agrupar a xestión en unidades que teñan un mínimo de 3 hectáreas en coto redondo, con continuidade entre as parcelas, que é algo que nos parece máis factible. Estamos traballando en varias zonas concretas nas que temos socios e outra parte de propietarios que estarían interesados. O que precisamos é que a Administración apoie este tipo de agrupacións.
Se imos a unha zona e lle dicimos ós propietarios, imos valorar a madeira de cada un, cortar e plantar en conxunto, é algo que pode saír adiante. Traballar en conxunto permitiría ademais satisfacer as distintas visións que hai sobre o monte. Hai propietarios que defenden o eucalipto, outros o castiñeiro, a cerdeira ou o carballo. Se tes varias hectáreas en conxunto, pode haber diversidade de especies, eucaliptos, piñeiros, castiñeiros… e non como agora, que no Morrazo camiñamos cara un monocultivo do eucalipto.
“Agrupar a xestión permitiría satisfacer as distintas visións que conviven sobre o monte. Habería sitio para eucaliptos, piñeiros, castiñeiros ou cerdeiras”
José Manuel: Cunha ordenación do monte e plantacións diversas, estarían todos os propietarios contentos. Pensamos que o monte ten que ter rendabilidade porque se non ten rendabilidade, mal vamos. Dicíamo unha propietaria estes días: ‘Fálolle ós fillos do monte e os fillos dinme que o monte non vale nada’.
Luciano: Un dos motivos do abandono é ese. Non hai xeito de rendabilizar parcelas pequenas. Por iso nós dicimos que traballando de xeito agrupado, pode haber prezos á alza e unha mellora de rendabilidade.
“O monte ten que ter rendibilidade. Se non, mal imos”
– Entón, a vosa idea sería a creación de agrupacións de máis de 3 hectáreas nas que manteriades a propiedade individual e xestionariades en conxunto?
José Manuel: Exactamente, pero non chega con crear só zonas agrupadas porque hai moitas fincas que teñen muros de separación ou carecen de accesos. Temos tamén que superar o minifundio interno.
Luciano: Un dos obxectivos sería a concentración. Dentro do mesmo polígono, hai propietarios que terían varias parcelas. Unha primeira medida sería limpar, medir toda a zona, investigar a propiedade e facer un plan de reordenación, que debería ser aprobado polos propietarios antes da súa inscripción notarial. Se un propietario ten catro parcelas nun polígono, pode rematar tendo unha, o cal lle favorece.
“Un dos obxectivos sería a concentración dentro de cada polígono. Esa é a nosa proposta, pero ata agora tivemos cero apoio da Xunta”
José Manuel: Esa é a nosa proposta, pero ten que ser asumida pola Administración. Ata o de agora, tivemos cero apoios da Administración ás nosas propostas e necesidades. A cuestión de fondo é que somos unha zona moi pequena no conxunto de Galicia e ignórannos.
Luciano: Se ti lle dis ó propietario que ten que saír todo do seu peto, o propietario é reacio.
– Falabades de investigar a propiedade. A parte das fincas dos vosos socios e de propietarios que tedes identificados, hai moita propiedade descoñecida?
Luciano: Á hora de identificar as propiedades, contabamos con que Catastro puidera colaborar máis con nós, pero a nosa sorpresa é que, aínda que xa o intuiamos, a información que hai no Catastro está moi atrasada. Falando con Catastro, confesáronnos que hai arredor dun 20% de parcelas de propietarios descoñecidos. Iso dificulta moito o traballo.
Ten que haber algunha norma que respalde ás entidades que queiran ordear unha zona para que o poidan facer incluíndo as parcelas de propietario descoñecido. Se un día aparece o propietario, pois buscarase unha solución, pero doutro xeito é imposible facer nada.
“Hai parcelas que están a nome de persoas que terían 130 anos. Esa é a realidade e carecemos de apoio para localizar ós propietarios reais”
José Manuel: Hai parcelas que están a nome dunha persoa que a día de hoxe tería 130 anos. Esa é a realidade. Temos dificultades para localizar ós propietarios reais desas parcelas e non temos ningunha axuda. Se vas a Catastro buscando información dos lindantes dunha parcela, tes que pagar por esa información, cando é información sen actualizar e que non che resolve nada.
