Producir elevados rendementos de forraxe de alta calidade é fundamental para incrementar os resultados económicos de explotación, pero o esforzo pode ser inútil se a forraxe producida e o seu valor nutricional non son conservados correctamente durante o ensilado.
Un recente estudo sobre a estrutura das explotacións leiteiras galegas no que colaboran o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) mostra que, de media, a forraxe representa o 61% da materia seca da ración ofrecida ás vacas no comedeiro, da cal, aproximadamente a metade corresponde a ensilado de herba, unha terceira parte a ensilado de millo e o resto a forraxes secos.
O ensilado de millo ten unha alta predisposición á inestabilidade aeróbica
O valor nutricional do ensilado está condicionado fundamentalmente polas características intrínsecas da forraxe no momento do corte e ademais pola calidade de fermentación desenvolta durante o almacenamento no silo, sendo sumamente variable dependendo da ensilabilidade da forraxe. No caso do millo forraxeiro, trátase dunha especie fácil de ensilar debido a súa ensilabilidade elevada.
O ensilado de millo normalmente presenta unha boa calidade fermentativa, pero, en contrapartida, ten unha alta predisposición á inestabilidade aeróbica debido ao seu maior contido en azucres residuais e ao baixa concentración en ácidos graxos volátiles (ácidos acético e propiónico), os cales restrinxen o crecemento de microorganismos aerobios.
Calidade do millo colleitado e momento óptimo de corte
A elección da data de corte é o factor que condiciona máis estreitamente o valor nutritivo do millo cultivado para ensilar. O rendemento total da colleita, o contido en materia seca, porcentaxe de gran, a dixestibilidade da cana, as perdas no ensilado e a inxestión de materia seca de ensilado son factores que poden ser influenciados polo estado de madurez da planta. É de grande interese para o manexo do cultivo, desde o punto de vista práctico, dispoñer dun método obxectivo e fiable de determinación do momento óptimo de colleita.
Diversos estudos indicaron que a posición no gran da liña de leite (ML) é unha guía fiable do estado de madurez da planta, que pode ser usada como criterio de manexo para indicar a proximidade do momento óptimo de colleita en condiciones normais de cultivo. Esta liña é a interfase entre as porcións de endospermo leitoso e sólido do gran, sinalando a zona de deposición de amidón no proceso de enchido do gran. Coa madurez da planta, dita liña avanza desde o extremo distal do gran cara o punto de inserción do mesmo no carozo, lugar a través do cal se produce a transferencia de nutrientes da planta ao gran.
Para Bal et al., (1997), o estado óptimo de colleita do millo ensilado destinado á alimentación de vacas de leite sitúase entre os estados de 1/4 ML e 2/3 ML, intervalo no cal, segundo ditos autores, o ensilado de millo proporciona maior inxestión de materia seca dixestible e maior produción de leite que calquera outro estado de madurez.
Coa finalidade de incrementar o coñecemento acerca da evolución da calidade da planta de millo forraxeiro coa madurez, definir a data óptima de colleita e contrastar a utilidade do método de campo da posición da liña de leite para estimar o momento óptimo de colleita do millo forraxeiro, realizouse no CIAM un estudo de dous anos de duración (2001 e 2002) no cal se estudaron nove híbridos comerciais cultivados en dúas localidades (Abegondo e Pobra de Brollón).
O cultivo do millo na finca de Mabegondo realizouse en secano e na finca de Pobra de Brollón en regadío. Nesta localidade empezouse a regar por aspersión o cultivo a comezos de xullo ata mediados de setembro, segundo as necesidades do cultivo. As variedades estudadas foron catro híbridos comerciais do ciclo FAO 200, tres do ciclo FAO 300 e dous do ciclo FAO 400, sementados arredor da segunda semana de maio a unha densidade inicial de 120 mil plantas/ha. Os momentos de colleita para cada variedade foron cinco, a intervalos semanais, comezando a partir da sexta semana trala floración feminina, ata a décima semana (momentos de corte S6 a S10, respectivamente). Considerouse o momento da floración feminina cando eran visibles os estigmas (sedas) do 50% de plantas de cada unha das variedades.
