A Deputación de Lugo axiliza o pago de axudas a asociacións agrogandeiras

Publicidade
A Deputación de Lugo axiliza o pago de axudas a asociacións agrogandeiras

Mónica Freire, Deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade

A Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación Provincial de Lugo axiliza a xestión das axudas a entidades sen ánimo de lucro, concellos, colectivos e asociacións agrogandeiras que estaban pendentes de finalización, e que suman un importe de 215.000 euros.

A deputada nacionalista responsable da área, Mónica Freire, sinalou que “durante estes dous meses de alarma sanitaria mantívose o ritmo de traballo para poñer ao día o pago de axudas e subvencións que estaban en diferentes fases de tramitación ao inicio da Covid 19 para que asociacións, concellos e colectivos dispoñan dos fondos correspondentes ao actual orzamento 2020 no menor tempo posible”.

Así, a suspensión dos prazos nos procedementos administrativos non condicionou o funcionamento normal da xestión de expedientes e a posta en marcha do plan estratéxico de subvencións para o período 2020-2023, aprobado o pasado 16 de abril.

Mónica Freire explicou que “o uso de medios telemáticos mesmo permitiu aumentar a comunicación co tecido asociativo e produtivo e cos concellos”. “Mantivéronse as videoreunións con representantes de asociacións, agrupacións de produtores, cooperativas agrarias, sindicatos agrarios e xestores públicos nos concellos para intentar atender as súas demandas nesta situación de pandemia e reorganizar prazos e prioridades para aportar solucións dentro das competencias propias da Deputación Provincial”, sinalou.

A deputada mariñá agradeceu “o traballo do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo, que está a realizar unha función esencial para ampliar o traballo a distancia a toda a estrutura organizativa e de xestión da entidade provincial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información