Convocatoria para recoñecer a competencia profesional na extinción de lumes

A Consellería de Economía abriu un procedemento para que as persoas con experiencia laboral na loita contra incendios forestais poidan obter unha acreditación ou un título que valide as súas competencias

Convocatoria para recoñecer a competencia profesional na extinción de lumes

As persoas con experiencia na extinción de lumes poderán obter un título acreditativo.

A Consellería de Economía e Emprego abriu por primeira vez un procedemento para recoñecer a experiencia laboral das persoas que teñan traballado na loita contra incendios forestais. O proceso diríxise a aquelas persoas que carezan dun título acreditativo das súas competencias, pero que teñan anos de experiencia e cursos de formación realizados sobre a materia. O prazo para acceder ó proceso abriu o 1 de marzo e remata o 31 de marzo.

A convocatoria aberta busca validar a experiencia laboral dos solicitantes de cara a facilitarlles un título acreditativo das súas competencias, ben un certificado de profesionalidade en ‘Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural’, ben un título de formación profesional de técnico de emerxencias e protección civil.

O proceso consiste en dúas fases, unha primeira de asesoramento ó candidato, con dúas reunións, unha grupal e outra individual; e unha segunda fase de avaliación.

Os candidatos que superen de xeito positivo a fase de avaliación recibirán unha acreditación profesional das súas competencias, válida para todo o territorio nacional, e se cumpren os requisitos para obter un certificado de profesionalidade ou un título de formación profesional explicaránselles os trámites que deben seguir.

As persoas interesadas poden obter toda a información necesaria sobre o proceso (documentación a presentar, requisitos, etc.) nalgún dos seguintes puntos:

– Instituto Galego de Cualificacións, dependente da Consellería de Economía e Emprego.
– Nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía.
– Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.
– Nos centros propios de formación profesional para o emprego da Consellería de Economía.

Máis información

Convocatoria do Diario Oficial de Galicia (DOG) sobre o procedemento para recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información