Consecuencias da invasión de Ucrania no agro, subas en cereais e fertilizantes

O sector agrario condea a invasión de Ucrania polo sufrimento que provocará na poboación civil e advirte de consecuencias no agro español, suba de prezo dos cereais e dos fertilizantes

Consecuencias da invasión de Ucrania no agro, subas en cereais e fertilizantes

O sector teme un aumento de custos dos pensos gandeiros polo conflicto.

A invasión de Ucrania, a maiores das mortes e sufrimentos para a poboación civil do país, deixará consecuencias moito máis alá. En España, o agro advirte dunha previsible escalada nos prezos dos cereais e dos fertilizantes, pois tanto Rusia como Ucrania son importantes exportadores de trigo, millo e soia á Unión Europea. Son tamén unha rexión con destacadas plantas de fertilizantes, orientadas ó mercado da UE. A propia guerra e as previsibles sancións a Rusia (e contrasancións rusas) terán o seu impacto no agro.

Os mercados de futuros de trigo xa se dispararon onte un 5,6 %, chegando a prezos de récord na serie histórica. Ante esta situación, a Unión de Pequeños Agricultores (Upa), matriz estatal de Unións Agrarias, pediulle á Comisión Europea un plan de continxencia agroalimentaria.

O secretario de relacións internacionais da UPA, José Manuel Roche, sinalou a súa preocupación polas consecuencias da invasión, e admitiu o seu temor “a unha subida aínda maior dos custos de produción”. Roche explicou que “a UE é moi dependente enerxéticamente de Rusia, un dos maiores produtores de petróleo e gas natural, o que repercute directamente na produción de abonos”.

España importa tamén unha cantidade ampla de cereais e aceite de xirasol desde Ucrania, en concreto un 42% do total de importacións de cereal no 2020, e un 25% do aceite de xirasol. Ademais, España é hoxe en día o principal destino das exportacións de millo ucraniano, produto clave na alimentación animal. Estas transaccións poderían verse comprometidas polo conflito.

Aínda que os efectos da invasión de Ucrania son aínda imprevisibles, a UPA considera que “a Comisión Europea debería preparar un plan de continxencia que mitigue os danos”, e deste xeito, “evitar o desabastecemento e frear a escalada dos pensos”. Nesta conxuntura, a agrupación agraria destaca tamén a “importancia de apoiar no medio prazo a produción de leguminosas adaptadas ás características climáticas de Europa, tanto para consumo humanos como animal”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información