Denuncian que arde un tractor en Guitiriz por erros nos servizos de extinción

O Sindicato Labrego sostén que o a carroceta de bombeiros do Concello non acudiu ó suceso por carecer de chófer, algo que considera “inaceptable en plena tempada por alto risco de lumes”

Denuncian que arde un tractor en Guitiriz por erros nos servizos de extinción

Tractor que ardeu en Guitiriz. / Imaxe cedida.

Un tractor que realizaba traballos nunha finca agrícola da parroquia de Labrada (Guitiriz) ardeu o pasado luns 17 tras sufrir un sinistro e prender lume no tractor. O afectado chamou ó momento ó teléfono de emerxencias, o 112, que derivou o aviso ó Concello de Guitiriz para que activase a súa carroceta de bombeiros. Sen embargo, o Concello advertiu de que non podía acudir ó sinistro por carecer de chófer para o veículo, polo que houbo que avisar ó parque de bombeiros de Vilalba, segundo sinala o Sindicato Labrego en nota de prensa.

Cando chegaron os bombeiros de Vilalba, non puideron acceder ó lugar co seu camión, polo que tiveron que pedir a colaboración dos veciños para utilizar outro tractor cunha cisterna cargada de auga. Cando finalmente puideron comezar as tarefas de extinción, xa non había nada que facer.

Para o Sindicato Labrego Galego, o normal, tanto pola curta distancia como polas posibilidades de acceso, tería sido que prestase asistencia a carroceta de bombeiros do Concello de Guitiriz. “Non é de recibo que en pleno mes de agosto, coa tempada de alto risco de incendios aínda vixente, e nun municipio catalogado como zona de alto risco para os lumes, os medios de extinción municipais estean paralizados por falta de persoal. Preguntámonos que tería acontecido se, en vez dun tractor, ardese unha vivenda con persoas dentro”, conclúen.

Máis información
O Concello de Guitiriz nega ter recibido aviso para actuar no caso do tractor incendiado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información