Concurso e poxa nacional de Rubia Galega este sábado no Corgo

Concurso e poxa nacional de Rubia Galega este sábado no Corgo

O alcalde do Corgo e o presidente de ACRUGA na presentación da poxa e do concurso

Acruga retoma despois de meses de parón polo Covid-19 a súa actividade en feiras gandeiras e farao este sábado, 1 de agosto, coa celebración do concurso, a poxa e a exposición, todas elas de carácter nacional, que se celebran en Adai, no municipio do Corgo.

Esta atípica edición contará cun total de 87 cabezas de gando de raza rubia galega, que tomarán parte na poxa nacional, que alcanza a súa edición número 93; no 33 concurso nacional, e na exposición de exemplares da raza.

Sen dúbida, a cita que maior interese esperta é a poxa de exemplares, que dará comezo ás 12.00 da mañá. Unha hora antes, os interesados en poxar poderán sacar o cartón que lles acredita para participar nas poxas. Sacaranse á venda un total de 26 animais: cinco machos, un de Acruga cun prezo de saída de 1.900 euros, e o resto propiedade de gandeiros privados.

Ademais, poxaranse 21 femias, das cales 7 son de gandarías privadas e as outras 14 pertencen ao rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Estas 14 xovencas, todas elas cun tempo de preñez de entre catro e seis meses e medio de xestación, terán un prezo de saída de 1.900 euros. O resto de prezos, ao tratarse de exemplares procedentes de diferentes explotacións, estableceranos os propios gandeiros ao comezo da poxa.

Unha das vantaxes coas que contarán os gandeiros que desexen adquirir algún destes exemplares, é que recibirán axudas á compra de Caixa Rural Galega; en concreto, 300 euros por cada macho e 200 por cada femia adquirida na poxa.

Concurso e Exposición

No concurso nacional participarán un total de 50 animais, 41 femias e 9 machos, mentres que a exposición estará composta por 11 femias procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. No concurso, hai un total de sete seccciones nas que se premiará ao tres primeiros clasificados de cada unha destas categorías. Son as seguintes:

– Sementais de máis de 26 meses.
– Xatos de 14 a 26 meses.
– Becerros de 8 a 14 meses.
– Vacas paridas: femias > 42 meses.
– Xovencas de 18 a 42 meses.
– Becerras de 8 a 18 meses.
– Machos e femias até os 8 meses de idade.

A entrada de animais ao recinto gandeiro de Adai levará a cabo este xoves para os exemplares que toman parte na poxa, mentres que os que participan no concurso nacional chegarán o venres á mañá. A partir desas datas, os xuíces iniciarán a cualificación dos animais, analizando as súas características morfolóxicas e xenéticas, avaliando as preñeces das femias e comprobando, en definitiva, que cumpren co prototipo racial da rubia galega.

Na edición desta feira, Acruga conta, como xa é habitual, coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia; da Deputación de Lugo e do Concello do Corgo.
Por último, desde ACRUGA lembran a todos os asistentes a obrigación de cumprir todas as medidas de seguridade necesarias fronte ao Covid19, pedindo a todos os asistentes o uso da máscara e que se manteña a distancia de seguridade, ao que se sumarán certos cambios no desenvolvemento da feira para cumprir coa normativa sanitaria.

POXA ACRUGA ADAI 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información