E se vas pedir unha corrección, pídenche que aportes un informe técnico, que nalgúns casos vai valer máis que a propia parcela, e un acordo cos lindantes. Ese é o papel que xoga a Administración, cando debería intervir ela directamente para buscar solucións.
“Unha vez que iamos petando polas portas, díxonos un propietario que estabamos facendo un traballo de apostolado. Non lle falta razón”
Na Asociación estamos facendo un traballo de falar cos propietarios e de investigar a propiedade que non ten ningún respaldo. Unha vez díxonos un propietario que o traballo que estabamos facendo era de apostolado e non lle falta razón. Imos chamando ás portas e hai xente que nos di: ‘Menos mal que alguén se ocupa disto’.
Luciano: Tamén hai que dicir que nalgunza zona, como Marín, temos xente que nos combate, xente que igual ten os seus intereses e ingresos do monte e pensa que lle vai ir peor se os propietarios nos agrupamos e traballamos en conxunto. Iso tamén deriva en que teñamos dificultades en agrupar ós propietarios.
José Manuel: Hai moita picaresca no monte e tamén hai que entender á xente. Houbo moitos enganos e a xente vólvese desconfiada.
“Que monte lle queremos deixar os nosos fillos? Dez parcelas pequenas que non sabemos nin onde están ou tres máis grandes e ben xestionadas?”
Luciano: Ao final, o que estamos facendo é un planteamento de futuro e todo o mundo vaise dando de conta do sentido que teñen as nosas propostas. Que queremos deixarlle ós nosos fillos? Dez parcelas de monte pequenas que non sabemos nin onde están ou 3 – 4 parcelas agrupadas e ben xestionadas?. Por iso pensamos que pode triunfar.
– Nos vosos casos concretos, en que situación se atopan as vosas parcelas?
José Manuel: Teño unhas 16 parcelas que suman uns 8.000 metros e que se atopan en tres concellos distintos. De todas esas, só teño perdidas 2 pequenas, ensináronmas algunha vez, pero non fun capaz de volver. E iso é algo que lle sucede a moita xente.
No meu caso, cando era pequeno, o meu pai andaba ó mar e cando viña, lembro que me levaba ó monte a pasar o día, levabamos unha mochila con comida e bebida, ensinábame os marcos e pintábaos. É unha lembranza marabillosa que teño daquilo e por iso eu sigo con isto. O meu pai dicíame, ‘Vós ides perder o monte’. Pero non o perdemos, temos unha asociación para recuperalo.
Luciano: No noso caso, eu son un pequeno propietario e a miña muller ten unhas 12 tomadas, sumando 6.000 metros, todas no concello de Marín, pero non saberiamos identificalas. Temos estado nalgunha delas hai anos, pero agora xa non se entra coa altura de mato que hai. Esta é a realidade de moitos propietarios. Por iso a asociación é tan importante e é a esperanza que temos.
“As franxas de protección non son a solución, limpas a ribeira e deixas un polvorín detrás”
– Estamos agora en plena época de lumes. Como vedes a situación do monte no Morrazo ante os incendios?
Luciano: A realidade é que temos un perigo moi serio. Nós vivimos en zonas rurais, pegadas ó monte, e hai un perigo serio non só para o monte senón para a vida da xente.
José Manuel: Se hai unha vaga de calor, con circunstancias extremas, temos medo. Así de claro.
Luciano: Pensa que se entra un lume en Moaña con vento do sur ou do suroeste, o incendio chega a Pontevedra. Con vento e calor non hai quen o apague.
– Como vedes a normativa que obriga á creación de franxas de protección arredor dos núcleos de poboación? É unha solución?
Luciano: A Xunta debería ser consciente de que por esa vía non vai resolver o problema dos incendios en Galicia. O problema para nós está no interior do monte. Se ti tes a ribeira limpa, pero detrás tes un polvorín, non é solución. Imos seguir investindo en apagalumes ou planteando medidas preventivas?
José Manuel: Unha asociación como a nosa podería xogar un papel importante en prevención, pero de momento nunca tivemos apoios.
Luciano: As franxas son ademais algo tremendamente custoso para o propietario. Ao que lle cae, se ten ameaza de multa, non lle queda outra, pero se un propietario que teña unha tomada ao lado dunha zona urbán ten que estar gastando tódolos anos e non pode ter arborado, ao final o monte representa unha carga constante.