Continúan hoxe as xornadas “O que non arde” centradas no aproveitamento do monte con gando cabrún

Continúan hoxe as xornadas “O que non arde” centradas no aproveitamento do monte con gando cabrún

Inauguración das xornadas o venres. Foto: Carlos Rodríguez

A exposición de iniciativas comunitarias e políticas municipais de desenvolvemento rural centraron este sábado a segunda xornada do encontro “O que non arde”, organizado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo en Casa Quindós, o espazo rehabilitado polo cineasta Óliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna.

As primeiras intervencións correron a cargo de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, na comarca do Barbanza, que fai unha clara aposta polo aproveitamento multifuncional do monte incorporando, nos últimos anos, a venda de leña ou a produción resineira, e Antonio R. Corbal, do CDR O Viso, no concello de Sarreaus, na comarca da Limia, que centra a súa actividade na prestación de servizos sociais e educativos á comunidade.

Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre iniciativas de desenvolvemento rural nos concellos, na que interviron Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, un modelo de desenvolvemento local na Galiza interior, e o alcalde da Veiga, Juan Anta.

Na xornada de tarde, Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, afondou no funcionamento e obxectivos destas entidades encargadas da xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural. Mentras que Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa, que conta con 215 gandeiros e gandeiras asociadas e que se ten convertido nun referente na comercialización de carne criada en extensivo.

Tras os relatorios, as persoas asistentes puideron ver unha demostración de maquinaria de desbroce en altura e afondar no coñecemento da zona cunha visita ao Castro do Teso da Ermida.

Resumo da xornada do venres

A responsable da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, a nacionalista Mónica Freire inaugurou o venres as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural “O que non arde”, unha iniciativa encadrada dentro das liñas de traballo da área de Medio Rural, “con numerosas iniciativas encamiñadas á prevencion de incendios e á posta en valor do potencial produtivo do rural”.

“Nese marco, quixemos financiar e dar soporte a estas xornadas, e traelas aquí, a Navia de Suarna, á comarca de Ancares, porque coñecemos de primeira man moitas das iniciativas que se están a desenvolver aquí ao redor do sector primario e cremos que apoialas e proxectalas contribuirá a que se repliquen noutros lugares”, explicou durante a intervención inaugural, na que estivo acompañada por Eloi Villada, socio da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e por Óliver Laxe, anfitrión do encontro.

As xornadas estanse a desenvolver en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada por Laxe en Vilela, co obxectivo de acoller accións de desenvolvemento rural. O recoñecido cineasta celebrou que “as xornadas promovidas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo sexan a primeira actividade en desenvolverse neste espazo”, que pretende actuar como dinamizador doutras iniciativas dos sectores agrogandeiro, turístico, sociocomunitario e ambiental na zona e contribuír a atopar solucións fronte ás variadas problemáticas que encara a montaña lucense.

Os relatorios da primeira xornada tiveron como eixo de debate as políticas públicas de incorporación ao rural, coas intervencións de Neus Monllor, consultoral agrosocial e coordinadora da Red de Espacios Test Agrarios, que agrupa proxectos ligados ao relevo xeracional e a creación de emprego estable no sector primario en diferentes puntos do Estado, e de Mireia Font, xerente do Consorci GAL Alt Urgell – Cerdanya.

Ademais das conferencias das expertas, durante a maña desenvolveuse unha mesa redonda centrada nos plans de incorporación de activos, coas intervencións de Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, José Manuel Súarez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, e Manuel Redondo, membro da Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecológicos Red Terrae, que coincidiron na necesidade de afondar no seguimento e acompañamento dos novos proxectos no rural a fin de contribuír á viabilidade do modelo de negocio e a súa continuidade no tempo.

Pola tarde, o encontro continuou coas intervencións de Fernando García Dory, que expuxo a experiencia da Escola de Pastoreo de Picos de Europa na recuperación do manexo tradicional do gando, das súas implicacións ambientais e das súas manifestacións culturais, e do apicultor Alberto Uría, que centrou a súa exposición na súa experiencia de volta ao rural para retomar unha actividade tradicional coa que “produce mel e crea paisaxe”, distribuíndo as colmeas en pequenos grupos para facilitar a convivencia entre a actividade produtiva e a biodiversidade da zona.

A xornada concluíu coa mesa redonda “Novos poboadores da montaña e iniciativas empresariais na montaña”, coas intervencións do permacultor Pascal Encinga, do gandeiro da cooperativa A Carqueixa David de Poso, do apicultor Hugo Santín, dos viticultores Héctor e José Álvarez, dos produtores da cervexa artesá Colmo Manuel Guitiérrez e Mireia Rodríguez e de Ana Díaz, que falou do rural como espazo para o teletraballo a partir da súa experiencia como traballadora de Arela Comunicación Sostible desde as Pontes de Gatín, no concello de Becerreá.

A actividade en Casa Quindós continúa hoxe domingo coa VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), na que se abordarán as oportunidades que ofrece o gando cabrún como alternativa de aproveitamento do monte nos Ancares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información