Que políticas debe implementar a Xunta nos próximos catro anos para apoiar á gandería, á agricultura e ó sector forestal?. Representantes de PPdeG, BNG e PSdeG debatirán sobre a cuestión este venres a partir das 16.30 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. O acto está organizado por Campo Galego, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago.
Na liña do debate organizado hai catro anos, en vísperas das anteriores eleccións autonómicas, Campo Galego volve a xuntar a portavoces das formacións con representación parlamentaria en Galicia para abordar a situación e perspectivas dos distintos sectores produtivos.
En concreto, o debate deste venres contará con sete bloques temáticos. Dous dos bloques abordarán temas transversais, como son a PAC e as novas normativas para o agro (xurros, caderno dixital, etc.), e os restantes cinco bloques adicaranse a debatir sobre os retos dos distintos sectores produtivos: leite, ganderías de carne, forestal, viñedo e agricultura (horta, cultivos extensivos).
A última media hora resérvase para preguntas do público asistente. O acceso ó debate, que se celebrará no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, é libre. Campo Galego tamén fará retransmisión do debate por streaming, para quen queira seguilo en directo ou con posterioridade.
Os debatintes son os seguintes:
– José Balseiros (PpdeG). director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e director do Fondo Galego de Garantía Agraria da Consellería do Medio Rural. Candidato do PPdeG por Pontevedra.
– Xosé Luis Rivas (BNG). Portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento.
– Jaime Losada Sobrado (PSdeG-PSOE). Veterinario e integrante da candidatura do PSdeG-PSOE por Lugo.
Cada partido tivo libertade para decidir os seus representantes no debate. Moderará o acto o codirector de Campo Galego David González e dará a benvida do acto o subdirector de Prácticas e Mobilidade da Escola Politécnica Superior de Lugo, Emilio Carral.
Está previsto que o acto teña unha duración total de 2 horas (16.30 – 18.30 h.).