
Vacas da cooperativa A Carqueixa, unha das que integra a candidatura de AGACA
As cooperativas gandeiras de vacún de carne de Galicia veñen de rexistrar a súa candidatura Cooperativas Gandeiras de Ternera Gallega Suprema-AGACA, no censo correspondente ao sector produtor, dentro do proceso electoral aberto no Consello Regulador IXP Carne de Vacún de Galicia, no marco das eleccións á renovación dos consellos reguladores do ámbito agrogandeiro galego.
As cooperativas entenden que os Consellos Reguladores son unha oportunidade para mellorar o sector a través dunha xestión da actividade profesional, “afastándose da sistemática confrontación política e sindical que levaría á desestabilización da IXP”. “Calquera proposta será dialogada e integradora do conxunto da cadea de valor a favor dunha maior valorización dos animais”, matizan.
Calquera proposta será dialogada e integradora do conxunto da cadea de valor, afastándose da sistemática confrontación política e sindical que levaría á desestabilización da IXP
As cooperativas que integran esta candidatura conxunta destacan en volume de socios e socias produtoras de Ternera Gallega Suprema e, á vez, de Ternera Gallega Suprema de Rubia Galega. Neste senso, en caso de seren elexidos, os representantes de AGACA defenderán “unha diferenciación para os animais da IXP, poñendo en valor a diversidade produtiva no vacún de Galicia”.
“A persoas produtoras, a nivel individual non alcanzan suficiente volume de gando para abastecer a demanda da industria de forma permanente, conseguir uns prezos de mercado óptimos e garantir a venda das reses todo o ano. Por iso, moitos gandeiros e gandeiras agrupáronse para comercializar de xeito profesional, acadando un volume significativo entre as cooperativas ALMOGA, RUBIGAL, A CARQUEIXA, AIRA, LEMOS, CLUN, ARTESANS GANDEIROS, entre outras”, destaca AGACA en nota de prensa.