Convocan axudas para a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no agro

As achegas están financiadas con Fondos Next Generation. Adícanse case 7,5 millóns de euros e prevese que se beneficien 250 explotacións. O prazo ábrese este martes e hai 2 meses para presentar as solicitudes

Publicidade
Convocan axudas para a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no agro

Unha das liñas que se sufragan é a cubrición das balsas de xurro para reducir os gases de efecto invernadoiro. // Foto de arquivo.

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220502/AnuncioG0426-280422-0004_gl.html

Prazo: Ata 03/07/2022

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, cun orzamento de 7,41 millóns de euros, cos que se prevé beneficiar unhas 250 explotacións. Esta orde de achegas está financiada con Fondos Next Generation, que deriva do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos (4.679.312 euros), na mellora de invernadoiros (136.468 euros), na eficiencia enerxética (724.673 euros) e na agricultura de precisión (1.871.536 euros), segundo os presupostos repartidos na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura do pasado mes de outubro. “Con estas achegas agárdase acadar, cando menos, avances significativos nalgúns ámbitos, como na mellora na xestión de xurros e na eficiencia enerxética das explotacións galegas”, indican dende a Consellería de Medio Rural.

Investimentos 

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas ganderías relacionados coa adaptación ou cubrición das balsas exteriores de estercos con ou sen aproveitamento enerxético na propia explotación. Tamén se financiarán investimentos orientados á mellora da xestión e aproveitamento dos estercos relacionados co tratamento e valorización das dexeccións gandeiras. O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental e favorecer a redución das emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro.

Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental.

Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias.

Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental.

Solicitudes

Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os beneficiarios poderán ser, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto.

Os interesados teñen de prazo dous meses para presentar as solicitudes, a contar a partir deste martes. Deberán realizala de forma telemática.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información