En cada data de corte determinouse a posición da liña de leite do gran na parte media da espiga principal de cada planta. Para iso foi empregado o criterio de Hunter et al., (1991), asignando a cada espiga un valor entre 1 e 5 segundo os seguintes estadios de desenvolvemento do gran:
1.- Endospermo totalmente líquido (non é visible a liña de leite).
2.- O 25% do gran está cheo de endospermo solidificado (a liña de leite atópase no cuarto superior da lonxitude do gran).
3.- O 50% do endospermo ten consistencia pastosa (a liña de leite atópase no punto medio do gran).
4.- O 75% do gran contén endospermo sólido (a liña de leite atópase arredor dos ¾ de percorrido)
5.- O endospermo está completamente sólido (non se pode apreciar a liña de leite, aparecendo na base do gran unha capa de abscisión de cor marrón ou negra que indica a madurez fisiolóxica da planta).
No momento de corte correspondente a cada variedade recolléronse ao azar 30 plantas das oito liñas centrais da parcela elemental, cortándoas manualmente a unha altura de aproximadamente 12-15 cm de altura. Cada planta separouse nas fraccións Espiga (ESP: gran+carozo) e Parte Verde (PV: penacho+follas+talo+espatas), sendo rexistrado o peso total da planta e o das dúas fraccións. Estas foron picadas por separado nunha trituradora de forraxes e se tomou unha mostra representativa de aproximadamente 500 g de cada fracción para determinar o seu contido en materia seca e o valor nutritivo no laboratorio.
Efecto da data de corte sobre a calidade e o rendemento da planta enteira de millo e as fraccións parte verde e espiga
O contido en materia seca da planta enteira, da parte verde e da espiga, incrementouse de forma practicamente linear entre as semanas 6 e 10 trala floración feminina (Táboa 1).
O avance cara a madurez, no período citado, reduciu significativamente o contido en fibra ácido deterxente da planta enteira e a espiga, incrementando o da parte verde. O contido en carbohidratos non estruturais (CNET) evolucionou de maneira inversa á observada para a fibra, observándose un incremento significativo na fracción espiga e na planta enteira co avance da madurez. Evidénciase a transformación dos azucres da planta en amidón cando a planta madura polo descenso na concentración de carbohidratos solubles (CSA) e o incremento en amidón na planta enteira (valores de 13,7 a 10,4 %MS para o contido en CSA e de 25,9 a 40,1 %MS para o de amidón, cortes S6 a S10, respectivamente).
Efecto da data de colleita (semanas trala floración feminina) sobre a composición química, dixestibilidade in vitro e produción da planta enteira e as súas fraccións parte verde e espiga:
A dixestibilidade da planta enteira e a espiga, para o conxunto de ambientes e variedades, non se viu afectada significativamente pola madurez da planta no período considerado, aínda que se observou unha tendencia a aumentar lixeiramente dito valor ata a Semana 8 para descender posteriormente.
A planta de millo enteira presenta maior dixestibilidade nas semanas 8 e 9
A dixestibilidade da parte verde reduciuse significativamente ao longo dos diferentes cortes entre a semana sexta e décima, con valores de 63,3 e 58,3 % entre ambos aproveitamentos. A relativa constancia da dixestibilidade da planta enteira, a pesar deste descenso, explícase polo referido incremento da contribución da fracción espiga ao peso total da planta. Como pode observarse na Figura 1A, para a planta enteira houbo unha tendencia, máis ou menos marcada dependendo das localidades e dos anos, a presentar os valores máis elevados de dixestibilidade no entorno da S8 e S9.
Efecto da madurez sobre a evolución da dixestibilidade in vitro da materia orgánica (IVDMO) e o rendemento en materia orgánica dixestíbel (MOD) da planta enteira de millo:
O rendemento en materia seca da planta enteira incrementouse coa madurez, sendo observados valores medios de produción para as semanas sexta e décima de 16,8 e 19,5 t MS ha-1 respectivamente. A tendencia observada para o rendemento en materia orgánica dixestíbel (MOD), que se mostra na Figura 1B foi semellante á descrita para o rendemento en materia seca. A contribución da fracción espiga á produción total de materia orgánica dixestible por ha incrementouse significativamente coa madurez no período considerado, desde 56,1 (S6) a 69,4% (S10). Os rendementos medios na localidade de Pobra de Brollón foron superiores aos de Mabegondo en +3 t MS e +2 t MOD ha-1 en base ás mellores condicións de cultivo na primeira localidade, debido á maior temperatura durante o período de crecemento e á dispoñibilidade de regadío.
