Da produción de leite á súa transformación: os queixos da cooperativa Campo Capela

A cooperativa coruñesa centrou os seus esforzos fai dezasete anos en crear unha fábrica de lácteos para aportarlle unha vantaxe diferencial á produción de leite das ganderías dos seus socios. Tras unha evolución con diversas creacións premiadas, Campo Capela está transformando ao redor de 100.000 litros de leite mensuais

A Cooperativa Campo Capela, situada no concello coruñés da Capela, leva producindo leite desde o ano 1969. Na actualidade confórmana 220 socios, aproximadamente, quen, fai dezasete anos decidiron apostar pola creación dunha fábrica de lácteos, en parte, por uns prezos do leite que non ían en paralelo aos custos de produción. Este proxecto, que xorde para darlle un valor engadido ao leite, partiu duns 3.000 litros mensuais para a súa transformación, pero co paso dos anos asentouse nos 100.000 actuais.

Os seus inicios

O espírito cooperativista refléxase en Campo Capela. Nos seus comezos eran 22 socios con medios limitados pero “con moita ilusión e gañas”, explica Ana Vence, xerente da cooperativa. “Cando planificaron a fábrica de pensos, os socios investiron nun muíño para triturar o millo, pero daquela a cooperativa non tiña fondos para poñerlle un motor, polo que, ata que puideron instalarllo, poñían os seus propios tractores e ían traballando por quendas”, relata Vence.

Ademáis, o edificio da cooperativa foi construído por eles mesmos. “Os inicios non foron fáciles, para nada, os socios traballaban moito para sacar adiante a iniciativa, e cando foi da construción do edificio, anotaron as hora dedicadas, para cando nuns anos evolucionase o proxecto, recuperar ese investimento”, explica Vence. “A pesar das dificultades que tiñan, e das trabas, seguiron adiante polo seu entusiasmo e pola ilusión que tiñan depositada”, conta a xerente.

“Campo Capela foi a primeira en instalar tanques de frío, e tamén, a primeira cooperativa en solicitar o saneamento gandeiro voluntario; todo pola intención dos seus integrantes en seguir adiante, en mellorar a súa actividade, e levar a cabo a iniciativa que tiñan en mente”, destaca Ana Vence.

A cooperativa tiña ganas de evolucionar e de intercambiar experiencias con asociacións co mesmo carácter. Nas visitas iniciais, cando aínda se estaban estruturando a edificación, “Juan Salgado, socio número 2, e cos locais aínda baleiros, explicáballes ás visitas que ía ir en cada parte, e facíao con tanto entusiasmo e tan detalladamente, que todas as persoas se facían a idea de todo, tal cal estivera xa montado; esta é unha representación da ilusión dos socios”, comenta Ana Vence.

Os queixos de Campo Capela

En canto ao seu proxecto lácteo, Ana Vence destaca a boa acollida inicial que tivo o requeixo -“que non requeixón” como deixa claro- nunha festa popular tradicional da Capela; este foi o xérmolo da súa motivación a seguir adiante coa transformación do leite. A partir de aí, arrancaron a súa produción, foron introducindo novidades e diversificaron a súa actividade. En todo caso, o requeixo segue sendo “o primeiro e ao que máis cariño lle temos”, enfatiza Ana Vence.

O leite que Campo Capela utiliza principalmente para os seus queixos é de vacas en pastoreo e producido en zona de montaña, unha cuestión que achega matices propios aos seus productos. Así mesmo, unha das preocupacións que mantiveron ao longo da súa actividade os socios da cooperativa foi “o control de todo o proceso, desde a alimentación ao produto final transformado”, detalla.

Unha cuestión que diferencia os queixos de Campo Capela doutras marcas é a utilización de leite crú en lugar de pasteurizado. Deste xeito, foi a primeira queixería de España que elaborou queixos de maduración curta con este tipo de leite, procedente directamente das vacas, sen sometelo ao tratamento térmico da pasteurización. Iso si, tiveron que facer unha intensa labor de comunicación para explicar que os seus queixos son tan sans como os elaborados a partir de leite pasteurizado.

“Cada día estamos pensando en evolucionar”, comenta Ana Vence. A proactividade da cooperativa levou aos socios a xerar unha gama de queixos conformada por seis tipos diferentes, desde os máis coñecidos de Galicia, como o tenro ou o de tetilla, ata as súas creacións: o Mouro e o queixo con chourizo de porco celta que foron galardoados no ‘World Cheese Awards 2018-19’, sendo o Mouro o expoñente con medalla de ouro. A premisa que envolve a todos eles é a calidade, a artesanía, e, ademáis, un produto con leite seleccionado.

O queixo con chourizo de porco celta chegou a Campo Capela de maneira anecdótica. “Os socios da cooperativa estabamos convidados a unha festa ambientada antes do 1900 para levar un produto; entón, buscando receitas antigas, limos que Carlos IV, durante un paseo polo reino, viu como os subditos tiñan chourizo para comer. O rei, como o descoñecía totalmente, probouno, e gustoulle tanto que o incorporou ás cociñas do palacio. Motivados pola historia, intentamos facer un queixo con chourizo, que hoxe en día é parte da nosa produción”, conta a xerente da cooperativa.

O interese por desenvolver cada vez máis a súa produción lévaos a plantexar novos retos de futuro. A produción de queixos con leite de razas 100% galegas é un dos novos horizontes de traballo. A pretensión de Campo Capela é amosar o potencial destas especies, que desde fai anos colleron maior protagonismo para a produción de carne que de leite. Nestes momentos están estudando a viabilidade, así como necesidades de alimentación e outros aspectos para optimizar os resultados.

Onde se poden comprar os queixos de Campo Capela? Directamente na súa tenda online, e nalgúns establecementos de El Corte Inglés, Gadis ou Carrefour pódense atopar algúns productos da gama. Tamén existen tendas locais en Galicia, Palma de Mallorca, Sevilla, Madrid, Barcelona, León, Asturias ou Bilbao que comercializan os queixos desta cooperativa. Ademais, Campo Capela ten unha tenda propia en Pontedeume coa súa gama e outros sabores galegos.

Tenda de sabores galegos da Cooperativa Campo Capela, localizada en Pontedeume

Tenda de sabores galegos da Cooperativa Campo Capela, localizada en Pontedeume

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información