The Wine Advocate, a revista que publica cada dous meses o prestixioso crítico estadounidense Robert Parker, distingue na súa última edición a un viño ecolóxico galego: “Corga Brancellao 2018”, un monovarietal elaborado por Pereimos 2007, unha pequena adega do concello ourensán da Pobra de Trives, e inscrita no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Falamos con Benigno Pereira Ramos, propietario e impulsor deste proxecto que nos seus escasos seis anos de vida xa leva recollido grandes distincións.
A Adega Pereimos 2007 entra pola porta grande na Guía Parker. ¿Como o valoras?
Estamos moi contentos. Somos unha adega moi nova e é a primeira vez que nos califican. Conseguimos colocar catro de seis viños e todos cunha puntuación por riba de 90 (nun baremo de 50 a 100, equivale a excelente). Ademais, é importante porque as catas fanse de xeito anónimo, sen que nin sequera te enteres.
En concreto, o noso Corga Barrica 2016 logra 88 puntos; o Corga Barrica Mencía 2015 recibiu 89 puntos; o Corga Brancellao Barrica 2017 90 puntos; a mesma puntuación que o Corga Mencía 2019 e o Corga Ecolóxico Brancellao 2018 logrou 91 puntos.
Como son os viñedos nos que se produce o Corga Ecolóxico Brancellao 2018?
Neste momento temos algo máis de 2 hectáreas de viñedo, plantadas por nós a maioría no 2013, e case todo de Brancellao, menos 1450 metros cadrados que están plantados con Godello. Son cepas cultivadas en ecolóxico nunha zona privilexiada para o viñedo como é a ribeira do Bibei e que están agora entrando en plena producción.
O noso Brancellao é o primeiro viño galego que entra na Guía Parker e con cepas de 5 anos, o que rompe o mito de que con uvas de cepas novas non podes elaborar grandes viños. Na nosa adega procuramos sobre todo a calidade. Para unha mostra, da vendima do 2018 sacamos aproximadamente só uns 300 gramos de uva por cepa.
Queremos seguir aumentando a superficie e apostar polos viñedos de montaña, pero solicitar dereitos de plantación estase convertendo nunha odisea para min.
Por qué apostastes por unha variedade galega minoritaria como é a Brancellao?
Apostamos pola Brancellao porque é autóctona de Galicia. Ademais, como buscaba unha produción diferenciada animeime a meterme co Brancellao por facelo máis difícil, pois non é doado vendelo como se te presentas cun Mencía, pero se queres ir a calidades diferenciadas, sorprender e ir a outros mercados había que elixir algo novo.
Probamos a vinificala soa e o seu viño transmite esa frescura e matices da variedade. A súa cor é moito máis clariña que a maioría das castes tintas, pero moi fino; é un viño que déixase beber moi ben. Trátase dun viño do ano, sen crianza en barrica, pero que aguanta perfectamente en botella.
No 2018 elaboramos 1800 botellas e da vendima do 2019 fixemos 4500 botellas. Prevemos que vaia subindo, pois co viñedo que temos hai capacidade para producir unhas 15000 botellas.
Como acolleron os consumidores con este viño tan singular?
Estámolo vendendo tanto en Madrid, como na Coruña, Lugo, área de Compostela, pero tamén en viñotecas e restauración. Evidentemente, non é un viño para gran consumo pois son cantidades pequenas.
O Corga Brancellao Ecolóxico 2018 é un viño que ten todo para ser exportable a mercados como o holandés, alemán ou norteamericano, onde se aprecian e valoran os viños ecolóxicos e os viños xóvenes con alegría e frescor como o noso. Para comercializar o viño eco hai que entrar noutras canles especializadas.
Resúltavos moito máis difícil producir en ecolóxico?
Non temos problemas especiais por cultivar en ecolóxico, porque producir en ecolóxico entra dentro da miña mentalidade, de apostar pola economía circular e reducir o impacto ambiental, algo que tamén aplico na miña actividade principal, que é a producción de queixos.
Ademais, axúdame o apostar por variedades autóctonas, con menores producións que as castes foráneas, pero moito máis resistentes e adaptadas ao territorio. Como exemplo, no ano 2018 houbo na floración un ataque moi forte de mildeu pero o Brancellao da miña adega salvouse. Tamén destacaría que este ano a mencía está un pouco danada polo Black Rot pero ao Brancellao non lle afectou.
As condicións de orografía e clima desta zona tamén axudan moito, pois o canón do río Bibei ten unha ventilación natural, de forma que a partir das 6 ou 7 da tarde móvese o aire e créase unha corrente de aire seco que reduce o ataque de moitas enfermidades fúnxicas.
E polo resto só é traballar a viña conforme ás normas do CRAEGA, sen empregar produtos sistémicos, nin herbicidas nin fertilización química, dunha forma máis respetuosa co medioambiente, como facían os nosos antergos.
Que te levou a apostar pola viticultura na Pobra de Trives?
Aínda que a miña carreira profesional fíxena na industria láctea, en Queixerías Bama, da que son propietario, sempre fun máis labrego que industrial. Veño dunha familia gandeira, que facía queixo e lembro un consello do meu avó: “Cando podas compra terra que non se está fabricando máis”. Por circunstancias varias, no ano 2010 merquei esta propiedade na Pobra de Trives: unha finca de 37 hectáreas e un pazo do ano 1630 no que acabei instalando a adega.
Vinlle posibilidades ao viñedo e tamén aos soutos que ocupan a maior parte da finca, con 2500 castiñeiros que plantei. É un proxecto lento, e no caso do viñedo calculaba que en 10 anos podía dar os seus froitos, como así está sendo.
“Esta zona é ideal para producir tintos e brancos diferenciados”
¿Por qué elixín este lugar? Acabei en Trives porque probei un viño da adega Chao do Couso, o Alcouce, un mencía en barrica marabilloso e entroume gusto por ese viño e foi o que me levou a visitar a zona e a descubrir esta finca, cuxos propietarios estaban en México. Tiña claro que se o único que mercaba era un inmoble ao cabo do tempo ia estar aburrido, pero se tiña un proxecto era outra cousa.
En canto aos castiñeiros, se a avespiña o permite, en dez anos deberían andar producindo uns 100.000 kilos de castaña ao ano.
É unha actividade coa que disfruto e de momento creei 3 postos de traballo fixos durante todo o ano, creo que isto é facer desenvolvemento rural.
Nesta zona hai centos de hectáreas de viñedo abandonadas, nunha terra ideal para elaborar viños tintos e brancos de calidade que poderían competir a nivel mundial. A Xunta debería buscar un xeito para poñelos en producción e a disposición de quen os queira traballar.