Consellos para reducir as coxeiras nas ganderías de vacún

Resumo do relatorio de Arturo Gómez, investigador de Zinpro que ofreceu unha charla sobre “Solucións modernas a problemas podais”, dentro da xornada sobre vacún de leite organizado por Núter e Botica do Campo en Arzúa.

Consellos para reducir as coxeiras nas ganderías de vacún

Arturo Gómez durante o seu relatorio

O investigador de Zinpro, Arturo Gómez, iniciou o seu relatorio advertindo que “cada vez que un gandeiro ten unha vaca con coxeira, perde ao redor de 300 euros e se se trata dunha dermatite dixital 400 litros na primeira lactación”, polo que iniciou na importancia do labor de detección así como nas medidas de prevención.

O relator lembrou que “as coxeiras son debidas, nun 90% dos casos, a problemas de maior crecemento do casco externo das patas traseiras”. “É aí onde se concentran os problemas porque ao crecer máis a parte dianteira do casco, sobrecárgase de peso a parte traseira”, subliñou.

En canto ás técnicas de detección, a detección visual polo lombo lixeiramente arqueado da vaca segue sendo a técnica máis utilizada, tal e como se aprecia nesta imaxe:

cojera_01

Polo que respecta á orixe das coxeiras, Arturo Gómez asegurou que a dermatite dixital segue sendo a enfermidade podolóxica con maior incidencia nas explotacións de gando vacún de Galicia. En canto á porcentaxe de vacas coxas en distintos graos, o técnico de Zinpro situouno en preto do 50% en Estados Unidos e Canadá e unha cifra similar para España e para Galicia. Nas explotacións máis punteiras na prevención desta enfermidade, a súa incidencia é de ao redor dun 3% das vacas.

Consellos para reducir a incidencia das coxeiras nas explotacións de vacún:

Con todo, quizais a parte máis interesante para os gandeiros foi a explicación detallada que ofreceu o técnico de Zinpro dos distintos aspectos a observar para previr as coxeiras, a partir da súa ampla experiencia en ganderías de España, Estados Unidos ou de países como Arabia Saudita ou Exipto.

-A importancia do tempo que a vaca está de pé. De media, unha vaca debe pasar deitada entre 12 e 14 horas. Canto máis tempo pasen no cubículo rumiando menos problemas de coxeiras haberá na explotación. Neste sentido, resulta necesario coidar aspectos de benestar animal como o tempo de espera para o muxido, a existencia de suficientes comedeiros e cubículos, polo menos igual ao numero de vacas, e mesmo a temperatura ambiente.

Neste sentido, Arturo Gómez lembrou que “mentres que nunha estación quente e húmida as vacas pasan de pé sobre 14 horas, con todo nun ambiente quente pero seco chegan a pasar 21 horas de pé”. Un sistema de ventilación e de aspersores reducirían o risco de coxeiras.

-A importancia do chan da corte. O chan debe ser o máis liso posible para que o casco da vaca reparta o peso no maior número de puntos.

En canto ao raiado, o técnico de Zinpro recomendou que a distancia entre raias debe de ser duns 8,5 centímetros para garantir que a maioría do casco estea apoiada. En canto á anchura da raia, “entre 1 e 1,2 centímetros funciona ben para evitar que se esvare”, asegurou.

A profundidade da raia debe de ser duns 1,5 centímetros e as arestas do raiado deben de ser de 90 graos para resultar eficaces. “Deste xeito a vaca non mete tanto o casco dentro da raia e non se desgasta tanto a aresta”, destacou Arturo Gómez.

-Tipo de material para corredores e cubículos. O técnico de Zinpro recoñeceu que “entre os cubículos e os comedeiros é onde se concentra boa parte dos problemas, xa que hai tendencia a poñer chans de goma que acaban sendo contraproducentes, porque se a goma é cómoda a vaca vai estar máis tempo de pé e menos deitada no cubículo”.

Neste sentido, a súa recomendación é colocar chans de goma soamente nos corredores de transición entre o curral e a sala de muxido, para que as vacas estean máis cómodas durante o tempo de espera, “pero non recomendaría a goma entre os comedeiros e os cubículos, a non se que as camas de area estean moi ben feitas e mantidas”.

En canto ao material dos cubículos, Arturo Gómez sen dúbida decantouse pola area fronte á goma, xa que, a parte doutras cuestións de sanidade das ubres, “nas camas de colchón as vacas coxas pásano mal, mentres que a area facilítalles o descanso”.

-Pediluvios efectivos. Os baños de cascos son utilizados nas explotacións gandeiras para previr a dermatite dixital. Arturo Gómez advertiu que “o principal problema é que se constrúen curtos, para aforrar espazo e diñeiro, á conta de perder eficacia”. “O óptimo é un pediluvio de entre 3 e 3,5 metros de longo, que diluíndo en auga sulfato de cobre ao 2% é máis efectivo ca un de 1,5 metros cun 5% de cobre” subliñou.

-Interpretación dos problemas podais. O técnico de Zinpro ofreceu tamén unha sinxela guía para interpretar as causas das principais enfermidades podais en gando vacún:
Dermatite dixital: problemas de hixiene e xovencas.
Úlcera de sola: demasiado tempo de pé.
Úlcera de punta: exceso de gasto do casco. Problemas de rugosidade do chan.
Fractura axial: problemas de tracción (raiado do chan) e de estabilidade.

-Alimentación: É necesario coidar a ración para previr problemas de acidose ruminal. Neste sentido, Arturo López falou dos complementos minerais de Zinpro para a alimentación do gando vacún, e que “no caso das xovencas conseguen baixar ata nun 50% os problemas de dermatite”.

-Recorte funcional. Arturo Gómez criticou a tendencia para esperar a que se acumulen casos de vacas con problemas para que “compense” chamar ao podólogo. “Todas as vacas deberían ter un recorte funcional de cascos antes de que aparezan os problemas, se é posible efectualo como vacas secas para que estean preparadas para a carreira da lactación”, explicou.

Arturo Gómez subliñou que “as coxeiras en vacas son unha combinación de problemas inflamatorios e de trauma debidos ao tipo de superficie ou a demasiado tempo de pé”.Neste sentido, o técnico de Zinpro concluíu que “as vacas ben tratadas e manexadas non se poñen coxas”.

cojera_02

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información