Curso de capacitación en uso do dron para actividades agrogandeiras e forestais

Curso de capacitación en uso do dron para actividades agrogandeiras e forestais

O Centro de Promoción Rural EFA – Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), inicia este luns, 9 de outubro, un curso de “Capacitación en Tecnoloxía de Drons para a súa Aplicación Práctica nas Actividades Propias do Agro (Agricultura, Gandaría e Forestal)”, enmarcado dentro do Proxecto Iniciativa Xove da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

DronRural é un proxecto destinado a mostrar o potencial tecnolóxico do ámbito agrario e capacitar aos mozos e mozas para que se convertan en protagonistas activos na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, como os drons.

Os días luns 9 e martes 10 de outubro de 2023, en horario de 10:00 a 19:00 horas, DronRural levará a cabo unha serie de talleres deseñados para capacitar á mocidade no uso e desenvolvemento de drons no medio rural. Estas actividades inclúen:

1. Xornada: “Dron e Medio Rural”

O obxectivo desta xornada é dar a coñecer a tecnoloxía dos drons á mocidade e ao público en xeral, destacando as posibilidades que ofrecen na agricultura, na gandaría, no turismo, na topografía e na industria forestal.

2. Xornada: “Piloto de Drons”

Esta xornada proporcionará información detallada sobre como obter unha licenza de piloto A1-A3 de forma gratuíta e en liña. Abordaranse aspectos administrativos do proceso e ofrecerase orientación para superar o exame. Ademais, establecerase unha canle de comunicación continua para resolver dúbidas relacionadas coa normativa e as licenzas.

3. Taller: “Crea o teu Dron”

Este taller ten como obxectivo capacitar aos participantes para construír drons desde cero, adaptándoos ás súas necesidades específicas e ao entorno rural. Os asistentes aprenderán a construír drons de carreiras, drons xenéricos para fotografía/videografía e drons de carga capaces de transportar cargas máis pesadas.

Estes talleres son só unha parte dos esforzos de DronRural para capacitar á mocidade en tecnoloxía aérea, mellorar a percepción do medio rural como un lugar de futuro socioprofesional e fomentar o emprendemento en actividades relacionadas coa tecnoloxía.

DronRural representa unha oportunidade única para que a mocidade do medio rural se converta en líderes na aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías aéreas, contribuíndo así ao progreso e á revitalización das comunidades rurais.

Máis información: josemanuel.campos@efagalicia.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información