En Pobra de Brollón a produción de MS e MOD incrementouse significativamente ata a S9, mentres que na de Mabegondo o rendemento obtido na S8 non se diferenciou significativamente do das dúas seguintes datas de colleita. Da mesma maneira, mentres que no ano 2001 a partir da S8 non se incrementou significativamente a produción, como media das dúas localidades, en 2002 dito incremento continuou ata a semana novena.
Relación entre o rendemento en materia orgánica dixestible por ha, posición da liña de leite do gran e contido en materia seca para os diferentes híbridos nos dous anos de ensaio:
O contido en humidade da planta enteira está inversamente relacionada co estado de madurez, sendo un bo indicador do estado de madurez do millo (e polo tanto do momento máis adecuado para realizar a colleita). Así o demostra a elevada asociación observada entre este parámetro e os carácteres relacionados co desenvolvemento da espiga, con valores do coeficiente de correlación que oscilaron, para o conxunto das mostras, entre 0,70 para o porcentaxe de espiga e 0,78 para o contido en CNET. A práctica da determinación do contido en MS da planta require dispoñer de instalacións para o secado da forraxe, e a mostraxe require tempo, polo que esta medida é difícil de realizar.
O criterio obxectivo da madurez coa posición da liña de leite na espiga mostrou unha elevada correlación co contido en materia seca da planta enteira (r2=0,73), contido de amidón (r2=0,80) e porcentaxe de espiga (r2=0,70). Estes resultados poñen de manifesto a utilidade do criterio Liña de Leite (ML) como indicador do estado de madurez da planta, asociado ao grado de desenvolvemento da espiga.
Momento óptimo de corte
Os resultados obtidos neste estudo mostraron que o rendemento se incrementaba até as semanas 8 ou 9, dependendo do ano e da localidade, non variando significativamente en aproveitamentos posteriores.
A data que optimiza a produción de materia seca e materia orgánica dixestible por hectárea do cultivo está suxeita a variación entre anos e localidades, situándose entre a semana oitava e novena trala floración feminina. Neste estudo, cando consideramos o conxunto de variedades ensaiadas, o rendemento da planta enteira, tanto en termos de MS como de MOD producida por ha, non se incrementou significativamente a partir do momento no que o contido en MS da planta enteira estaba entre o 33 e 36% e o valor da liña de leite do gran situábase entre 3,1 e 3,8, dependendo das localidades e os anos.
Limitacións do uso do criterio da liña de leite (ML) como indicador do momento óptimo de colleita.
Comparando o estado da liña de leite en cada tratamento no momento en que a produción de MOD por hectárea era máxima, púidose comprobar a consistencia do criterio da liña de leite como indicador do momento óptimo de colleita.
Considerando o conxunto dos dous anos de ensaio e para as diferentes variedades, a posición da liña de leite no momento de corte a partir do cal non se rexistraron incrementos significativos do rendemento en MOD oscilou entre valores extremos de 2,1 e 4,1 (aproximadamente de ½ a ¾ ML), cun contido en MS da planta enteira situado entre 30 e 37%, correspondéndose a aproveitamentos realizados ao redor da semana 8 e 9 tras a floración feminina.
Para as variedades máis tardías a colleita podería atrasarse ata a semana 10
Os valores medios do contido en materia seca resultante de agrupar as variedades estudadas, para os seus respectivos ciclos FAO 200, 300 e 400, resultaron ser de 34,5%; 33,3% e 30,7% na semana 8, de 37,6%; 35,8% e 32,6% na semana 9 e de 40,5%; 38,4% e 34,8% na semana 10, respectivamente, o cal parece suxerir que para as variedades máis tardías a colleita podería retrasarse unha semana máis, incrementando o contido en MS e amidón, sen afectar significativamente ao rendemento en MS nin á dixestibilidade.
Os resultados obtidos axústanse ao intervalo descrito pola maior parte dos autores revisados, se ben debe terse en conta a existencia dunha ampla variabilidade entre híbridos e anos para un mesmo valor de ML, polo que se suxire utilizar este criterio como un simple indicador da proximidade do momento óptimo de colleita.