Cursos en Quiroga e Friol sobre o novo regulamento de apicultura e avicultura ecolóxicas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén na provincia de Lugo dous cursos sobre o novo regulamento da produción ecolóxica. O primeiro, centrado na apicultura, está previsto na Casa da Cultura de Quiroga o mércores 29 de setembro. O segundo, programado para o xoves 30 no salón de actos do centro sociocultural de Friol, xirará arredor da avicultura.

Así, a xornada de Quiroga está dirixida a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria no sector da apicultura ecolóxica. Nesa liña, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores. A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.

Cunha duración total de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada coa apicultura, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción apícola ecolóxica. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.

No caso da acción de Friol, os contidos serán moi similares pero estarán centrados na avicultura. Tamén durante sete horas de formación que finalizarán cunha visita práctica pola tarde, afondarase nas vantaxes que supón orientar este tipo de produción ao ecolóxico tanto para a saúde como para o medio rural.

Para inscribirse é preciso descargar a solicitude na web de Medio Rural e enviala ao correo electrónico ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 540 252 para obter máis información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información