A Cooperativa A Carqueixa, entidade que agrupa a produtores de vacún de carne en extensivo nos Ancares (Lugo), resultou gañadora do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O seu presidente, José Antonio Díaz, recolleu este luns o galardón na Casa do Saber, en Lugo, nunha gala virtual e emitida a través das redes sociais por causa da pandemia do coronavirus.
Xunto co gañador, que se deu a coñecer no propio acto, tamén asistiron á cita os representantes dos outros tres proxectos que resultaron finalistas. Así, antes de coñecer o gañador do premio, Luís García, director do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; José Rodríguez, administrador de Arnigal Cultivos, Pablo Sánchez, coordinador do proxecto Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, e José Antonio Díaz, de A Carqueixa fixeron catro breves presentacións dos seus proxectos.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, que presidiu o acto foi tamén o encargado, xunto co presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, da entrega do premio dotado de 10.000 euros e unha placa conmemorativa. No acto, Eiras destacou “o importante labor que desenvolve o sector agrogandeiro para a sociedade, un pilar fundamental que quedou máis que demostrado para saír adiante nesta pandemia”.
Pola súa banda, Antonio López Díaz salientou o traballo feito ao longo destes anos por A Carqueixa así como o salto á venda on-line coa marca Sabor dos Ancares para adaptarse á nova realidade que vivimos tras esta pandemia. Tamén destacou a transversalidade do Premio Aresa, que se reflexa nos catro finalistas e a traxectoria do propio premio e os 50 anos de historia de Aresa.
No acto de entrega participou unha mínima comitiva entre os que se encontraba a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, os tres membros do xurado xunto con Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC.
O palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel (2019).