“Aumentar pastizais é máis viable que rozar cortalumes cada ano”

Unha xornada na Pobra de Brollón organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes divulgou diferentes experiencias sobre actividades agrogandeiras en zonas que actúan como freo aos incendios forestais, mantendo a paisaxe e incrementando a biodiversidade

Quico Ónega presentando o proxecto Terractiva

Quico Ónega presentando o proxecto Terra Activa

O verán do 2022 Galicia sufriu no Courel o seu maior incendio forestal da última década, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca.

Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar este sábado unha xornada na Pobra de Brollón na que se presentaron as experiencias de distintos produtores e investigadores.

Foi o caso de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio de Territorio da USC centrado na creación de ferramentas e materiais para “novos entrantes” no Medio Rural a través do seu proxecto “Terra Activa”, co que pretende dar apoio e soporte á xente do rural, pero especialmente ás persoas que comezan a actividade agrogandeira. 

Os directivos da Comunidade de Montes de Pinzás (Tomiño) Natividad González e Francisco J. López continuaron a xornada coa súa experiencia de recuperación de pastizais a través de vacas cachenas, coas que conseguiron xerar un novo posto de traballo e os primeiros beneficios pola venda da carne.

“Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano” (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)

Despois da pausa para o café, Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes expuso a seu modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. “Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora.

A xornada celebrada na Pobra do Brollón congregou a numeroso público

Un momento da xornada celebrada na Pobra do Brollón 

Continuou a xornada María Virginia Rodríguez e a súa explotación familiar de cabras en Sobredo (Courel), enfatizando na dificultade e soidade de comezar na gandería, e na importancia de que este tipo de proxectos podan ter apoios, como o do programa “O que non arde” da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

Seguiu “Fernandín”, unha granxa de vacas de carne en Seceda (Courel) que conseguiu recuperar vellos pastizais e casas, fixando poboación a través de Javier Carballo, quen recuperou a tradición familiar tras anos de inactividade gandeira.

Roi Estévez, enxeñeiro de montes, falou da súa experiencia como “novo entrante” no mundo das ovellas en Vieiros (Quiroga, Courel), resaltando as dificultades de ser novato e sufrir un mal asesoramento nun inicio.

Despois da comida Xosé Manuel Iglesias falou da xestión multifuncional e diversificada da comunidade de montes veciñais de Carballo-Friol, onde traballa como asesor e técnico forestal. Na comunidade, contan actualmente con cabalos, porco celta, cabras e colmeas.

“Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla” (Alex Villa, Marcón)

A última experiencia foi a de Alex Villa, técnico de incendios e veciño de Marcón (A Pobra do Brollón), onde está recuperando terras abandonadas con vacas cachenas, das que xa están comercializando a carne por encargo de forma directa. “Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla”, destacou Alex.

Por último houbo un breve debate no que se enfatizou na importancia do apoio das institucións públicas e privadas ás explotacións agrogandeiras, especialmente ás de nova creación e, concretamente, na creación de infraestructuras. Tamén se falou sobre a importancia do valor engadido que xeran as ganderías, capaces de fixar poboación xerando novos postos de traballo, á vez que serven para conservar a paisaxe e aumentar a biodiversidade, mitigar os efectos do cambio climático e son unha gran prevención contra incendios, quizáis unha das máis eficientes e viables que temos a día de hoxe.

En próximas entregas ofreceremos información máis en profundidade das distintas iniciativas de aproveitamento agrogandeiro que se presentaron nesta xornada

Una idea sobre ““Aumentar pastizais é máis viable que rozar cortalumes cada ano”

  1. Manuel+González+abril

    Estoy plenamente convencido y de acuerdo 👍 😌 en lo de pastoreo menos incendios se realizaría, como años de nuestros abuelos, avía que ver se podía dormir en el suelo cómo si de árena de la playa

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información